DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 4 de xuño de 2024 Páx. 33774

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 24 de maio de 2024 pola que se aproba o Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

A regulación do réxime de inspección industrial e dos plans e programas de inspección en materia de seguridade industrial recóllese no título I do libro primeiro do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 219/2008, do 25 de setembro, regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola que a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, ten por obxecto a supervisión, o control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, que comproba a adecuación da súa posta en funcionamento e as condicións de servizo aos requisitos legais, regulamentarios e técnicos previstos na normativa aplicable e, de ser o caso, exixe as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

Tal e como establece o artigo 13.2 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria aprobarase o obxecto, contido e ámbito de actuación que fundamentan cada plan, así como as instrucións que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas e os servizos correspondentes das delegacións provinciais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que deben realizarse conforme o plan e os programas que se aproben.

En virtude de todo o anterior, e de conformidade coas atribucións que me son conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Por medio desta orde apróbase o Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Artigo 2. Obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan de inspección en materia de seguridade industrial

1. O obxecto do Plan de inspección en materia de seguridade industrial será a comprobación da adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dun ou de varios dos regulamentos de seguridade e da normativa que lles sexan aplicables.

2. O Plan de inspección en materia de seguridade industrial 2024 estará composto por catro programas:

Programas

Sectores

Nº de

inspeccións

1

Instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial

Instalacións eléctricas de baixa tensión

250

Alta tensión e centros de transformación particulares

200

Ascensores

150

Instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos: subministración a vehículos

100

Instalacións de almacenamento de produtos petrolíferos para a subministración de combustible a vehículos propios

100

Instalacións térmicas nos edificios

50

Instalacións de almacenamento de produtos químicos

50

Instalacións de gas

200

Instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais

50

2

Empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial

Declaracións responsables de empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial

200

3

Accidentes graves

Establecementos industriais afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, no seu nivel superior

Todas as de nivel superior

4

Centros de bronceado

Centros de bronceado

100

Artigo 3. Execución

1. As direccións territoriais da Consellería de Economía e Industria farán a selección dos establecementos, instalacións e actividades que sexan obxecto de inspección con criterios de oportunidade e aleatoriedade.

2. A repartición numérica das inspeccións entre as catro direccións territoriais farase consonte os seguintes criterios:

– Programa accidentes graves: cada dirección inspeccionará os establecementos afectados radicados na súa provincia.

– Resto de programas: as direccións territoriais de Coruña e Pontevedra desenvolverán cada unha o 30 % das inspeccións programadas; as direccións de Lugo e Ourense desenvolverán cada unha o 20 % das inspeccións programadas.

3. Cada dirección territorial remitirá á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, con data límite do 30 de abril de 2025, un informe asinado polo correspondente director/a territorial en que se indique por cada programa:

– Número de inspeccións desenvolvidas.

– Número de inspeccións favorables inicialmente.

– Número de inspeccións non favorables inicialmente que emendaron todas as deficiencias detectadas.

– Número de inspeccións non favorables inicialmente que permanecen sen emendar todas as deficiencias detectadas.

– Número de inspeccións das cales se trasladou o expediente para a incoación de expediente sancionador.

Artigo 4. Metodoloxía

1. A articulación da xestión, do desenvolvemento e da execución dos programas de inspección en que se estrutura o Plan de inspección 2024 farase conforme os principios establecidos no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A realización dunha inspección a un establecemento, instalación ou actividade incluída nun programa de inspección non eximirá o devandito establecemento, instalación ou actividade de realizar a correspondente inspección regulamentaria.

Artigo 5. Obrigas dos titulares

Os titulares dos establecementos, instalacións ou actividades obxecto do Plan de inspección están obrigados a permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como a achegar calquera información ou documentación que se lle solicite en relación coa inspección que se realice.

Artigo 6. Ámbito xeográfico do Plan de inspección en materia de seguridade industrial

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección a que se refire esta orde alcanzará os establecementos, instalacións e actividades situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 7. Vixencia do Plan

A vixencia do Plan de inspección 2024 comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderase ata o 31 de marzo de 2025.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da secretaría xeral competente en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio do 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria