DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 30 de maio de 2024 Páx. 32949

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2024, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da adecuación do noiro do punto quilométrico 29+680-29+720, na marxe dereita (MD) da autovía AG-11, ao contido do auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, clave AC/03/036.01.1.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vista a documentación recibida durante o trámite de información pública, ditou o 23 de maio de 2024 a seguinte resolución:

Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da adecuación do noiro do p.q. 29+680-29+720 MD da autovía AG-11 ao contido do auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, de clave AC/03/036.01.1.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O obxecto do presente proxecto é definir as obras necesarias para a correcta adecuación do noiro existente na marxe dereita da autovía do Barbanza entre o punto quilométrico 29+680 e o 29+720, no concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña), coa finalidade de dar cumprimento ao auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, que obriga a evitar afeccións no noiro como consecuencia das augas de escorrenta das choivas. Para isto executarase unha gabia triangular partindo da cabeza do noiro de desmonte, que permita conducir as augas procedentes da parcela situada sobre o noiro, sen que se produza erosión sobre este.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 45, do 4 de marzo de 2024, publicouse o Anuncio do 23 de febreiro de 2024 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da adecuación do noiro do punto quilométrico 29+680-29+720, na marxe dereita da autovía AG-11, ao contido do auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, de clave AC/03/036.01.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Terceiro. Non se formularon alegacións particulares ao anteproxecto no trámite de información pública mais recibíronse informes das administracións afectadas, aos cales se lles dá resposta motivada segundo consta no expediente.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. Someteuse ao trámite de información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa.

De acordo con todo o exposto, e logo dos informes e dos certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública da adecuación do noiro do p.q. 29+680-29+720 MD da autovía AG-11 ao contido do auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, de clave AC/03/036.01.1.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción da adecuación do noiro p.q. 29+680-29+720 MD da autovía AG-11 ao contido do auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, de clave AC/03/036.01.1, sen modificacións respecto da solución sometida á información pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición, deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas