DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35746

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de maio de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 27 de maio de 2024 relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, e os de Xestosa e Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, no concello de Toén.

Unha vez examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Toén, e os de Xestosa e Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, pertencentes á CMVMC da parroquia de Xestosa, no concello de Toén, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 13.6.2023 a CMVMC da parroquia de Toén presentou un escrito (Rexel 2023/1746196) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da parroquia de Xestosa.

Coa solicitude achegouse a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Planos do deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Toén.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 3 de xullo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, pertencente á CMVMC da parroquia de Toén, e os montes Xestosa e Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, pertencentes á CMVMC da parroquia de Xestosa, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice 3 (o situado máis ao N).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, obsérvase que:

• O punto inicial da liña (vértice 1, Penedo do Piñeiral) coincide co punto final da liña de deslindamento da parroquia de Toén-Trellerma (vértice 5) e mais co punto inicial da liña parroquia de Xestosa-Moreiras e Trelle (vértice 1); estas últimas recoñecen e validan implicitamente a confluencia das catro citadas comunidades (Toén-Xestosa-Trellerma-Moreiras e Trelle) no punto en cuestión.

• O punto final da liña (vértice 3) coincide co punto final da liña de deslindamento parroquia de Toén-parroquia de Puga (vértice 10) e mais co punto inicial da liña parroquia de Xestosa-parroquia de Puga (vértice 1); estas últimas recoñecen e validan implicitamente a confluencia das tres citadas comunidades (Toén-Xestosa-Puga) no punto en cuestión.

• Entre os puntos con pares de coordenadas X: 584.663-Y: 4.682.373 (vértice 1, Penedo do Piñeiral) e X: 584.029-Y: 4.683.637 o deslindamento afecta o MVMC Xestosa, mentres que no tramo comprendido entre as coordenadas X: 583.915-Y: 4.683.870 e X: 583.786-Y: 4.684.191 (vértice 3) o deslindamento afecta o MVMC Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2. Pola contra, entre os puntos X: 584.029-Y: 4.683.637 e X: 583.915-Y: 4.683.870, situados entre os vértices 1 e 3 da liña avinzada, non hai veciñanza formal entre as comunidades conciliantes.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación no tramo lindeiro dos MMVVMMCC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo e Xestosa, comprendido entre os puntos con pares de coordenadas X: 584.663-Y: 4.682.373 (vértice 1, Penedo do Piñeiral) e X: 584.029-Y: 4.683.637, e mais no tramo lindeiro dos MMVVMMCC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo e Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, comprendido entre os puntos X: 583.915-Y: 4.683.870 e X: 583.786-Y: 4.684.191 (vértice 3).

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará a resolución correspondente, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, pertencente á CMVMC da parroquia de Toén, e dos MMVVMMCC Xestosa e Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Riveiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, pertencentes á CMVMC da parroquia de Xestosa, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 28 de maio de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense