DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 5 de xuño de 2024 Páx. 34050

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2024 pola que se lle dá publicidade á resolución de concesión das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG408C).

Mediante a Resolución do 18 de setembro de 2023 (DOG núm. 185, do 28 de setembro), publicáronse as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa centros de fabricación avanzada), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva.

As ditas bases establecen no seu artigo 14.4 que a resolución conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva do 22 de maio de 2024 de concesión das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa centros de fabricación avanzada), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas. O texto completo da resolución non se publica no Diario Oficial de Galicia na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que as persoas interesadas accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas, utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido entenderase rexeitada.

Esta convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o cofinanciamento do 20 % mediante fondos propios da Comunidade Autónoma e o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Obxectivo específico 1.3: o reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.

Actuación 1.3.01: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.

Campo de intervención TI0021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e o Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda implica a aceptación da persoa beneficiaria a ser incluída na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Así mesmo, a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do devandito Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez (10) días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez (10) días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica