DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 31 de maio de 2024 Páx. 33062

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de maio de 2024 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Galicia Clínica e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Galicia Clínica, adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 13 de marzo de 2024 tivo entrada na Consellería de Sanidade a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Galicia Clínica adoptado polo seu órgano de goberno, que consta en escritura pública do 29 de xaneiro de 2024, outorgada na Coruña ante o notario Enrique Santiago Rajoy Feijoo.

Segundo. A Fundación Galicia Clínica foi constituída en escritura pública outorgada o 29 de xullo de 1994 na Coruña ante o notario Pablo Valencia Ces, co número 2116 do seu protocolo, complementada por outra ante o mesmo notario o 9 de decembro de 1994, co número de protocolo 3486. Foi clasificada de interese científico sanitario mediante a Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 27 de xaneiro de 1995 (DOG núm. 29, do 10 de febreiro), e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais do 20 de febreiro de 1995 (DOG núm. 56, do 21 de marzo). A Fundación foi adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1994/22.

Terceiro. Segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a edición, publicación e distribución da revista médico-científica denominada Galicia Clínica.

Cuarto. Ante a imposibilidade de realización dos fins fundacionais, o órgano de goberno da Fundación, segundo consta en certificación expedida pola secretaria do padroado do 12 de decembro de 2023, adoptou o acordo da súa extinción, elevado a público o 29 de xaneiro de 2024 mediante escritura outorgada ante o notario do Ilustre Colexio de Galicia Enrique Santiago Rajoy Feijoo, co número de protocolo 212/2024.

Quinto. No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

• Certificación acreditativa do acordo de extinción adoptado polo padroado.

• Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

• Contas da Fundación na data de adopción do acordo de extinción.

• Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación. Segundo consta na certificación da secretaria do padroado, do balance de liquidación aprobado resulta a inexistencia de activos para liquidar.

• Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Consellería de Sanidade é competente para resolver esta solicitude de conformidade co disposto no Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade (DOG nº 208, do 31 de outubro) e na Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade (DOG nº 82, do 29 de abril), en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Sanidade a inscrición, na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza o protectorado.

Segunda. O artigo 44 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, e que é necesario para tal efecto acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa de aplicación e nos estatutos da Fundación e foi aprobado pola unanimidade do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de interese galego. Na memoria xustifícase que a extinción é motivada pola imposibilidade de desenvolver actividades para o cumprimento dos fins fundacionais por falta de recursos materiais e persoais.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Galicia Clínica, adoptado polo seu padroado con base na imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción da Fundación Galicia Clínica no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpor recurso de reposición, ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Orde do 22.4.2020; DOG nº 82, do 29 de abril)
Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade