DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 7 de xuño de 2024 Páx. 34625

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

A Convención da organización das Nacións Unidas para a educación, a ciencia e a cultura (Unesco), para salvagardar o patrimonio cultural inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

O artigo 1.2 da citada LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditamina o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e créase o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no ordinal 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».

O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.

O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.

O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no cal o ben se manifesta, así como as condicións concretas nas que se produce.

O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

O inicio da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, sempre exposto no altar maior da Catedral de Lugo, data do 1 de marzo de 1669, época na que se redacta unha escritura para o donativo de 30.000 ducados para aumentar o culto ao Santísimo na catedral luguesa. A primeira celebración celébrase en xuño de 1672 sendo esta moi similar á que se desenvolve na actualidade, e que leva celebrándose de forma ininterrompida desde ese ano.

O propio desenvolvemento da celebración mantívose constante na súa estrutura principal: coas solemnes vésperas, o acto da Ofrenda e a procesión posterior. Na primeira metade do século XX, en tempos de Frei Plácido Rey Lemos, instaurouse a quenda actual de cidades e as respostas polos bispos vinculados ás dioceses, xa que ata ese momento as facían os bispos da cidade de Lugo.

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento é unha celebración na que toda Galicia se ve representada, na que se une tanto a parte civil como a eclesiástica, nun só evento que supón un dos últimos expoñentes dese histórico Reino de Galicia, e unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan a entidade política histórica de Galicia, que desapareceu administrativamente coa división, na primeira metade do século XIX, de Galicia en catro provincias.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento se configura como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, é susceptible de ser declarada ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Tendo en consideración todo o exposto, e o contido da documentación do expediente, e por resultar a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, contados a partir da data desta resolución. Se, transcorrido ese prazo, non se emitise resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento administrativo.

Segundo. Inscribir de forma preventiva a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicar a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderase examinar no Servizo de Inventario (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque, 2º andar, en Santiago de Compostela), con petición de cita previa.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición da manifestación inmaterial

1. Denominación: a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

2. Natureza e condición:

• Natureza: inmaterial.

• Condición: manifestación.

• Categoría: os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos (artigo 9.3. a).5º LPCG).

• Interese: etnolóxico e histórico.

3. Contexto histórico da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ten a súa orixe na escritura que o 1 de marzo de 1669 se redactou na cidade da Coruña entre os representantes do Reino de Galicia e Juan Velo, cóengo maxistral do cabido lugués, e que foi o representante elixido para iso por este. Nela formalízase un donativo de 30.000 ducados que manifesta unha contribución colectiva en beneficio principalmente da Catedral que se configura, así como elemento simbólico catalizador dun esforzo colectivo do conxunto dun Reino que se concibe así mesmo como unidade.

A doazón achegada polo Reino de Galicia á Catedral de Lugo, así como converter este edificio en centro de atención de Galicia durante a Idade Moderna, fai que a historia das orixes desta celebración sexa de crucial importancia para entender o desenvolvemento do edificio ao longo desa segunda metade do século XVII e de todo o século XVIII, celebrándose de forma ininterrompida esta celebración durante todo ese período temporal.

A primeira data clave é o 14 de xaneiro de 1669. Nese día o Cabido da Catedral de Lugo redacta un documento no que, por man do cóengo maxistral Juan Velo, se apela ao gran privilexio que tiña da exposición continua do Santísimo Sacramento como factor que move o compromiso de todos e cada un dos representantes do Reino en canto partícipes institucionais no mantemento daquilo que a sociedade galega vivía como elemento relevante da súa identidade.

O memorial incluído é na actualidade un dos documentos históricos máis prezados da longa historia da Diocese de Lugo, nel Juan Pallares Gayoso comeza poñendo en valor a antigüidade do privilexio da exposición continua, achegando o dato de que «ai mais de Mill e nobenta Anos (no sentir mais avaro) que no Altar de ssu Capela maior, goza este Nobilissímo Reyno, a Verdadeira e Real presençia do noso Redemptor Sacramentado, continuamente, día, e noite Patente».

