DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35749

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de maio de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de maio de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común da Xironda, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Xironda, no concello de Cualedro.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC da Xironda, pertencente á CMVMC da Xironda, no concello de Cualedro, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC da Xironda presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2399659) de revisión parcial de esbozo do MVMC da Xironda, no concello de Cualedro.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 29.5.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 22 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión é o perímetro lindeiro con particulares, e queda algunha zona sen aclarar, pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas pola comunidade do monte.

A superficie do MVMC da Xironda resulta de 918,98 ha fronte ás 1.042 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie dun 12 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC da Xironda.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozo de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 22 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC da Xironda, pertencente á CMVMC da Xironda, no concello de Cualedro.

Ourense, 28 de maio de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense