DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35768

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de maio de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 28 de maio de 2024 relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Coto de Trellerma e mais o de Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, no concello de Toén.

Unha vez examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Coto de Trellerma, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Trellerma, e mais do de Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC da Parroquia de Moreiras e Trelle, no concello de Toén, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 13.6.2023 a CMVMC de Trellerma presentou un escrito (Rexel 2023/1749093) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Moreiras e Trelle.

Coa solicitude achegouse a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Planos do deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Toén.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 3 de xullo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Coto de Trellerma, pertencente á CMVMC de Trellerma, e mais o predio ou monte Conchada, do MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata a intersección, coa estrada provincial OU-0518 Moreiras-Trellerma, da recta que une o anterior co vértice 2 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

• O punto inicial da liña (vértice 1, Penedo do Vento) coincide co punto inicial da liña de deslindamento parroquia de Toén-Trellerma (vértice 1); esta última recoñece e valida implicitamente a confluencia das tres citadas comunidades (Trellerma-Moreiras e Trelle-Toén) no punto en cuestión.

• O punto final do deslindamento, determinado xenericamente (segundo a acta da avinza) pola intersección indicada anteriormente, situaríase no punto de coordenadas X: 586.585, Y: 4.682.779.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará a resolución correspondente, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Coto de Trellerma, pertencente á CMVMC de Trellerma, e o MVMC Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 29 de maio de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense