DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35602

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 15 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT811C).

A protección e benestar dos animais de compañía regúlase en Galicia a través da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, e polo Decreto 153/1998, do 2 de abril.

Esta normativa recolle as mínimas atencións que deben recibir os animais, desde o punto de vista hixiénico-sanitario, co fin de garantirlles uns mínimos de bo trato, fixando como principio fundamental de protección o da posesión ou tenza responsable, así como os requisitos que deben cumprir os animais para a súa adopción, entre eles, que proveñan dun centro de recollida autorizado e que sexan entregados identificados e esterilizados.

A Lei 4/2017, do 3 de outubro, establece que corresponde ás administracións locais a recollida de animais abandonados nos seus respectivos termos municipais para os que seu destino prioritario será a súa adopción, e regula no seu artigo 24 os requisitos mínimos que deben cumprirse para a adopción dos animais domésticos abandonados, entre os que se inclúen que o animal doméstico proveña dun centro de recollida autorizado e que fose declarado apto para a adopción polo veterinario ou veterinaria responsable do centro de recollida en que se atope. Ademais destes requisitos, os animais deben ser entregados en adopción identificados, vacinados, desparasitados e esterilizados segundo prescrición da veterinaria ou veterinario responsable, co fin de garantir o seu correcto estado hixiénico-sanitario.

A Lei 4/2017, do 3 de outubro, tamén determina que a adopción deberá ser gratuíta, sen prexuízo de que o propio centro de recollida poida repercutir sobre quen o adopte os custos derivados dos tratamentos fornecidos, da identificación e da esterilización, segundo proceda.

Ademais do anterior, a Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, que entrou en vigor o 29.9.2023, introduce, entre outras novidades, a obriga por parte das comunidades autónomas da elaboración de programas territoriais de protección animal, que deberán incluír medidas orientadas a eliminar os malos tratos animais e a reducir o abandono de animais de compañía e abordarán, entre outros aspectos, o fomento da adopción de animais de compañía.

Este novo contexto normativo suporá un maior esforzo no compromiso da Administración autonómica galega en relación coa atención aos animais abandonados, sendo necesario facilitar o acceso a axudas que permitan fomentar a adopción dos animais abandonados recollidos nestes centros, dando así unha resposta axeitada a estas novas necesidades e complementando, por outra banda, o compromiso xa adquirido pola Xunta de Galicia desde a aprobación da Lei 4/2017, do 3 de outubro, mediante as liñas de axudas establecidas para apoio ás administracións locais e ás entidades de protección animal.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co establecido no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuídas, entre outras, as competencias relativas á aplicación de medidas de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade en Galicia.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT811C).

2. Para os efectos do disposto na epígrafe anterior, entenderanse por animais domésticos de compañía os pertencentes ás especies canina e felina, e por animal entregado en adopción, o animal doméstico abandonado que foi cedido en adopción nun centro de recollida autorizado e que consta correctamente inscrito a nome da persoa adoptante no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (en diante, Regiac) segundo o recollido no artigo 4.7 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

3. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde os custos derivados da identificación, esterilización, desparasitación e vacinación, segundo proceda, que o propio centro de recollida ou un centro veterinario colaborador deste poida repercutir sobre quen adopte un animal doméstico de compañía abandonado acollido nun dos centros de recollida autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

A listaxe de centros de recollida autorizados en Galicia está dispoñible para a súa consulta pública no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no seguinte enlace: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Animais_domesticos_e_salvaxes/seccion.html&std=Inscricion_dun_establecemento.html&sub=Rexistro_de_establecementos_e_de_asociacions/

Artigo 3. Ámbito temporal

Esta orde comprende as axudas para as adopcións que se produzan desde a entrada en vigor desta orde e ata o 30 de setembro de 2024, incluído.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía abandonado que proveña dalgún dos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de cumprirse con respecto ao animal obxecto de adopción os requisitos establecidos no artigo 24.2 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

2. Entenderase, para os efectos desta orde, que un animal foi adoptado por unha persoa cando, rematado proceso de identificación e inscrición no Regiac regulado na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos, conste como persoa titular do animal no citado rexistro. Non serán consideradas como válidas as adopcións para as que non se rematou o proceso de inscrición no Regiac por causas imputables á persoa adoptante.

3. Ademais do anterior, deberán cumprirse os requisitos establecidos no artigo 24.3 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Artigo 5. Requisitos exixibles ás persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas que teñan sancións firmes pendentes de pagamento en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, na Lei 4/2017, do 3 de outubro, ou na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

3. As persoas beneficiarias destas axudas deberán comprometerse a non realizar a transmisión do animal a outra persoa distinta durante toda a vida do animal, agás nos supostos de falecemento da persoa titular do animal adoptado, imposibilidade para continuar coa súa atención e coidado por motivos de enfermidade, incapacidade sobrevida ou de vulnerabilidade económica debidamente xustificados mediante certificado de defunción, informe médico ou dos servizos sociais.

4. No suposto de que o animal adoptado teña a consideración de animal potencialmente perigoso consonte o establecido no artigo 16 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, a persoa beneficiaria deberá contar coa licenza municipal para a tenza e custodia deste tipo de animais, de conformidade co recollido no artigo 17 da antedita lei.

Artigo 6. Contía da axuda

1. O importe máximo da axuda será de 150 €/animal da especie canina adoptado e de 125 €/animal da especie felina adoptado. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

2. O número máximo de animais polos que se poderá percibir a axuda será dun máximo de dous (2) animais por persoa.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 7. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2024.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

3. A solicitude da axuda, segundo o anexo I desta orde (código de procedemento MT811C), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta bancaria para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración responsable de non ter sancións firmes pendentes de pagamento en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 50/1999, do 23 de decembro, na Lei 4/2017, do 3 de outubro ou na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

e) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nin en ningunha das situacións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Compromiso de non realizar a transmisión do animal a outra persoa distinta da persoa beneficiaria durante toda a vida do animal, agás nos supostos falecemento do titular do animal adoptado, imposibilidade para continuar coa súa atención e coidado por motivos de enfermidade, incapacidade sobrevida ou de vulnerabilidade económica debidamente xustificados mediante informe médico ou dos servizos sociais.

4. A solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunhas das circunstancias previstas na alínea d), do número 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera medio válido en dereito, cando proceda.

b) Certificado do persoal facultativo veterinario, segundo o modelo do anexo II, que preste os seus servizos para o centro de recollida autorizado en que se atopa o animal e en que se recollan os seguintes aspectos:

i) Centro de recollida autorizado onde se realiza a adopción.

ii) Que o animal foi declarado apto para a adopción.

iii) Procedementos e tratamentos obrigatorios realizados e completados, segundo proceda:

• Identificación do animal segundo o artigo 12 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

• Esterilización cirúrxica.

• Tratamentos profilácticos: desparasitación e vacinación.

No caso de que non fose realizado algún dos citados procedementos e tratamentos obrigatorios, segundo o artigo 24.2.c) da Lei 4/2017, do 3 de outubro, deberá indicarse o motivo.

c) Copia da factura ou documentos de valor probatorio equivalente en que se detallen os custos derivados dos tratamentos profilácticos fornecidos (desparasitación e vacinación), da identificación e da esterilización, segundo proceda, emitida a nome da persoa adoptante. O citado documento virá acompañado da xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que se incorreu, a través da copia da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Non obstante, para estes efectos, e consonte o disposto no artigo 42.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de importes inferiores a 1.000 €, a documentación acreditativa do gasto e do pagamento poderá consistir no correspondente xustificante de recepción do provedor.

d) No suposto dos animais considerados como potencialmente perigosos, copia da licenza municipal expedida a nome da persoa adoptante.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase, preferiblemente, por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no cumprimento da obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inscrición do animal adoptado no Regiac.

g) Non ter sancións firmes pendentes de pagamento en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, na Lei 4/2017, do 3 de outubro, ou na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

h) Non estar inhabilitado para a tenza de animais.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar, expresamente, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Procedemento de concesión

1. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude de axuda.

3. A orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnen os requisitos establecidos será por orde rigorosa da data de presentación da solicitude.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

4. Estas axudas tramitaranse mediante o procedemento abreviado ao abeiro do artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O Servizo de Conservación da Biodiversidade examinará e revisará a documentación acompañante que se especifica no artigo 10 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requiriráselle á persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. O Servizo de Conservación da Biodiversidade emitirá informes á Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.

5. Unha vez recibida a certificación e a documentación, a Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, como órgano instrutor, realizará as propostas de resolución das solicitudes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo de un mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución é expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

4. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 17. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado polas persoas ou entidades interesadas que fosen propostas como beneficiarias no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa ou entidade beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Artigo 20. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia.

2. As persoas interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

3. A solicitude para ser persoa beneficiaria das axudas incluídas nesta orde levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d), do punto 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BNDS). A BNDS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 21. Pagamento

1. O pagamento corresponderase coa contía indicada no artigo 6 desta orde.

2. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. De acordo co establecido no artigo 12, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as citadas certificacións.

3. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 22. Crédito orzamentario

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, con cargo á aplicación orzamentaria 36.04.541B.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024. O importe asignado é de cento vinte cinco mil euros (125.000 €).

2. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para os efectos. En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución da concesión.

3. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) Dunha transferencia de crédito se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As solicitudes que non se poidan conceder por falta de dispoñibilidade orzamentaria atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte, de se producir.

Artigo 23. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos casos e termos previstos no seu artigo 33.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file