DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 7 de xuño de 2024 Páx. 34594

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 29 de maio de 2024 pola que se modifica a Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, crea a Axencia de Turismo de Galicia, entidade co obxectivo básico de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo. Entre o seu obxecto encóntrase o impulso á innovación, investigación, formación e cualificación das empresas e profesionais do sector turístico. Dentro da Axencia de Turismo de Galicia está o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), que entre as súas funcións ten o desenvolvemento da docencia e a investigación conforme as exixencias metodolóxicas e substantivas propias de toda institución do ámbito universitario.

Mediante a Orde do 4 de xullo de 2014 (DOG núm. 128, do 8 de xullo) fixáronse os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións impartidas polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

A citada orde foi modificada pola Orde do 6 de setembro de 2016 (DOG núm. 187, do 30 de setembro) no que respecta á denominación da titulación Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, que pasa a denominarse Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

Así mesmo, a Orde do 22 de agosto de 2017 (DOG núm. 168, do 5 de setembro) e a Orde do 3 de outubro de 2019 (DOG núm. 199, do 18 de outubro) modifican o seu artigo 3 e a segunda delas tamén fixa os prezos privados para o alumnado que obteña unha bolsa ou axuda ao estudo.

A Orde do 2 de novembro de 2022 (DOG núm. 214, do 10 de novembro) modifica a Orde do 4 de xullo de 2014, xa que no curso 2022/23 o CSHG comezou a impartir o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, ao tempo que se actualizaron os conceptos de reserva de praza e anticipo de matrícula e se actualizaron os conceptos que incluía a matrícula ordinaria.

Faise preciso realizar unha nova modificación da Orde do 4 de xullo de 2014, toda vez que se vai reducir o importe da matrícula tanto do Diploma Superior en Xestión Hoteleira como no grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, ao tempo que se prevé o importe de matrícula e conceptos, que incluirá esta, para a nova titulación que se vai impartir no CSHG, o Curso Superior de Xefe de Cociña e Pastelaría.

Elimínanse os prezos previstos para a titulación xa extinguida do Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

Modifícanse os importes dos prezos das bolsas e actualízase o contido dos conceptos que inclúe a matrícula ordinaria tanto do Diploma Superior en Xestión Hoteleira como no grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

A presente orde consta dun único artigo, no cal se modifica o anexo.

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia de Turismo de Galicia e logo do informe favorable da Consellería de Facenda e Administración Pública, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia

O anexo da Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia queda redactado como segue:

ANEXO

Prezos privados dos estudos

1. Prezos de matrícula ordinaria por titulación:

Diploma Superior en Xestión Hoteleira:

– Alumnado beneficiario dunha bolsa tipo I: redución dun 80 % do importe da matrícula.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa tipo II: redución dun 50 % do importe da matrícula.

4.000,00 €

Grao a tempo completo en Xestión de Empresas Hostaleiras:

– Alumnado beneficiario dunha bolsa tipo I: redución dun 80 % do importe da matrícula.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa tipo II: redución dun 50 % do importe da matrícula.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa de excelencia académica: redución dun 80 % do importe da matrícula.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa para persoas galegas residentes no exterior: redución dun 80 % do importe da matrícula.

4.000,00 €

Grao a tempo parcial en Xestión de Empresas Hostaleiras:

– Alumnado beneficiario dunha bolsa tipo I: redución dun 80 % do importe da matrícula.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa tipo II: redución dun 50 % do importe da matrícula.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa de excelencia académica: redución dun 80 % do importe da matrícula.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa para persoas galegas residentes no exterior: redución dun 80 % do importe da matrícula.

2.000,00 €

Curso Superior de Xefe de Cociña e Pastelaría:

2. Prezos anticipo de matrícula e outros:

Diploma Superior en Xestión Hoteleira:

– Anticipo de matrícula.

– Dereitos de matrícula por materia.

– Dereitos de exame en 3ª convocatoria e extraordinaria.

411,28 €

246,77 €

246,77 €

Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

– Anticipo de matrícula.

– Dereitos de matrícula por materia.

411,28 €

40,00 €

por crédito ECTS

Curso Superior de Xefe de Cociña e Pastelaría:

– Anticipo de matrícula.

411,28 €

3. Conceptos que inclúe a matrícula ordinaria:

Diploma Superior en Xestión Hoteleira:

– Dereitos de matrícula.

– Docencia: sesións teóricas e prácticas, sesións de titoría.

– Dereitos de exame de 1ª e 2ª convocatoria.

– Excursións de interese docente organizadas polo CSHG.

– Seguro de accidentes (válido por un ano natural).

– Almorzo e xantar, de luns a venres, durante o período docente, de acordo co calendario académico en curso.

– Alta de socio, como alumno/a, no Club de Antigos Alumnos.

– Uso de instalacións deportivas do CSHG: pistas de tenis, fútbol sala, ximnasio.

Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

– Dereitos de matrícula no CSHG.

– Apertura de expediente e servizos xerais no CSHG.

– Docencia: sesións teóricas e prácticas, sesións de titoría.

– Dereitos de exame de 1ª convocatoria (dúas oportunidades por curso académico).

– Uniformes de prácticas.

– Lote de utensilios de traballo (para cociña e servizos).

– Excursións de interese docente organizadas polo CSHG.

– Almorzo e xantar, de luns a venres, durante o período docente, de acordo co calendario académico en curso.

– Alta de socio, como alumno/a, no Club de Antigos Alumnos.

– Uso de instalacións deportivas do CSHG.

Curso Superior de Xefe de Cociña e Pastelaría:

– Dereitos de matrícula.

– Apertura de expediente e servizos xerais.

– Docencia: sesións teóricas e prácticas, sesións de titoría.

– Uniformes de prácticas.

– Lote de utensilios de traballo.

– Excursións de interese docente organizadas polo CSHG.

– Almorzo e xantar, de luns a venres, durante o período docente, de acordo co calendario académico en curso.

– Seguro de accidentes.

– Alta de socio, como alumno/a, no Club de Antigos Alumnos.

– Uso de instalacións deportivas do CSHG.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes