DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 7 de xuño de 2024 Páx. 34802

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2024, da Dirección Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2024/137-4).

Expediente: IN407A 2024/137-4.

Promotor: Concello de Sanxenxo.

Denominación: recuamento LMTS nas rúas Madrid e Constitución.

Concello: Sanxenxo.

Feitos:

1. O 26.3.2024 o Concello de Sanxenxo solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada Recuamento LMTS nas rúas Madrid e Constitución.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial César Méndez Lorenzo, colexiado 1350 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña-Santiago, e nel figura un orzamento total de 32.450,72 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste no recuamento dunha liña de media tensión subterránea mediante as seguintes actuacións previstas nas rúas Constitución e Madrid, no concello de Sanxenxo (Pontevedra):

– Desmontaxe de dous tramos de 42 metros da liña de media tensión subterránea (LMTS) existente en condutor RHZ1 2OL 12/20 kV 3x240AL.

– Instalación dunha LMTS en dobre circuíto de 2 x 142 metros de lonxitude, que irá conectada á LMTS existente VLG809.

2. Esta dirección territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Sanxenxo, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas. O promotor manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Augas de Galicia.

Os demais organismos non presentaron obxeccións ás obras proxectadas.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, dobre circuíto, con condutor RHZ1, de 2×142 metros de lonxitude, con orixe e final nos empalmes que se van realizar na LMTS existente VLG809.

A instalación está situada nas rúas Madrid e Constitución, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgarlle ao Concello de Sanxenxo as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Recuamento LMTS nas rúas Madrid e Constitución, expediente IN407A 2024/137-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. O Concello de Sanxenxo asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta dirección territorial, xunto coa seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de maio de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra