DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 29 de maio de 2024 Páx. 32569

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2024 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria de 2024 (código de procedemento ED702B).

A Lei 6/2013 do Parlamento de Galicia, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (LSUG), establece que o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) é a entidade que ten as competencias en materia de avaliación da calidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os estatutos do consorcio ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, modificado polo Decreto 216/2022, do 1 de decembro (DOG núm. 242, do 22 de decembro), configuran a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

En virtude das súas competencias, a CGIACA aprobou, mediante o Acordo do 9 de novembro de 2010, o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG).

Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, reguláronse os supostos de validación automática de avaliación previa á contratación do profesorado e estableceuse o procedemento común que cómpre seguir nos distintos procesos previos á contratación do profesorado atribuídos ao consorcio ACSUG.

Por outra banda, o 12 de abril de 2023 entrou en vigor a nova Lei orgánica 2/2023, do sistema universitario (LOSU), a cal elimina a necesidade de contar cunha acreditación para acceder á figura contractual de profesorado axudante doutor (PAD). En coherencia co indicado, as convocatorias de avaliación previa á contratación de profesorado universitario xa non establecerán a acreditación previa para a dita figura.

De conformidade co exposto, o presidente do Consello Reitor do consorcio ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas mediante a Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte das persoas interesadas que desexen obter a avaliación, para poderen ser contratadas como persoal docente e investigador por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor e profesorado de universidade privada, de conformidade co disposto na disposición transitoria terceira da Lei orgánica 2/2023, do sistema universitario (LOSU), e que debe emitir o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) (código de procedemento ED702B).

Segunda. Persoas solicitantes

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor/a e non se encontren en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, pola que se regulan a avaliación e o informe do consorcio ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor e profesorado de universidade privada.

Terceira. Forma e lugar de presentación da solicitude

1. As persoas solicitantes deberán cubrir o anexo I (solicitude), cuberto, xerado na aplicación informática do consorcio ACSUG, accedendo a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas

2. Unha vez cuberta a solicitude na aplicación do consorcio ACSUG do xeito que se indica no punto anterior, e realizado o pagamento das taxas administrativas correspondentes, a dita solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación a través da sede electrónica responde ao disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no 10.2 da Lei de administración dixital de Galicia, que establecen a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos co sector público autonómico para determinados procedementos e certos colectivos de persoas físicas respecto dos cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderá dirixirse ao teléfono do servizo de Atención e Información á Cidadanía (012, ou o seu equivalente 981 900 643).

Cuarta. Pagamento das taxas administrativas

1. De acordo co punto 54 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase realizar o pagamento da correspondente taxa administrativa polas actuacións relacionadas coas avaliacións ou informes previos á contratación do profesorado universitario. A taxa pola avaliación previa das figuras contractuais de profesorado contratado doutor/profesorado de universidade privada é de 54,20 €. O código da taxa é 305401.

2. O pagamento da taxa poderá realizarse de forma telemática ou presencial:

O pagamento telemático poderá efectuarse a través da sede electrónica, como un paso máis habilitado dentro do procedemento, caso en que o xustificante xa se xera automaticamente e non é necesario achegar o dito xustificante do pagamento. Outra posibilidade é acceder directamente á Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.atriga.gal/), pagar mediante tarxeta ou cargo na conta e achegar o xustificante.

Para realizar o pagamento de forma presencial, descargarase un modelo en branco da Oficina Virtual Tributaria para cubrir á man ou imprimirase xa cuberto grazas á aplicación e, posteriormente, presentarase nunha entidade financeira colaboradora. Así mesmo, este modelo tamén se poderá solicitar nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia. Finalmente, achegarase o xustificante de pagamento.

3. Para calquera aclaración ou información sobre o pagamento da taxa, as persoas interesadas poderán acceder ao seguinte enderezo http://www.acsug.es/gl/acsug/taxas

Quinta. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar:

– Anexo I (solicitude), cuberto e xerado na aplicación do consorcio ACSUG.

– Xustificante do pagamento da taxa administrativa devindicación pola tramitación da solicitude (código 305401), salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.

– Documentación xustificativa dos méritos curriculares que se aleguen.

Respecto á documentación xustificativa dos méritos curriculares, rexerá o disposto na base novena.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que a documentación xustificativa dos méritos curriculares supere o tamaño máximo permitido, recoméndase separar a dita documentación en epígrafes e presentala fóra da solicitude a través do procedemento PX006A: achega de documentación separada da solicitude.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– Título universitario de doutor/a.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sétima. Emenda e mellora da solicitude

Cando as solicitudes presentadas en prazo non cumpran cos requisitos establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nestas bases, requirirase a persoa interesada para que proceda á súa emenda no prazo de dez (10) días hábiles, de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. No caso de non atender o dito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

Oitava. Formalización e alegación dos méritos curriculares

O curriculo formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática accedendo a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan cubertos deste xeito no curriculo. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser incluído en distintas epígrafes do currículo, a persoa interesada elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Novena. Xustificación dos méritos curriculares

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares non será obxecto de emenda. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, non se admitirá a presentación de ningunha documentación. A avaliación do currículo farase con base nos xustificantes dos méritos achegados pola persoa solicitante ata o momento do peche do prazo. O consorcio ACSUG poderá requirirlles ás persoas solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.

2. Como criterio xeral, as persoas solicitantes xustificarán do xeito máis adecuado e completo posible a realización dos seus méritos curriculares, coa finalidade de facilitar a súa avaliación. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación só se terán en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente, emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberán constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente no cal figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que consten a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figuren o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre sinalarase o modo de acceso. En caso contrario, xuntarase o arquivo da publicación en que figuren o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación, xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

3. Tendo en conta que as persoas solicitantes asinan unha declaración respecto da veracidade dos datos que fan constar na solicitude e no curriculo, así como de toda a documentación xustificativa que xuntan á solicitude, estas asumirán as responsabilidades que poidan derivar das inexactitudes que consten tanto na solicitude como na documentación que presenten.

Décima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do Sistema de notificación electrónica da Xunta de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiraselles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeira. Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segunda. Procedemento de avaliación

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia, aprobado mediante Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es

Décimo terceira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarta. Acordos de avaliación

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, e co establecido no artigo 25 dos estatutos do consorcio ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira. Emitirase un único acordo de avaliación previa que comprenderá a figura contractual de profesorado contratado doutor e a figura contractual de profesorado de universidade privada.

Os acordos notificaránselles ás persoas solicitantes nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo quinta. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser impugnados en reposición ante o mesmo órgano que os ditou, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderá facelo empregando o propio formulario que está dispoñible na sede electrónica dentro de «A miña sede». No caso de empregar un formulario distinto ao da sede electrónica, unha vez cuberto telematicamente deberá presentalo na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexta. Entrada en vigor

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2024

Juan José Nieto Roig
Presidente do consorcio Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file