Outro dos aspectos que máis traspasou á historia de Galicia con respecto a este documento é a súa referencia á bandeira de Galicia; neste sentido achega o dato de: «Muy noble y leal Reino de Galiçia....goza este Nobilissímo Reyno, la Verdadera y Real presençia de nuestro Redemptor Sacramentado, continuamente, día, y noche Patente, …De aquí tubo prinçipio, y se originô borrar el dragón berde, y leon roxo (Armas de los Reys Suevos, que al tiempo tenian en este Reyno su Corte) y trasladar al dorado campo del escudo de sus Armas, la Ostia, no, dentro de basso Sacramental oculta (como mal pensaron historiadores modernos) si sobre el Caliz, ô de manifiesto en su custodia…» Un texto moi revelador de como Galicia se concibía a si mesma na súa personalidade política de moi notables e profundas raíces históricas. Raizame con continuidade, autorrecoñecemento e permanencia no tempo, que é, ao que este expediente atende, máis aló da confesionalidade propia de épocas pasadas que, como non podía ser doutra maneira, impregnan os enunciados característicos dese momento.

O documento orixinal do donativo foi redactado, ao longo de oito folios nas Actas das Xuntas do Reino de Galicia do 1 de marzo de 1669, por unha institución que se vía a si mesma como representante dunha entidade con categoría multisecular de Reino e que en calidade de tal era a interlocutora do conxunto de Galicia ante a raíña rexente, que non puxo impedimento para a concesión.

Unha das condicións máis importantes que reflicte a escritura do donativo é, sen dúbida, a número sete. Nela faise mención á celebración da Ofrenda, a cal chegou ata os nosos días: «Que para que se perpetué más, y fervorice la devoción, y se reconozca ser hecha dicha dotación por el Reyno, es condición que todos los años se ofrezcan los dichos mil y quinientos ducados en nombre del Reyno». Establece esta sétima condición as bases da celebración actual, incluíndo os prolegómenos do sábado, e que coas modificacións establecidas ao longo dos séculos, chegou aos nosos días mantendo a súa esencia.

A primeira celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento non se celebraría ata o domingo 19 de xuño de 1672, máis de tres anos despois da escritura do donativo, debido a todas as xestións necesarias para que o contido nesta escritura fose convertido en realidade.

Nesta data realízase a primeira celebración da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, e o primeiro rexedor é Juan Pardo Monzón, representante da cidade de Mondoñedo, e que xa estivera presente nos prolegómenos da escritura do donativo en 1669; nesa data do 19 de xuño tamén se puxeron as catro candeas, e Miguel de Ulloa é o rexedor protagonista da Ofrenda en 1674, datas que deron inicio a unha tradición secular que segue presente nos nosos días, aínda que con algunhas modificacións que se foron efectuando ao longo deste período temporal, como a realizada en 1925 polo prelado frei Plácido Rey Lemos, que estableceu unha quenda de cidades ofertantes, comezando por Lugo, seguida da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui.

4. Desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial.

A celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento engloba nesta denominación toda unha serie de actos que inclúen as solemnes vésperas, o propio acto da Ofrenda ou a posterior procesión polas rúas do centro da cidade de Lugo.

Solemnes vésperas: o alcalde que por quenda lle toca realizar a Ofrenda asiste, xunto con outras autoridades, o sábado anterior ao día da Ofrenda á Catedral de Lugo, e marcha en procesión desde o Concello de Lugo ata a entrada norte, onde é recibido por representantes do Cabido da Catedral de Lugo. Ao acto asiste tamén o bispo da Diocese de Lugo, así como membros do Cabido e outros representantes da diocese.

Día da Ofrenda ao Santísimo Sacramento: o domingo posterior á festividade de Corpus Christi celébranse os actos centrais desta celebración, que comezan polo percorrido que fan as autoridades desde o Concello de Lugo ata a porta norte da Catedral. Tras a recepción por parte de membros do Cabido, as autoridades sitúanse no coro, co representante da cidade que por quenda lle toca realizar a Ofrenda na zona dianteira, con dous cóengos e un cofre que contén a ofrenda, que a día de hoxe ten un compoñente simbólico.

Nesta celebración realízanse dous discursos, un correspondente ao representante civil que realiza a ofrenda e outro, en resposta, por parte do bispo que por lle toca por quenda. Algo que goza de aprecio social e que transcende a opinión pública local como proxección do seu significativo valor institucional.

Tras a Eucaristía e a Ofrenda, os representantes, tanto civís como eclesiásticos, marchan en solemne procesión co Santísimo Sacramento exposto encima dunha carroza polas rúas do centro de Lugo; partindo da porta do Bo Xesús, e pasando pola praza Maior ou rúa da Raíña, antes de retornar ao momento de partida; a procesión está embelecida con música, bailes, unha choiva de pétalos de flores ou o son das campás da catedralicia Torre dos Signos.

5. Marco temporal no que se desenvolve a manifestación inmaterial.

O acto central da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento celébrase sempre o domingo posterior á festividade do Corpus Christi, e celébrase nos seus inicios o domingo infraoctavo de Corpus; neste acto están representadas as cinco dioceses galegas (Mondoñedo-Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui-Vigo), así como as sete antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui.

Na actualidade séguese unha quenda que foi instaurada na primeira metade do século XX polo bispo Plácido Rey Lemos, onde cada representante dunha cidade realiza a ofrenda, e é respondido polo bispo de diocese que a engloba, sendo a quenda a seguinte: 1º Lugo, 2º A Coruña, 3º Santiago de Compostela, 4º Ourense, 5º Betanzos, 6º Tui, 7º Mondoñedo.

6. Marco espacial no que se celebra a manifestación inmaterial.

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento ten lugar na cidade de Lugo, capital da provincia homónima. O centro desta celebración acontece no interior da Catedral de Santa María, na capela maior onde está exposto, día e noite, o Santísimo Sacramento nunha custodia regalo de Juan Saénz de Buruaga de 1772. A Ofrenda faina nesta capela o delegado rexio da cidade que por quenda lle toca, mentres o resto de personalidades agarda no coro, situado este na nave principal, fronte ao tabernáculo de mármore, executado por José de Elejalde en 1766, que serve de trono ao Santísimo Sacramento.

A celebración inclúe tamén o traxecto que fan as autoridades civís, tanto o sábado como o domingo, desde o Concello de Lugo, situado na praza Maior ata a praza de Santa María, onde son recibidos polo Cabido da Catedral de Lugo na entrada norte, baixo o pórtico que garda o Pantocrátor e a bóveda pendente (pinjante) eucarística.

Tras finalizar a Ofrenda, a celebración inclúe unha procesión que percorre as principais rúas do centro de Lugo, que sae pola porta do Bo Xesús da Catedral, pasa polo Concello de Lugo e volve ao momento de partida na praza Pío XII.

Aínda que a celebración se realiza en Lugo, están presentes, entre outros, os representantes das sete antigas cidades principais do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui.

7. Valoración cultural.

A cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, celebrada anualmente na Catedral de Lugo, representa un caso singular dentro da cultura e o patrimonio inmaterial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao expoñer de forma única a secular tradición dos galegos e as galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo a través dos séculos.

Esta cerimonia veuse celebrando de forma ininterrompida desde o terceiro cuarto do século XVII ata a actualidade, ao ir adaptándose ás circunstancias políticas que se foron sucedendo ao longo dos séculos, como a división de Galicia en catro provincias en 1833 e, ao mesmo tempo, deixar de denominarse administrativamente como Reino de Galicia.

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento reúne cada domingo posterior ao Corpus Christi na basílica luguesa os representantes das sete antigas cidades capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui, e esta cerimonia é a principal mostra de unión destas antigas sete cidades capitais na actualidade.

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento ten un valor cultural sobranceiro, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao tratarse dunha cerimonia que se mantén durante máis de tres séculos e medio que reflicte o carácter de unión do pobo de Galicia, o que supón un feito único dentro do conxunto de cerimonias deste tipo que se conservaron no noso país. Ademais, cómpre engadir, como complemento do anterior, que a cerimonia representa unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan a entidade política histórica de Galicia.

8. A comunidade portadora e as formas de transmisión.

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia representa unha tradición viva que foi herdada dos nosos devanceiros, e se conserva de xeración en xeración. Neste sentido, a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia adáptase á perfección á definición que dá a Convención da Unesco para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, reflectindo un uso ou expresión que un grupo de individuos recoñece como parte integrante do seu patrimonio cultural, transmitíndose de xeración en xeración, sendo celebrado constantemente por unha comunidade, supoñendo unha interacción coa súa historia e infundindo un sentimento de identidade e continuidade.

Un aspecto clave na relevancia que a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ten é o papel protagonista que ten a comunidade portadora desta manifestación inmaterial para a súa conservación. A comunidade portadora é transcendental na acción de salvagardar a tradición vinculada á Ofrenda, así como os protocolos, cerimonias ou prácticas vinculadas a ela, sendo esta comunidade portadora a responsable de preservar o proceso evolutivo desta cerimonia, transmitíndoa intra e interxeneracionalmente. É importante confirmar que as manifestacións inmateriais teñen un «locus» espacial, mais este pode mostrar ámbitos e alcances menos claros, xa que neles prima a propia comunidade portadora das formas culturais que os integran, así como polo carácter dinámico e a súa esencia de poder ser compartido.

Un aspecto crucial en canto á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é que esta abarca historicamente toda Galicia, non unha localidade en concreto, senón toda unha comunidade, feito visible en aspectos como o propio escudo de Galicia e a orixe da Ofrenda nas Xuntas do Reino de Galicia: o día 1 de marzo de 1669 formalizouse na cidade da Coruña a escritura para un donativo que o Reino de Galicia daba ao Cabido da Catedral de Lugo, para aumentar o culto ao Santísimo Sacramento no Altar Maior.

Esta solicitude ás Xuntas do Reino de Galicia foi aceptada de forma unánime polos representantes das sete cidades capitais do Reino de Galicia, as cales eran: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui, pero representaban, como expón nitidamente o memorial, toda a xeografía de Galicia, como se pode comprobar de forma elocuente polas mencións que se recollen da celebración da Ofrenda durante o século XX, por exemplo en 1924, cando se describe a chegada a Lugo, o domingo da Ofrenda, de galegos provenientes de Tui, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Betanzos, Sarria, Monforte de Lemos, Vilalba, Mondoñedo, Viveiro, Ribadeo, Becerreá, Chantada ou A Fonsagrada.

A comunidade portadora da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, por tanto, e en conclusión, pódese considerar que foi historicamente o pobo de Galicia, que aínda que nominalmente se visibilizaba coas sete cidades capitais e os seus representantes, así como os representantes eclesiásticos (bispos, cabidos, abades, etc.), realmente abarcaba todo o pobo galego.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores sinalados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.

O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no punto 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».

Así mesmo, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

En consecuencia, é conveniente proceder ao rexistro e á sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural inmaterial para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del.

As investigacións publicadas sobre a manifestación inmaterial da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia suman unha certa entidade, o que a converte nunha das cerimonias que máis estudos monográficos rexistrou na Comunidade Autónoma de Galicia. Entre elas, as realizadas polo cóengo Portabales Nogueira, polo arquiveiro compostelán Pablo Pérez Costanti nas súas Notas Viejas Galicianas, por Adolfo de Abel, ou polo cóengo José Molejón Rañón, autor da primeira monografía sobre a celebración La Ofrenda del Antigo Reino de Galicia al Santísimo Sacramento. Durante o século XXI intensifícanse aínda máis os traballos de investigación sobre a manifestación cultural inmaterial.

Neste sentido, aínda cando as investigacións presentes representan avances significativos no coñecemento da celebración, débese proseguir con outras novas que indaguen naqueles aspectos históricos que nova documentación poida facer aflorar. Ao mesmo tempo, haberá que profundar nos modos de garantir o obxecto de protección desta manifestación inmaterial, é dicir, a súa expresión relixiosa, sen vulnerar a aconfesionalidade das institucións e cumprindo e respectando a Administración o seu inescusable deber de neutralidade e imparcialidade, sen menoscabo do valor de culto xunto ao valor cultural, que é o que aquela debe garantir. A impregnación cultural relixiosa da manifestación explícase polas súas orixes e a mentalidade colectiva que a foi desenvolvendo en cada fase temporal e no seu dinamismo inherente. En coherencia co artigo 16 da Constitución, a aconfesionalidade propia do actual Estado social e democrático de dereito respecta e acolle, desde a neutralidade e a cooperación, o que é consubstancial á cerimonia e ao rito, que perderían mesmo a cualificación histórica ou cultural se se desprendese da súa vertente relixiosa ou se baleirase das súas pervivencias visibles. Son esas manifestacións as que, sen cuestionar as libres e plurais conviccións ou crenzas da cidadanía, lle outorgan a solemnidade e a forza evocadora de símbolo na súa permanencia a través do tempo.

Pola súa vez, considérase preciso desenvolver medidas de promoción e valorización da Ofrenda, co fin de mostrala como unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan o Antigo Reino de Galicia, tendo en conta que no pasado a lexitimación das institucións políticas e administrativas estaban nutridas dun sentido relixioso que as interrelacionaba entre si e coas autoridades eclesiásticas a través de usos, espazos e representacións exteriores compartidas.

En definitiva, no marco dos convenios internacionais e ao abeiro da normativa estatal e autonómica relativa ao patrimonio inmaterial, estamos ante usos sociais, rituais e actos institucionais e cerimonias únicas que chegaron ata o de agora en liña de continuidade co que foi a identidade histórica e política de Galicia como reino e que, por tanto, na esfera que lle compete aos poderes públicos da orde civil, e en cumprimento do mandato de cooperación que deriva do texto constitucional, en particular do seu artigo 16.3, a Comunidade Autónoma ten o deber de salvagardar na súa dimensión netamente cultural e, con ese alcance, promover a súa transmisión, achegamento, recoñecemento e autenticidade.