DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 11 de xuño de 2024 Páx. 35423

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MR709B).

O 21 de maio de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (a partir de agora, LRTAG).

Esta lei ten como finalidade a recuperación das terras agrarias de Galicia para uso agrícola, gandeiro e forestal, de xeito que non só enuncia estes valores con carácter xenérico, senón que ademais os incorpora como parte fundamental das medidas e das propostas contidas no seu articulado. Así, o apoio á actividade agrícola e aos ingresos das explotacións agrarias familiares e, nomeadamente, ás mulleres agricultoras, o fomento da aplicación de prácticas agrícolas que contribúan ao mantemento dos ecosistemas e incrementen a capacidade de adaptación ao cambio climático, o fomento da xestión forestal sustentable e activa, e a loita contra a degradación e o abandono dos solos agrarios son á vez cuestións transversais presentes na lei e eixos fundamentais do Pacto verde europeo, moi especialmente da Estratexia «Da granxa á mesa» incluída nel, así como da Acción polo Clima e da nova Estratexia forestal da Unión Europea.

O obxectivo final da LRTAG é loitar contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

Galicia debe corrixir canto antes os desequilibrios existentes no medio rural, como son os graves problemas da súa estrutura territorial agraria composta por pequenas parcelas dispersas pertencentes a propietarios, na súa maioría, desligados do rural, un forte incremento do abandono das terras agrarias, as cales, en moitos casos, son terras de alta ou moi alta produtividade, a excesiva fragmentación e mestura dos diversos usos agroforestais, xunto coa súa localización en terreos que non son sempre os óptimos para eses usos, os importantes problemas ambientais e socioeconómicos, entre os que destacan a vulnerabilidade fronte aos incendios e a baixa eficiencia das actividades agrarias e, por último, o baixo índice de mobilización das terras agrarias mediante compravendas ou arrendamentos.

Pois ben, este conxunto de factores negativos pódese traducir nunha oportunidade para dar resposta á demanda de terra produtiva dos diferentes usos agrícolas, gandeiros e forestais que procede das explotacións actualmente existentes e tamén dun crecente número de novos emprendedores e de persoas e colectivos dispostos a investir no sector.

Co fin de dar cobertura a esta demanda e, en particular, co fin de intensificar a mobilización da terra agraria, a LRTAG inclúe procedementos de mobilización de terras, entre os que se definen as permutas de especial interese agrario como un mecanismo especialmente acaído para mellorar a base territorial das explotacións agrarias galegas, calquera que sexa a súa localización no territorio.

O capítulo VI do título IV da LRTAG regula as permutas de especial interese agrario. No marco desta regulación, o artigo 62.1 prevé, con carácter xeral, que a consellería competente en materia de medio rural incentive a mellora das estruturas das propiedades agrarias mediante permutas de predios agroforestais consideradas como de especial interese agrario. E o artigo 66 regula, de xeito específico, medidas de fomento das permutas de especial interese agrario, entre as que se atopa o establecemento de liñas de axudas específicas que cubran os gastos notariais e de inmatriculación rexistral dos predios, segundo a redacción dada a este artigo pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

A excepcionalidade do réxime de concorrencia non competitiva prevista nas bases reguladoras xustifícase porque no presente caso non é necesaria a comparación de solicitudes entre si e polo interese especial en promover procedementos sinxelos de mobilización de terras que, cumprindo os requisitos especificados nas bases reguladoras, poidan levarse adiante en Galicia.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na LRTAG.

Desde o punto de vista da normativa de axudas públicas, as axudas para as persoas beneficiarias que realicen actividades económicas que se poidan conceder ao abeiro desta resolución están amparadas, segundo o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L) e no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE 24.12.2013, L352/9).

Tendo en conta o anterior, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 11 de xullo de 2013, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2023 (DOG nº 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, así como convocar as axudas correspondentes ao exercicio orzamentario 2024.

2. As axudas consisten en subvencións directas de capital.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia é o MR709B.

Artigo 2. Financiamento

1. As axudas que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, a Axencia) para o exercicio 2024, nos que están previstos cincuenta mil euros (50.000 €), que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 14.A1.712A.781.0 (42.500 €) e 14.A1.712A.770.0 (7.500 €), código de proxecto 2023-00005.

No caso de que sexa necesario, para axustarse ao carácter das persoas beneficiarias das axudas, mudaranse os montantes inicialmente imputados a estas aplicacións orzamentarias, de xeito que se poida dar cobertura con eles, sen variar o montante inicial de 50.000 €, ao maior número de persoas beneficiarias.

2. A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo recolle o artigo 31 da LSG, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. O aludido incremento debe publicarse no DOG e na páxina web da Axencia (https://agader.xunta.es).

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten, mediante resolución da persoa titular da dirección da Axencia, o especial interese agrario da permuta de que se trate.

b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase antes de ditar a proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 12 desta resolución.

c) Ser titulares dos predios a que se refira a permuta de que se trate.

2. Non poderán acceder a estas axudas as persoas que se atopen afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da LSG.

Artigo 4. Características da axuda

1. A axuda cubrirá os gastos notariais de outorgamento da escritura de permuta e mais os gastos rexistrais de inscrición da permuta, así como, de ser o caso, os gastos de inmatriculación dos predios permutados que se produzan durante o período de subvencionabilidade desta axuda, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 15 de novembro de 2024.

2. As axudas para as persoas beneficiarias que realicen actividades económicas que se concedan ao abeiro destas bases reguladoras están amparadas, segundo o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L) e no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE 24.12.2013, L352/9).

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida por un Estado membro a unha empresa determinada non poderá superar os seguintes límites máximos:

a) A axuda de minimis concedida en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante o período dos tres anos previos.

b) A axuda de minimis concedida en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, non pode ser superior a 20.000 euros durante o período do exercicio fiscal en curso e os dous exercicios fiscais anteriores.

Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Artigo 5. Compatibilidade e acumulación de axudas

1. No caso da concesión da axuda a persoas beneficiarias que realicen unha actividade económica deberán respectarse as normas de acumulación das axudas reguladas no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 e no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1408/2013:

a) No suposto de axudas concedidas ao abeiro do Regulamento (UE) nº 2023/2831, estas axudas poderán acumularse coas previstas no Regulamento (UE) nº 2023/2832 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis que prestan servizos de interese económico xeral. Tamén poderán acumularse coas previstas no Regulamento (UE) nº 1408/2013, ata o límite máximo de 300.000 euros durante calquera período de tres anos.

b) No suposto de axudas concedidas ao abeiro do Regulamento (UE) nº 1408/2013, se unha empresa opera tanto no sector da produción primaria de produtos agrícolas como nun ou máis sectores ou desenvolve outras actividades incluídas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831, as axudas de minimis concedidas ás actividades no sector da produción agrícola en virtude do Regulamento 1408/2013 poderán acumularse coas axudas de minimis concedidas a este último sector ou ás actividades ata o límite máximo de 300.000 euros durante calquera período de tres anos, a condición de que se garanta, por medios apropiados como a separación de actividades ou a distinción de costes, que a produción primaria de produtos agrícolas non se beneficia das axudas de minimis concedidas ao abeiro do Regulamento 2023/2831.

2. Á marxe do anterior, as subvencións reguladas nesta resolución serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os límites aplicables segundo a normativa de axudas de Estado.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo I).

Artigo 6. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes, dirixidas á Axencia, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/ (inclúese como anexo I).

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregada pública.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. O prazo para presentar as solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de novembro de 2024. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro ata o esgotamento do crédito aprobado na convocatoria.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) Identificación do acto administrativo polo que se declara a permuta de especial interese agrario.

b) Copia da escritura notarial da permuta. De ser o caso, nota simple da inscrición da permuta de que se trata ou da inmatriculación dos predios afectados.

c) Facturas da notaría e do rexistro da propiedade relativas á permuta ou á inmatriculación de que se trata.

d) Xustificantes bancarios do pagamento das facturas. No caso de pagamentos en metálico, facturas nas que conste que foron pagadas.

e) No caso de que o solicitante actuara por medio dun representante, deberá achegar a documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. Para acreditar a representación poderá empregarse o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se presenten documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código do procedemento e o órgano responsable deste, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presentasen de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos que estean en poder da Administración actuante ou que elaboren as administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante, se é o caso.

c) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Se é o caso, axudas recibidas pola regra de minimis.

i) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos coa advertencia de que, de non o facer, teráselle por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da LSG, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

2. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución do procedemento

Actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da LSG, a Secretaría Xeral da Axencia, á que lle corresponde realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que debe tramitarse e resolverse o procedemento.

En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes presentadas, a instrución e o requirimento ás persoas solicitantes da emenda ou achega da documentación necesaria que resultase de obrigado cumprimento para o procedemento de concesión; todo isto consonte co procedemento recollido no artigo 20.5 da Lei 9/2007.

Artigo 12. Resolución do procedemento

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, por proposta do órgano instrutor e por delegación do Consello de Dirección, resolverá o procedemento. No caso de concesión da axuda a persoas beneficiarias que desenvolvan unha actividade económica, a resolución mencionará o importe da axuda, o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento concreto de minimis que sexa de aplicación.

O prazo para ditar resolución expresa e notificala será de dous meses, contado desde o día seguinte á data de presentación das solicitudes. A persoa interesada poderá entender denegada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou a resolución expresa.

Artigo 13. Recursos contra a resolución das solicitudes de axuda

A resolución das solicitudes de axuda pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente, cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o Consello de Dirección da Axencia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Se o acto administrativo fose presunto, a persoa solicitante e as posibles persoas interesadas poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza. Todo iso, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se a resolución fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. As persoas beneficiarias deberán aceptar de forma expresa a axuda concedida no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da comunicación. Transcorrido este prazo sen comunicar a aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo II, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Notificacións e publicación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicarse por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel efectuaranse a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Publicarase no DOG, de conformidade co artigo 15 da LSG, a relación de axudas que se concedan cando sexan de 3.000 euros ou máis. Así mesmo, todas as axudas, calquera que sexa a súa contía, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Axencia: https://agader.xunta.gal/

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para conceder a axuda poderá dar lugar á modificación da axuda concedida, conforme o que dispón o artigo 17.4 da LSG.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, as persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación da Axencia e a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das subvencións.

Artigo 18. Reintegro da axuda

Procederá o reintegro total da axuda e dos xuros de demora desde o momento do seu aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos en que as persoas beneficiarias incumpran as condicións establecidas para a concesión da axuda ou, de ser o caso, nos supostos previstos nos artigos 32 e 33 da LSG e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG.

Artigo 19. Pagamento da axuda

Para o pagamento da axuda non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria distinta da presentada xunto coa solicitude da axuda.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberán cumprirse as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da LSG, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o Consello de Dirección da Axencia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional segunda. Información sobre o procedemento

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web da Axencia: https://agader.xunta.gal/

2. Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

3. Nos teléfonos 881 99 71 93 e 981 54 58 15 da Axencia.

4. De xeito presencial, na Axencia (lugar da Barcia, 56. Laraño. 15897 Santiago de Compostela), con cita previa nos teléfonos 881 99 71 93 e 981 54 58 15.

Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional cuarta. Habilitación para o desenvolvemento

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia poderá ditar as resolucións, acordos, instrucións e aclaracións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación destas bases reguladoras.

Disposición derradeira única. Aplicación da resolución

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

missing image file
missing image file
missing image file
MR709B G ANEXOS.pdf