DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 4 de xuño de 2024 Páx. 33758

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2024/25.

O currículo na Comunidade Autónoma de Galicia para as etapas educativas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato concrétase, respectivamente, no Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia; e o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola súa vez, os aspectos regulados nestes decretos desenvólvense a través da Orde do 30 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa; a Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa; a Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa; e a Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.

Nas ditas ordes habilítase para o seu desenvolvemento normativo a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as medidas precisas para a súa execución.

Por todo o anterior, é preciso ditar instrucións para o desenvolvemento no curso 2024/25 das ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia e, de conformidade co exposto, como directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato para o curso académico 2024/25.

2. Esta resolución é de aplicación nos centros docentes sostidos con fondos públicos correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales se impartan as ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

CAPÍTULO II

Educación infantil

Artigo 2. Aspectos xerais na educación infantil

1. Nas primeiras semanas do curso organizaranse as actuacións necesarias para favorecer a transición desde a familia ou desde a escola infantil de primeiro ciclo á nova situación de ensino e aprendizaxe.

2. Propiciaranse contornas escolares saudables e seguras a través de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde adaptadas a esta etapa educativa e atenderase ao benestar emocional deste alumnado.

Artigo 3. Horario na educación infantil

1. O horario escolar organizarase desde un enfoque globalizador e incluirá propostas de aprendizaxe que permitan alternar diferentes tipos e ritmos de actividade con períodos de xogo e de descanso en función das necesidades do alumnado.

2. Os períodos lectivos organizaranse baixo criterios de flexibilidade que lle permitan ao profesorado adecualos ás características das tarefas, de xeito que o horario estea sempre ao servizo da metodoloxía. No desenvolvemento da xornada escolar combinaranse tempos de rutinas con tempos de actividades específicas, segundo as características e as necesidades das alumnas e dos alumnos.

3. A dirección do centro poderá asignarlle ao profesorado que non complete as horas lectivas tarefas relacionadas prioritariamente coa atención á diversidade e de apoio e reforzo para o alumnado do centro que o necesite; esta asignación poderá ser revisada unha vez realizada a avaliación inicial ou, de ser o caso, durante o curso.

Artigo 4. Planificación do proceso de ensino e aprendizaxe

1. A planificación do proceso de ensino e aprendizaxe deberá garantir a impartición do currículo do segundo ciclo ao longo dos seus tres cursos.

Para estes efectos, o profesorado distribuirá os criterios de avaliación e os contidos establecidos no currículo de cada área en cada un dos cursos, tendo en conta que cada criterio de avaliación e contido debe ser tratado, como mínimo, nun dos tres cursos.

2. Poderanse elaborar programacións didácticas combinando, por nivel educativo, calquera das tres áreas da etapa: Comunicación e Representación da Realidade, Crecemento en Harmonía e Descubrimento e Exploración da Contorna.

3. Os criterios de avaliación serán os referentes para valorar o progreso do alumnado nos informes de avaliación que se trasladan ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais. Para estes efectos, o profesorado poderá seleccionar en cada avaliación os criterios de avaliación susceptibles de ser informados ás familias.

4. As mestras e os mestres especialistas que exerzan o seu labor docente no ensino de lingua estranxeira ou de aprendizaxes relacionadas coa súa especialidade poderán participar na elaboración da programación didáctica da área da cal formen parte as ditas aprendizaxes.

CAPÍTULO III

Educación primaria

Artigo 5. Aspectos xerais na educación primaria

1. Para favorecer a transición do alumnado entre as etapas de educación infantil e de educación primaria adoptaranse as medidas necesarias que se basearán na información que consta nas correspondentes memorias finais, así como nos informes do alumnado elaborados ao final do curso 2023/24.

2. A planificación do primeiro ciclo de educación primaria basearase en metodoloxías que non supoñan unha ruptura abrupta respecto das empregadas durante a etapa de educación infantil.

3. Para atender ao alumnado de forma coordinada nos aspectos educativos e emocionais cómpre prestar especial atención á transición entre niveis e ciclos dentro desta etapa e será especialmente necesaria a colaboración entre os equipos docentes.

Artigo 6. Horario na educación primaria

1. A distribución das áreas en cada xornada e durante a semana realizarase atendendo exclusivamente a razóns pedagóxicas e organizativas. Nese sentido, os centros docentes, no uso da súa autonomía, poderán organizar o horario lectivo en cada xornada en sesións ou medias sesións que se poderán agrupar co fin de potenciar estratexias metodolóxicas para o desenvolvemento das competencias ou de traballo interdisciplinario.

2. A dirección do centro poderá asignarlle ao profesorado que non complete as horas lectivas tarefas relacionadas prioritariamente coa atención á diversidade e de apoio e reforzo para o alumnado do centro que o necesite; esta asignación poderá ser revisada unha vez realizada a avaliación inicial ou, de ser o caso, durante o curso.

Artigo 7. Agrupación de áreas en ámbitos

1. A constitución de ámbitos requirirá autorización expresa do Servizo Territorial de Inspección Educativa. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización e configurarán en XADE a oferta de ámbitos (Mantemento > Convocatoria 2024/2025 > Ensinanzas > Ámbitos) antes do 12 de xullo de 2024.

2. Os ámbitos autorizados no curso 2023/24 consideraranse prorrogados no curso 2024/25 nos mesmos termos. No caso de que o centro non desexe continuar coa constitución deses ámbitos, deberá comunicalo á Inspección educativa e eliminar en XADE para o curso 2024/2025 a configuración da oferta de ámbitos (Mantemento > Convocatoria 2024/2025 > Ensinanzas > Ámbitos) antes do 12 de xullo de 2024.

CAPÍTULO IV

Educación secundaria obrigatoria

Artigo 8. Oferta de materias no centro

1. Os centros docentes remitirán á dirección territorial correspondente, antes do 12 de xullo de 2024, a solicitude de autorización excepcional para impartir cun número menor de alumnado as materias optativas de terceiro e cuarto curso ou materias de opción de cuarto curso, tendo en conta a regulación do artigo 4 da Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro.

2. Na oferta das materias de linguas estranxeiras terase en conta que:

a) Con carácter xeral, o alumnado estudará o mesmo idioma na materia Lingua Estranxeira nos catro cursos da etapa.

b) Con carácter xeral, o alumnado estudará o mesmo idioma na materia Segunda Lingua Estranxeira no primeiro e no segundo curso da etapa.

c) O alumnado que opte por cursar un idioma diferente na materia Segunda Lingua Estranxeira en terceiro ou en cuarto curso, sen cursala en anos anteriores, deberá contar coa competencia necesaria para poder seguir a programación correspondente e acadar os obxectivos previstos.

Artigo 9. Agrupación de materias en ámbitos

1. A constitución de ámbitos requirirá autorización expresa do Servizo Territorial de Inspección Educativa. Para estes efectos, os centros docentes remitirán a solicitude de autorización e configurarán en XADE a oferta de ámbitos (Mantemento > Convocatoria 2024/2025 > Ensinanzas > Ámbitos) antes do 12 de xullo de 2024.

2. Os ámbitos autorizados no curso 2023/24 consideraranse prorrogados no curso 2024/25 nos mesmos termos. No caso de que o centro non desexe continuar coa constitución deses ámbitos, deberá comunicalo á Inspección educativa e eliminar en XADE para o curso 2024/2025 a configuración da oferta de ámbitos (Mantemento > Convocatoria 2024/2025 > Ensinanzas > Ámbitos) antes do 12 de xullo de 2024.

3. No caso de que unha alumna ou un alumno deba cursar un ámbito do que forme parte unha materia obxecto de validación ou exención, o profesorado terá en consideración esta circunstancia para efectos da avaliación.

Artigo 10. Exención da Segunda Lingua Estranxeira

1. O alumnado de primeiro e de segundo curso que presente dificultades continuadas no proceso de aprendizaxe, en particular nas materias lingüísticas, poderá quedar exento de cursar a materia de Segunda Lingua Estranxeira.

2. A decisión sobre a aplicación desta medida recaerá na dirección do centro, unha vez oídos a nai, o pai ou as persoas titoras legais da alumna ou do alumno, e poderá ser tomada:

a) Nos primeiros días do curso, tendo en conta, de ser o caso, os informes elaborados no final do curso 2023/24 polas persoas titoras en colaboración co departamento de orientación coa proposta de alumnado que poida ser obxecto desta exención.

b) Na sesión de avaliación inicial, o equipo docente, á vista dos datos e información analizados, poderá realizar outras propostas de exención ou de incorporación á dita materia.

Para estes efectos, a persoa titora, en colaboración co departamento de orientación, elaborará un informe que incluirá a descrición das dificultades continuadas que presenta a alumna ou o alumno, así como unha proposta das aprendizaxes en que se debe enfocar o reforzo que recibirá a alumna ou o alumno, que trasladará á dirección do centro para que decida sobre a aplicación da medida.

c) No caso do alumnado que se incorpore ao centro procedente do estranxeiro ou de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia despois de iniciado o curso escolar e de realizada a sesión de avaliación inicial, o informe que recolla a proposta para aplicar esta medida elaborarase, de ser o caso, a partir dos resultados da súa avaliación inicial.

3. Tras as decisións tomadas na avaliación final do curso 2024/25 do sexto curso da educación primaria e de primeiro curso da educación secundaria obrigatoria, a persoa titora, en colaboración co departamento de orientación, elaborará un informe que recolla as propostas da medida de exención da materia de Segunda Lingua Estranxeira para o curso 2025/26, que será entregado á dirección do centro.

Artigo 11. Incorporación ao programa de diversificación curricular

Para a incorporación do alumnado ao programa de diversificación curricular seguirase o procedemento establecido no punto 8 do artigo 61 da Orde do 8 de setembro de 2021, logo de realizada a avaliación final correspondente.

A dirección do centro elevará a proposta de incorporación do alumnado, xunto co resto de documentación do procedemento, antes do 12 de xullo de 2024, ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, quen emitirá autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de diversificación curricular.

Artigo 12. Matrícula de honra

Co fin de garantir o principio de igualdade e a libre concorrencia entre todo o alumnado, as cualificacións obtidas na avaliación final das ensinanzas de relixión e na materia Proxecto Competencial non computarán no cálculo da media para os efectos da mención de matrícula de honra.

Artigo 13. Probas ou actividades personalizadas extraordinarias

1. A inscrición e a matrícula realizaranse nos últimos dez días hábiles do mes de maio no centro educativo onde a alumna ou o alumno estivese matriculado por última vez no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria.

2. As probas ou actividades personalizadas extraordinarias realizaranse no mes de xuño e o seu calendario e horario harmonizarase coas actividades lectivas finais de curso.

3. En cada centro docente no cal se realicen as probas ou actividades personalizadas extraordinarias crearase unha comisión de avaliación constituída polo conxunto de profesorado encargado da avaliación das materias, que terá as seguintes funcións:

a) Deseño das probas para cada materia.

b) Organización e desenvolvemento das probas ou actividades personalizadas extraordinarias.

c) Avaliación e cualificación das probas ou actividades personalizadas extraordinarias.

d) Elaboración das actas da avaliación.

e) Proposta de resolución das reclamacións presentadas.

f) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias.

4. Cada materia ou ámbito serán avaliados por un único membro do profesorado que, con carácter xeral, será unha profesora ou un profesor que se encargue de impartilos no curso académico, e asinará as actas de avaliación correspondentes.

5. Realizarase unha sesión de avaliación nas datas establecidas para a sesión de avaliación final na cal participará o profesorado responsable das probas ou actividades e será coordinada pola persoa que exerza a xefatura de estudos ou a persoa en que delegue.

6. Os centros docentes en que se desenvolvan as probas ou actividades personalizadas extraordinarias darán, a través dos departamentos de orientación, a información e a orientación que demanden as persoas interesadas. Para estes efectos, logo de rematado o proceso de matrícula, o equipo directivo do centro encargarase de organizar e coordinar unha xornada de acollemento para as persoas matriculadas, xunto coa orientadora ou o orientador do centro, co fin de transmitir a información precisa, dar as instrucións que consideren convenientes e aclarar as dúbidas xurdidas para o mellor desenvolvemento destas probas ou actividades personalizadas extraordinarias.

O profesorado informará, cando menos, dos obxectivos, criterios de avaliación, contidos, instrumentos de avaliación e criterios de cualificación de cada materia ou ámbito en que a alumna ou o alumno estea inscrito, así como dos criterios de titulación.

CAPÍTULO V

Bacharelato

Artigo 14. Oferta de materias no centro

Os centros docentes remitirán á dirección territorial correspondente, antes do 12 de xullo de 2024, a solicitude de autorización excepcional para impartir cun número menor de alumnado as materias de modalidade ou as materias optativas, tendo en conta a regulación do artigo 4 da Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

Artigo 15. Materias pendentes

O alumnado que no curso 2023/24 optase por repetir segundo de bacharelato por materias soltas e, no curso 2024/25, volva optar por repetir por materias soltas deberá matricularse das materias pendentes e da materia común Historia da Filosofía, no caso de non tela cursada e superada.

Artigo 16. Cambio de modalidade ou vía

1. O alumnado que cambie de modalidade ou vía deberá cursar e superar as seis materias específicas da nova modalidade ou vía elixida, a materia obrigatoria e dúas materias de opción correspondentes ao primeiro curso, e a materia obrigatoria e dúas materias de opción correspondentes ao segundo curso, así como todas as materias comúns e as materias optativas de primeiro e de segundo curso.

2. As materias cursadas e superadas que non forman parte das materias requiridas para efectos de titulación pola nova modalidade ou vía non se terán en conta para o cálculo da nota media de bacharelato.

Artigo 17. Alumnado que estea en posesión do título profesional de Música ou de Danza, de técnica ou técnico de Formación Profesional ou de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño

1. O alumnado que desexe cursar exclusivamente as materias comúns por estar en posesión do título profesional de Música ou de Danza, de técnica ou técnico de Formación Profesional ou de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño deberá solicitalo ao formalizar a matrícula de bacharelato.

A solicitude deberá ir acompañada de documento acreditativo de estar en posesión do título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente e da documentación que acredite que está en posesión título profesional de Música ou de Danza, técnica ou técnico de Formación Profesional ou de Artes Plásticas e Deseño.

Este alumnado, ao ter que superar exclusivamente as materias comúns para a obtención do título de bacharel, poderá formalizar a matrícula en calquera centro con oferta de bacharelato con independencia da modalidade.

2. Este alumnado terá as mesmas condicións de permanencia e promoción no bacharelato que o resto do alumnado.

3. O centro matriculará este alumnado na aplicación Xade elixindo a opción que corresponda:

a) No caso do réxime ordinario:

– Materias comúns – Técnicas/os de FP.

– Materias comúns – Artes Plásticas e Deseño.

– Materias comúns – Música e Danza.

b) No caso do réxime de adultos:

– Oficial – Materias soltas.

Artigo 18. Alumnado que cursa bacharelato en tres anos académicos

O centro matriculará na aplicación Xade o alumnado que solicite cursar o bacharelato en tres anos académicos elixindo a opción que corresponda:

a) No caso do réxime ordinario:

– Bac-3 anos – Deportistas Alto Nivel/Rendemento.

– Bac-3 anos – Ensinanzas profesionais Música e Danza.

– Bac-3 anos – Outros.

b) No caso do réxime de adultos:

– Oficial – Materias soltas.

Artigo 19. Nota media da etapa

1. A nota media final da etapa obterase calculando a media aritmética das cualificacións de todas as materias cursadas necesarias para obter o título de bacharel pola modalidade ou vía elixida. Para estes efectos, terase en conta que:

– As materias de 1º curso que teñan que ser cursadas e superadas para poder matricularse en 2º curso de materias con relación de continuidade consideraranse materias necesarias para obter o título de bacharelato e, polo tanto, computarán no cálculo da nota media.

– A alumna ou o alumno deberá indicar, no momento da solicitude de cambio de modalidade ou vía, se quere que se considere unha materia específica, cursada e superada, da modalidade que abandona como materia optativa.

– No caso do alumnado que titule, por decisión do equipo docente, pola superación de todas as materias agás unha, no cálculo da súa nota media terase en conta a cualificación da materia non superada.

2. A nota media normalizada da etapa obterase calculando a media aritmética das cualificacións de todas as materias cursadas, agás a cualificación das ensinanzas de relixión, necesarias para obter o título de bacharel pola modalidade ou vía elixida, e coas mesmas consideracións indicadas para a nota media final da etapa.

Artigo 20. Adquisición doutra modalidade de bacharelato

As persoas que obtivesen o título de bacharel por unha das modalidades ou vías reguladas no Decreto 157/2022, do 15 de setembro, e desexen adquirir outra modalidade ou vía deberán cursar e superar as materias específicas de modalidade de primeiro e de segundo curso que se requiran na nova modalidade ou vía matriculándose no réxime de persoas adultas e coas condicións que se establezan para eses efectos.

CAPÍTULO VI

Planificación e seguimento das actividades lectivas

Artigo 21. Planificación das actividades lectivas

1. A programación didáctica elaborarase por nivel educativo para cada unha das áreas, materias e ámbitos e será a mesma para todos os grupos do nivel.

No caso de que o centro imparta ensinanzas de bacharelato do réxime xeral e do réxime de persoas adultas, a programación didáctica para as materias de cada réxime adaptarase ás características propias do ensino de cada réxime.

2. As programacións didácticas, unha vez entregadas polo profesorado, serán públicas para garantir o dereito do alumnado a unha avaliación obxectiva e o coñecemento do proceso de ensino e de aprendizaxe pola comunidade educativa. Neste sentido, os centros darán visibilidade ao acceso público a través da aplicación informática Proens, sen prexuízo doutros medios de difusión que desexen empregar.

Artigo 22. Seguimento e memoria

1. O profesorado realizará o seguimento das programacións didácticas nos seus grupos de alumnado reflectindo información relevante de cada unidade didáctica: as datas de inicio e fin de impartición e as sesións realizadas, o grao de cumprimento respecto ao planificado, as propostas de modificación e/ou mellora, a xustificación razoada no caso de producirse algunha desviación e, de ser o caso, observacións.

2. Ao remate do curso académico a profesora ou o profesor que imparta unha área, unha materia ou un ámbito nun nivel determinado colaborará co resto do profesorado que imparta a mesma área, materia ou ámbito nese nivel para realizar o seguimento final da programación didáctica desa área, materia ou ámbito, recollendo información sobre os resultados de avaliación, a análise xeral de resultados de avaliación en relación cos cursos anteriores, o grao de cumprimento dos indicadores de logro, as propostas xerais de modificación e/ou mellora para o curso seguinte e, de ser o caso, observacións xerais.

3. As xefaturas dos departamentos didácticos ou as coordinadoras ou os coordinadores de ciclo, á vista da información reflectida no seguimento das programacións didácticas realizado polo profesorado, elaborarán a memoria final do departamento ou ciclo.

Artigo 23. Aplicación informática

1. Os centros docentes sostidos con fondos públicos utilizarán a aplicación informática Proens para a elaboración e, de ser o caso, para a modificación da concreción curricular, así como para a elaboración, o seguimento e a supervisión das programacións didácticas, para a elaboración das adaptacións curriculares e para a realización das memorias finais de departamento ou de ciclo.

Esta aplicación informática tamén se utilizará para a supervisión por parte da Inspección educativa.

2. Co obxecto de facilitar a elaboración, o arquivamento e a difusión dos plans e proxectos educativos, así como de optimizar o procedemento de xestión documental, cada centro docente incorporará os plans educativos de biblioteca, de lectura e de actividades físicas e hábitos saudables á aplicación informática que a consellería porá á disposición para este fin. Para estes efectos, trasladaranse as instrucións precisas durante o curso 2024/25.

Os centros docentes que o consideren tamén poderán empregar a dita aplicación para incorporar e/ou elaborar outros plans ou proxectos que estean configurados nela.

Disposición adicional primeira. Exención da área ou materia de Lingua Galega e Literatura

1. De conformidade co artigo 3 da Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, o alumnado procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro que se incorpore ao sistema educativo de Galicia no quinto ou no sexto curso de educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de dous cursos escolares consecutivos.

2. Non terá dereito á exención o alumnado que realizase estudos en Galicia e curse fóra da Comunidade Autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore ao sistema educativo galego.

Disposición adicional segunda. Elección de horarios nos centros de educación secundaria

1. Coa finalidade de determinar durante o mes de xullo as necesidades de profesorado que se precisarán no centro para o vindeiro curso, así como de que os centros dispoñan de máis tempo para a organización e planificación do curso e de que o profesorado coñeza con maior antelación as materias, ámbitos e/ou módulos que terá que impartir no vindeiro curso, os centros docentes realizarán, antes do día 12 de xullo de 2024, unha distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, se é o caso, quendas para o curso 2024/25, de acordo cos criterios establecidos na lexislación vixente.

2. A dirección do centro enviará antes do día 17 de xullo de 2024 ao Servizo Territorial de Inspección Educativa unha síntese das necesidades de profesorado a partir da distribución provisional realizada. O dito servizo comprobará a súa adecuación á normativa vixente.

3. A partir do 2 de setembro de 2024, os centros docentes realizarán as actuacións referidas á elección de horarios que se establecen na lexislación vixente e, se non houber ningunha xustificación motivada que o impida conforme a normativa de aplicación, confirmarán a distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, se é o caso, quendas entre o persoal que forma parte dos departamentos.

Disposición adicional terceira. Uso de recursos tecnolóxicos

O profesorado promoverá un uso responsable e seguro dos recursos tecnolóxicos no proceso de ensino e aprendizaxe, equilibrado respecto doutro tipo de recursos e materiais e orientado ao logro dos obxectivos curriculares e das competencias clave, especialmente da competencia dixital.

Disposición adicional cuarta. Rexistro en XADE

1. As medidas curriculares e organizativas aplicadas reflectiranse nos documentos de avaliación do alumnado, coas seguintes iniciais:

– AC: adaptación curricular.

– AF: agrupamento flexible.

– EC: enriquecemento curricular.

– RE: reforzo educativo.

2. O alumnado ou as nais, os pais ou as persoas titoras legais do alumnado menor de idade poderán presentar unha solicitude motivada ante a dirección do centro para que se teña en conta a ausencia temporal do alumnado que realice estudos no estranxeiro durante algúns meses do curso escolar.

Coa solicitude que se presente achegarase a documentación que acredite a realización dos ditos estudos e a súa duración.

Sen prexuízo de que os resultados da avaliación final deste alumnado se consignen conforme o número 3, no caso de que a alumna ou o alumno non poida ser avaliado nalgunha das avaliacións parciais do curso académico 2024/25, esta circunstancia rexistrarase nas actas de avaliación parcial co termo «Ausencia temporal» (AT).

3. Os resultados de avaliación expresaranse nos documentos de avaliación cos seguintes termos:

a) Na educación infantil: «sen dificultade» (SD), «en proceso» (EP) ou «con dificultade» (CD).

b) Na educación primaria: «insuficiente» (IN) para as cualificacións negativas, e «suficiente» (SU), «ben» (BE), «notable» (NT) ou «sobresaliente» (SB) para as cualificacións positivas. A estes termos achegaráselles, con carácter informativo, unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de un ao dez, coas seguintes correspondencias: insuficiente: 1, 2, 3 ou 4; suficiente: 5; ben: 6; notable: 7 ou 8; e sobresaliente: 9 ou 10.

c) Na educación secundaria obrigatoria: «insuficiente» (IN) para as cualificacións negativas, e «suficiente» (SU), «ben» (BE), «notable» (NT) ou «sobresaliente» (SB) para as cualificacións positivas. A estes termos achegaráselles, con carácter informativo, unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de un a dez, coas seguintes correspondencias: insuficiente: 1, 2, 3 ou 4; suficiente: 5; ben: 6; notable: 7 ou 8; e sobresaliente: 9 ou 10.

d) No bacharelato: cualificacións numéricas de cero a dez sen decimais; consideraranse negativas as cualificacións inferiores a cinco.

Cando o alumnado non poida ser avaliado dunha materia de segundo curso por estar pendente de ser aprobada a materia de continuidade do primeiro curso, a materia de segundo consignarase co termo «Pendente» (P) na avaliación final ordinaria. A dita materia consignarase cunha cualificación numérica de cero a dez sen decimais na avaliación final extraordinaria.

Cando o alumnado non se presente ás probas extraordinarias consignarase «Non presentada/o» (NP).

4. As materias validadas consignaranse co termo «Validada» (CV) e as materias con exención consignaranse co termo «Exenta/o» (EX).

As materias pendentes de validación por ter que presentarse a acreditación da superación da correspondente materia das ensinanzas profesionais de música ou de danza antes da data da última sesión de avaliación consignaranse co termo «Pendente» (P) nas avaliacións parciais e, de ser o caso, na avaliación final ordinaria do bacharelato.

Cando o alumnado non acredite a superación da correspondente materia das ensinanzas profesionais de música ou de danza, consignarase como «Non presentado» (NP) na avaliación final da educación secundaria obrigatoria ou na avaliación final extraordinaria do bacharelato.

Disposición adicional quinta. Inspección educativa

A Inspección educativa velará polo cumprimento das medidas recollidas nas presentes instrucións e prestará apoio e asesoramento aos centros educativos na súa implementación e en todo aquilo que, dentro das súas funcións, facilite a mellora da atención educativa do alumnado.

Disposición derradeira primeira. Presentación de solicitudes por sede electrónica

As solicitudes de autorización recollidas nesta resolución enviaranse a través da sede electrónica empregando unha solicitude xenérica (código do procedemento PR004A) dirixida á Dirección Territorial de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional correspondente, indicando no asunto relacionado o motivo da solicitude.

Disposición derradeira segunda. Difusión

As direccións dos centros docentes que impartan estas ensinanzas arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa