DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 11 de xuño de 2024 Páx. 35442

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 29 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MR709B).

BDNS (Identif.): 766274.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/
bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poden ser persoas beneficiarias as que acrediten, mediante resolución da persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o especial interese agrario da permuta.

Ademais, han de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT, nos pagamentos coa Seguridade Social e no pagamento das débedas coa Administración Pública da comunidade autónoma.

Non poderán acceder a estas axudas as persoas que se atopen afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto é regular o procedemento para a concesión das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, así como convocar as axudas para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MR709B).

Cuarto. Contía

O importe asignado á convocatoria de 2024 é de cincuenta mil euros (50.000 €) e imputarase ás aplicacións orzamentarias 14.A1.712A.781.0 (42.500 €) e 14.A1.712A.770.0 (7.500 €), código de proxecto 2023-00005, dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación no DOG da Resolución do 29 de maio de 2024 e rematará o 15 de novembro de 2024. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexto. Outros datos

A concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

A axuda cubrirá os gastos notariais de outorgamento da escritura de permuta e mais os gastos rexistrais de inscrición da permuta, así como, de ser o caso, de inmatriculación dos predios permutados.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural