DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 10 de xuño de 2024 Páx. 35228

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ribadumia

ANUNCIO de información pública sobre a aprobación inicial da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno da Corporación municipal, na súa sesión ordinaria que tivo lugar o 2 de maio de 2024, en relación co expediente de aprobación inicial da modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ribadumia, tramitada para a ampliación e regularización do solo industrial do polígono industrial de Cabanelas, adoptou o acordo que na súa parte dispositiva se transcribe literalmente:

Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ribadumia, tramitada para a ampliación e regularización do solo industrial do polígono industrial de Cabanelas, que incorpora as previsións recollidas no informe ambiental estratéxico emitido polo órgano ambiental, nos termos que constan no expediente.

Segundo. Someter os ditos documentos a información pública por un período de dous (2) meses, en cumprimento do dito acordo e das prescricións contidas no artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, coa publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

Durante o dito período quedará o expediente ao dispor de calquera que queira examinalo ou obter copias para que se presenten as alegacións que se consideren pertinentes; estará ao dispor dos interesados na sede electrónica deste concello (https://www.ribadumia.org).

Terceiro. Suspender o outorgamento de licenzas no ámbito das áreas afectadas pola modificación do Plan xeral (para o suposto de que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente); en todo caso, esta suspensión extinguirase coa aprobación definitiva da modificación puntual en proxecto.

Cuarto. Solicitarlles ás administracións afectadas pola súa competencia especial que emitan o correspondente informe para os efectos regulados na lexislación sectorial.

De conformidade co disposto no artigo 60.7 da LSG e no 144.7 do seu regulamento, trasladarase a documentación ao órgano competente da consellería en materia de urbanismo, co fin de que lles outorgue audiencia aos concellos limítrofes e se soliciten os informes sectoriais autonómicos que resulten preceptivos.

O expediente poderase consultar no Departamento de Urbanismo do Concello de Ribadumia, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), ou ben no Portal de transparencia do Concello de Ribadumia, na sede electrónica.

Ribadumia, 9 de maio de 2024

David J. Castro Mougán
Alcalde