DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 6 de xuño de 2024 Páx. 34400

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 23 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024 as axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios (código de procedemento TR353D).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7ª da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, dispón que unha das consellerías que a integra é a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e, de acordo coa disposición transitoria deste decreto, mentres non se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida nel, os órganos superiores e de dirección existentes manterán a súa estrutura e funcións.

Correspóndelle a esta consellería o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego, así como propoñer, deseñar, coordinar e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral e do emprego, emprendemento, emprego autónomo, cooperativas e outras entidades de economía social, formación para o emprego, orientación e colocación, intermediación laboral, así como política laboral, relacións laborais, seguridade e saúde laboral, e responsabilidade social empresarial.

Entre as súas prioridades básicas, atópase o fomento de todas aquelas actuacións que permitan dinamizar e aproveitar as oportunidades de creación de emprego, apoiando, neste senso, todo tipo de actividades de formación de carácter especializado que posibiliten a creación e consolidación de empresas, como fórmulas de xeración de proxectos emprendedores e innovadores.

Así mesmo, correspóndelle a colaboración e coordinación das diferentes actuacións con outros axentes territoriais, organismos, institucións públicas e privadas de ámbito nacional, autonómico e local vinculadas ou que realicen actividades de fomento do emprendemento e apoio ao emprego, e, en xeral, apoiar e promover calquera tipo de actividade que contribúa á mellora do emprendemento de Galicia.

Con data do 9 de novembro de 2023 o Consello da Xunta aprobou a Estratexia impulso autónomo horizonte 27, coa finalidade de potenciar a percepción do emprego autónomo non como refuxio en tempos de crise, senón como a vía óptima para que calquera persoa poida desenvolver o seu proxecto profesional de xeito equilibrado coa súa vida persoal, aproveitando as vantaxes que presenta en canto á súa flexibilidade na organización e planificación do traballo. O emprego autónomo ofrece a oportunidade, mellor que ningunha outra formula, para deseñar un itinerario profesional á medida das necesidades e circunstancias da persoa traballadora.

Por este motivo, a Estratexia impulso autónomo horizonte 27 céntrase en apoiar e promover o nacemento de iniciativas de emprego autónomo sólidas, con apoios para a súa consolidación e o acompañamento en todo o seu ciclo de vida ata a remuda xeracional.

O eixe 2 da citada estratexia: Fortalecer o ecosistema competitivo do emprego autónomo en Galicia, recolle como unha das súas liñas de actuación a de Potenciar a remuda xeracional mediante un programa experto de transmisión, cun espazo virtual de matching e un encontro anual de referencia.

Moitos negocios das persoas traballadoras autónomas tiveron que pechar as súas portas por falta de remuda xeracional, de maneira que estas axudas tentan facilitar que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente que pecha por xubilación, incapacidade ou falecemento da persoa titular.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro ); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño ) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro ), modificado polo Regulamento (UE) nº 209/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Polo exposto, unha vez obtidos os informes da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2024, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as axudas do Bono remuda para o fomento do traspaso de negocios por remuda xeracional (código de procedemento TR353D).

A finalidade desta orde é evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.

Os negocios obxecto de remuda deberán ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúase do requisito de inscrición na Bolsa de remuda os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A remuda, para ser subvencionable, deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 44.04.322C.472.0, código de proxecto 2024 00189 da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais recollidas na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe de 1.500.000 € desagregado en dúas liñas de axudas:

Liña 1. Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, dotada con 1.000.000 €.

Liña 2. Bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 5.000 ou máis habitantes, dotada con 500.000 €.

2. No caso de que existan remanentes nalgunha liña de axudas, logo de atender todas as solicitudes presentadas en cada unha delas, poderán utilizarse os remanentes para atender as solicitudes da outra liña de axudas, se fose necesario.

3. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento da partida orzamentaria asignada a cada liña de axudas.

4. A modalidade de financiamento é con fondos finalistas do Estado procedentes do Servizo de Emprego Público Estatal. Os créditos que financian esta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas), e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) Dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 (concorrencia non competitiva).

Artigo 5. Definicións

Para os efectos de esta orde, considérase:

1. Concello de menos de 5.000 habitantes: aquel que teña un número de habitantes inferior a 5.000 segundo os datos do Padrón municipal de habitantes en 31 de xaneiro de 2023. Fonte INE (publicado no web do Instituto Galego de Estatística https://www.ige.gal/igebdt/esqv.jsp?idioma=gl&c=-1&ruta=verTabla.jsp?OP=1&B=1&M=1&COD=589&R=9913[all];1[2023]&C=0[all]&F=&S=&SCF=#)

2. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.

b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude.

3. Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.

4. Remuda: para os efectos desta orde, enténdese por remuda a transmisión do negocio da persoa ou entidade titular del a unha ou varias, sempre que supoña a continuación da actividade, que, doutro xeito, tería cesado, e que os motivos da transmisión sexan por incapacidade permanente, nos seus graos de total, absoluta ou gran invalidez, por xubilación, proximidade a idade de xubilación (62 anos ou máis), ou falecemento da persoa titular do negocio.

Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias do Bono remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.

b) Que non teñan transcorrido más de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA e no IAE da persoa titular do negocio, e que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia deste. Para estes efectos, enténdese por mesma actividade a que que coincida polo menos a nivel de 2 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.

c) Que o negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia. (Poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos 12 polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios). Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

d) Que a transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no cal, necesariamente, deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato. Para os efectos da concesión de axudas, abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas en que figure, igualmente, o prezo total e o obxecto do devandito acordo.

No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que, necesariamente, deberá ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria.

O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.

e) Que se realice o cambio de titularidade da licenza de apertura e/ou actividade no concello correspondente ou, de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.

f) As beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.

2. A remuda que se subvenciona nesta orde ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte; polo tanto, na persoa que traspasa o negocio, ten que se dar algunha das seguintes circunstancias:

a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).

b) Ser declarada en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.

c) Ser herdeiras da/s persoa/s titulares do negocio, no caso de falecemento destas.

Artigo 7. Exclusións

1. Exclúense os traspasos de negocios realizados coa persoa cónxuxe ou parella de feito da persoa titular.

2. Así mesmo, non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

3. Tampouco poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 8. Accións subvencionables, intensidade da axuda e prazo de execución

1. O Bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que, previamente, estivese inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1.1. A porcentaxe do prezo do contrato para subvencionar varía segundo a liña de axuda:

– Na liña 1. Bono remuda rural, subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.

– Na liña 2. Bono remuda xeral, subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.

1.2. No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos, o importe para percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugamento. O importe mensual do alugamento deberá figurar no contrato de remuda.

1.3. No caso de traspaso dunha sociedade e cando a remuda non inclúa a totalidade de participacións da sociedade, o importe da axuda será proporcional á porcentaxe de participación obxecto de remuda.

1.4. A intensidade da axuda, en calquera das liñas, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si:

– Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.

– Que persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.

– Que persoa que adquire o negocio teña os 52 anos feitos na data da solicitude.

– Que o negocio traspasado teña máis de 5 traballadores.

1.5. Igualmente, e no caso da liña 1. Bono remuda rural, a intensidade da axuda incrementarse un 10 % máis cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.

– Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.

– Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade en que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

1.6. A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros.

2. Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos.

3. Non se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas establecidas nesta orde serán incompatibles coas axudas convocadas para o ano 2024 no procedemento TR802R Es-Transforma, coas axudas ao emprendemento do procedemento TR880A do ano 2023 e 2024 e coas axudas que, polos mesmos conceptos e gastos, poidan outorgar a mesma ou outras administracións públicas.

2. Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Solicitudes: forma, lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365z (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de outubro de 2024

5. A presentación da solicitudes implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.

6. Só se concederá unha solicitude por persoa/entidade solicitante. No caso de que algunha persoa presente máis dunha solicitude, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estea resolta favorablemente.

7. No formulario normalizado (anexo I) realizaranse as seguintes declaracións respecto da persoa/entidade solicitante:

a) Que, coa presentación da solicitude, acepta a subvención e as obrigas reguladas nesta orde.

b) Que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións ou, de ser o caso, que si as solicitou, indicando o conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Así mesmo, comprométese a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite ou obteña para a mesma actuación doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que cumpre todos os requisitos necesarios para a concesión e o pagamento destas axudas e que, no caso de ser beneficiaria das axudas, aplicará esta aos gastos subvencionables.

d) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Que non esta incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Que non concorre ningunha das circunstancias previstas no número 2 do artigo 10 de la Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se reúnen as condicións para ser beneficiario de acordo co establecido no artigo 6 da orde de convocatoria.

g) Que non incorre en ningunha das incompatibilidades sinaladas no artigo 9 e non concorre ningunha das causas de exclusión sinaladas no artigo 7 da orde de convocatoria.

h) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Que non foi excluído/a do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46.2 do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

j) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

k) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.

l) Que ten presentado ante o rexistro correspondente ou ben aprobadas pola Asemblea Xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio.

m) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

n) Que dispón dos documentos asinados pola persoa que transmite o negocio en que autoriza ou se opón á comprobación dos seus datos, segundo o anexo IV. Este documento poderá ser requirido pola Administración en calquera momento.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan excepcionadas da dita representación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.

b) Plan de negocio segundo o modelo do anexo II, acompañado dun informe de valoración de calquera das asociacións de persoas profesionais autónomas máis representativas en Galicia coas que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración establecerá o correspondente acordo de colaboración para tal efecto, ou por calquera dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia.

c) Cando estea formalizada a transmisión, contrato de remuda elevado a escritura pública, en que figure descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.

d) No caso de que non estivese formalizada a transmisión mediante contrato de remuda elevado a escritura pública, acordo de transmisión do negocio ou actividade asinado polas dúas partes implicadas, con indicación do prezo total do traspaso e descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso, e, no caso de persoas autónomas societarias, ademais, a porcentaxe de accións ou participacións que se adquiren.

e) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

f) Certificado de situación censal do negocio que se traspasa ou calquera outro documento que acredite a antigüidade do negocio.

g) Se for o caso, resolución da incapacidade total ou absoluta, ou gran invalidez, ditada polo órgano competente, no caso de remuda por incapacidade da persoa traballadora transmisora.

h) Se for o caso, documentación xustificativa da herdanza, no caso da transmisión do negocio por parte das persoas herdeiras por falecemento da persoa traballadora autónoma dona do negocio:

i) Se for o caso, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

j) Se for o caso, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

k) Se for o caso, contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros,

l) Se for o caso, documento cos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarias, para agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica.

m) Se for o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación dos períodos de alta na dita mutualidade, que presupoña ou non o exercicio de actividade, para as persoas mutualistas.

n) No caso de que o negocio que se traspasa teña máis de 5 persoas traballadoras, informe de vida laboral do código de cotización correspondente ao mes anterior á transmisión do negocio.

ñ) Documentación xustificativa da axuda sinalada no artigo 21.

o) Documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable, no caso de que as persoas solicitantes se opuxesen á comprobación dos datos.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa ou entidade interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa ou entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR353D) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. O órgano instrutor poderá solicitar outra documentación complementaria para efectuar as comprobacións oportunas, no caso de que non poida verificala coa documentación achegada ou solicitada electronicamente.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante, se é o caso.

e) Datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante, se é o caso.

f) Inscrición na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, para os efectos de obter subvencións.

h) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia, para os efectos de obter subvencións.

i) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, para os efectos de obter subvencións.

j) Consulta concesións pola regra de minimis.

k) Consulta concesións de subvencións e axudas.

l) Consulta inhabilitación para obter subvencións e axudas.

m) Certificado do domicilio fiscal.

n) Consulta da alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).

ñ) Consulta de alta no RETA.

Igualmente, comprobaranse os seguintes datos da persoa que transmite o negocio:

a) DNI ou NIE da persoa que transmite o negocio.

b) Vida laboral dos últimos 12 meses da persoa que transmite o negocio.

c) Informe de vida laboral do código de cotización correspondente ao mes da transmisión do negocio e o seguinte, no caso de que o negocio que se traspasa teña máis de 5 persoas traballadoras.

No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta Cidadá da persoa ou entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Competencia para instruír e resolver

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.

2. O órgano competente para a instrución dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Artigo 16. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde é de concorrencia non competitiva, e polo tanto, axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou a non concesión, a desistencia da solicitude ou a renuncia ao dereito. As ditas resolucións notificaránselles ás persoas interesadas.

2. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa ou entidade beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Na resolución de concesión informarase ás persoas beneficiarias que estas axudas se someten ao regulamento (UE) Regulamento núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro), e aos regulamentos (UE) núm. 717/2014, do 27 de xuño de 2014 (sector pesca e acuicultura) e núm.1408/2013, do 18 de decembro (sector agrícola).

3. Toda vez que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda se deben cumprir con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa ou entidade beneficiaria se recollen na presente orde, no artigo 23, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.

4. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

5. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Estimación parcial da solicitude

No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos para os cales non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente, logo da aceptación pola da persoa ou entidade solicitante. De se producir con posterioridade perdas do dereito ao cobramento doutras solicitudes, ou no caso de que se amplíe o crédito, poderá concederse unha contía adicional pola diferenza da estimación parcial.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efecturase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 21. Xustificación da axuda

1. O prazo para xustificar a axuda será de 2 meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución de concesión e, como data límite, o 15 de novembro de 2024.

Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvenciones deste programa deberá terse realizado, como data límite, o 31 de outubro de 2024.

Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido no parágrafo anterior comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A documentación xustificativa da axuda deberá presentarse xunto coa solicitude de pagamento segundo o modelo do anexo III, acompañada os seguintes documentos:

a) Escritura do contrato de remuda debidamente formalizado onde conste o prezo total do contrato e figure no concepto o de remuda de negocio ou actividade.

b) Comunicación do cambio de titularidade da licenza de apertura e/ou actividade no concello correspondente ou, de ser o caso, comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento.

c) Recibo de transferencia bancaria onde conste o importe do prezo do contrato, a persoa emisora e o receptora, que deben corresponderse coa persoa que adquire o negocio e coa que traspasa. No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos, recibos de transferencia bancaria onde conste o pagamento do importe do alugamento dos meses que corresponda.

d) Informe de vida laboral do código de cotización correspondente ao mes da transmisión do negocio e o seguinte, no caso de que o negocio que se traspasa teña máis de 5 persoas traballadoras.

e) Alta no rexistro mercantil, de ser o caso.

Non será preciso achegar a documentación sinalada neste punto 2 cando xa se presentase coa solicitude da axuda.

4. Só se admitirán os documentos bancarios en que consten o número de conta e a titularidade das persoas receptoras e emisoras dos pagamentos, e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da Internet ou pagamentos con tarxeta. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura ou contrato de remuda. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberase presentar unha desagregación onde se poidan identificar os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

5. O pagamento da subvención será único e efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

6. O pagamento realizarase unha vez comprobada a documentación xustificativa da axuda e comprobado que a persoa beneficiaria non ten débedas coa SS, Atriga ou a AEAT.

7. Cando a cantidade xustificada sexa inferior á concedida, declararase a perda do dereito ao cobramento polo importe das contías non xustificadas.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 23. Obrigas xerais das persoas e entidades beneficiarias e supostos de reintegro

1. Son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Manter a alta no RETA ou na mutualidade de Previsión social do colexio profesional que corresponda ou no Rexistro Mercantil e manter a alta no imposto sobre actividades económicas da localidade onde vaia desenvolver a actividade económica, durante os 3 anos posteriores á data da escritura do contrato de remuda.

Durante un mínimo dun ano desde a data da escritura do contrato de remuda deberá manter a mesma actividade económica para a que se lle concedeu a axuda e, no caso de que, con posterioridade, se produza unha modificación da dita actividade, deberá comunicalo ao órgano concedente.

c) Manter a alta no imposto sobre actividades económicas da localidade onde vaia a desenvolver a actividade económica durante os 3 anos desde a data da escritura do contrato de remuda.

Durante un mínimo dun ano desde a data da escritura do contrato de remuda, deberá manter a mesma actividade económica para a que se lle concedeu a axuda e, no caso de que, con posterioridade, se produza unha modificación da actividade, deberá comunicalo ao órgano concedente.

d) No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos, a obrigatoriedade de permanecer de alta no IAE da localidade onde vaia desenvolver a actividade económica será tamén de 3 anos desde a data da escritura do contrato de remuda, e deberá manter, igualmente durante ese tempo, a mesma actividade económica.

e) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Agás aquelas persoas ou entidades beneficiarias que, pola normativa vixente, estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as persoas ou entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). De acordo con esta obriga, as persoas deberán anunciar no seu domicilio social e/ou nos seus centros de traballo que están sendo subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público, de tamaño mínimo A3 que inclúa o nome da entidade, o logotipo da Xunta de Galicia e o do Ministerio de Traballo e Economía Social e o SEPE. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre a axuda financeira recibida da Xunta.

Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais que constan na sede electrónica https://sede.xunta.gal/

i) Cumprir as obrigas de transparencia previstas no artigo 25, quedando suxeitas as persoas beneficiarias ás consecuencias do incumprimento das ditas obrigas, de conformidade co establecido no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

k) Notificar a totalidade das axudas obtidas, dentro do réxime de minimis no que se encadra esta orde, debendo sinalar, ademais, cales destas foron obtidas para a mesma finalidade.

l) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

m) No caso de que o negocio que se traspasa teña persoas traballadoras contratadas por conta allea, cumprir coas obrigas de subrogación destas persoas que derivan do contrato de remuda.

n) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A persoa ou entidade beneficiaria quedaría eximida das obrigas das letras b), c) e d) do punto 1 deste artigo no caso de cesamento da actividade por causas sobrevidas alleas á súa vontade, as cales deberá acreditar fidedignamente: motivos económicos, perda de licenza administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente.

Enténdese por motivos económicos aqueles alleos á vontade da persoa beneficiaria sempre que sexan superiores á contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentenzas xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuítos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións etc.

Artigo 24. Reintegro e perda do dereito ao cobramento

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impidan: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á persoa beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 23.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, ou de conservación de documentos, previstas na letra d) do artigo 23, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da finalidade de manter a mesma actividade económica para a que se lle concedeu a axuda: reintegro do 50 % da subvención concedida.

e) O incumprimento da obriga en materia de publicidade previsto no artigo 23.1.e): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir á persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a quince (15) días hábiles, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

g) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

h) O incumprimento da obrigas sinaladas nas letras b), c) e d) do artigo 23.1: reintegro da parte proporcional da axuda.

i) O incumprimento de subrogación das persoas traballadoras sinalado na letra m), de ser o caso, poderá dar lugar ao reintegro total da axuda.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Axudas de Estado

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:

a) Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante calquera período de tres anos.

b) Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

c) Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.

2. As persoas solicitantes das axudas están obrigadas a declarar as axudas percibidas baixo o réxime de minimis, segundo o recollido no anexo I da solicitude.

Artigo 27. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa ou entidade beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

4. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

5. Con independencia do disposto nos puntos anteriores, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente orde poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file