DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 31724

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Igualdade

DECRETO 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade.

O 14 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Posteriormente, o 24 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. A través deste decreto establécese un segundo nivel organizativo en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia conforme os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

De acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 49/2024, do 22 de abril, a Consellería de Política Social e Igualdade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a Dirección Xeral de Inclusión Social, a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega de Servizos Sociais.

Consonte o anterior, e de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a nova estrutura da Consellería de Política Social e Igualdade axústase aos principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública, co obxectivo de acadar unha mellor adaptación ás necesidades sociais e laborais derivadas do actual escenario económico.

Manteñen as súas competencias a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e a Dirección Xeral de Inclusión Social, ao igual que a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

A Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade mantén ás súas competencias coa excepción da xestión do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, competencias asumidas pola Dirección Xeral de Mobilidade, de acordo con previsto na disposición adicional décimo segunda do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

A maior novidade deriva da asunción das competencias en materia de igualdade entre mulleres e homes por parte da Consellería de Política Social e Igualdade. De acordo co Decreto 49/2024, do 22 de abril, para levar a cabo as ditas competencias a Consellería conta con dous órganos directivos de nova creación: a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. Coa nova distribución de competencias preténdese acadar unha maior eficiencia no desenvolvemento das políticas públicas en materia de igualdade no ámbito das competencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 5 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, os departamentos territoriais previstos neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da Consellería, sen prexuízo da súa integración na delegación territorial correspondente ao seu ámbito territorial para os efectos de coordinación. Concretamente, a Consellería de Política Social e Igualdade estrutura a súa organización en catro departamentos territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Política Social e Igualdade, de acordo co artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no exercicio da facultade outorgada no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo do órgano de dirección con competencias en materia de avaliación, reforma e simplificación administrativa e os informes dos órganos de dirección competentes en materia de función pública e da análise orzamentaria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Política Social e Igualdade é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución española, propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, inmigración, atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, e promover e adoptar medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Política Social e Igualdade estrutúrase nos seguintes órganos:

a) Persoa titular da Consellería.

b) Secretaría Xeral Técnica.

c) Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

d) Dirección Xeral de Inclusión Social.

e) Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.

f) Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

g) Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

h) Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

i) Departamentos territoriais.

Artigo 3. Organismos autónomos, entes públicos e órganos colexiados

1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos:

A Axencia Galega de Servizos Sociais, creada polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

2. Así mesmo, están adscritos a esta consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

a) A Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social, creada pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

b) O Consello Galego de Benestar Social, creado pola Lei 13/2008, do 3 de decembro.

c) A Comisión Técnica de Accesibilidade e o Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, creados pola Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O Consello Galego da Familia e o Observatorio Galego da Familia e da Infancia, creados pola Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

e) O Consello Autonómico da Atención Temperá e a súa Comisión Técnica, creados polo Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá.

f) O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, creado polo Decreto 104/2016, do 28 de xullo.

g) O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, creado polo Decreto 12/2023, do 19 de xaneiro.

h) O Consello Galego das Mulleres, regulado polo Decreto 157/2012, do 5 de xullo.

i) O Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a súa Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, regulados polo Decreto 157/2012, do 5 de xullo.

j) A Comisión Interdepartamental da Igualdade, regulada polo Decreto 157/2012, do 5 de xullo.

k) A Unidade Muller e Ciencia, regulada polo Decreto 33/2007, do 1 de marzo.

l) O Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero, creado polo Decreto 131/2018, do 10 de outubro.

m) O Observatorio da Imaxe da Muller, creado pola Lei 7/2023, do 30 de novembro.

n) O Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, creado pola Lei 7/2023, do 30 de novembro.

TÍTULO II

Os servizos centrais

Artigo 4. A persoa titular da Consellería

A persoa titular da Consellería é a autoridade superior da dita consellería e, con tal carácter, desempeña e exerce as atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO I

A Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

Á Secretaría Xeral Técnica, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, con relación xerárquica directa coa persoa titular da Consellería, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre elas coordinar, baixo a dirección da persoa titular da Consellería, os programas e actuacións das diferentes direccións xerais e entes do sector público adscritos á Consellería, actuar como órgano de comunicación coas demais consellerías, dirixir e xestionar os servizos comúns da Consellería e velar pola organización, simplificación e racionalización administrativa, así como polo cumprimento das disposicións legais en materia de igualdade.

b) Exercer as funcións relativas ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, o réxime de control, inspección, acreditación e sancionador, de ser o caso, así como a súa coordinación cos demais órganos e cos departamentos territoriais en aplicación e de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia; coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; coa Lei 10/2014, do 23 de decembro, de accesibilidade, e demais normas de aplicación, sen prexuízo das encomendadas aos órganos da Xunta de Galicia competentes en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) Dirixir, impulsar, xestionar, planificar, coordinar, controlar e supervisar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social e Igualdade en materia de valoración da dependencia e da discapacidade, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

d) As que lle atribúa a normativa en vigor e as que lle sexan encomendadas por delegación da persoa titular da Consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

c) Subdirección Xeral de Persoal.

d) Subdirección Xeral de Contratación e Control.

e) Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

f) Subdirección Xeral de Proxectos e Informes Técnicos Sectoriais.

g) Subdirección Xeral de Valoración da Dependencia e da Discapacidade.

2. De conformidade co disposto no artigo 29.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica con nivel de subdirección xeral:

a) A Intervención Delegada da Consellería, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

b) A Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. Dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Esta asesoría xurídica desempeñará as funcións do artigo 13.2 do mencionado Decreto 343/2003, do 11 de xullo, no seu correspondente ámbito funcional.

Artigo 7. Vicesecretaría Xeral

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade e da súa abstención ou recusación declarada.

2. Directamente, ou a través do servizo e unidades que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Impulso e coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamentos da Consellería.

b) Elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) Coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Consellería.

d) Xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

e) Colaboración, cos distintos servizos, entidades e organismos integrados na Consellería, na implantación de medidas de coordinación e optimización na xestión dos recursos de que dispoña a Consellería con carácter xeral e, especialmente, en materia de execución orzamentaria.

f) Elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e de instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

g) Singularmente, encargarase de calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas competencias.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Vicesecretaría Xeral contará co Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá:

a) A coordinación e o impulso da elaboración do anteproxecto de orzamentos da Consellería, a elaboración do da Secretaría Xeral Técnica, e a coordinación, o seguimento e o control da súa execución.

b) A tramitación dos expedientes de modificación dos créditos consignados no orzamento de gastos da Consellería.

c) O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

d) A planificación, a habilitación e o seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos para xustificar.

e) A proposta do aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da Consellería, así como do material inventariable e o apoio na xestión do inventario de bens mobles, en coordinación coa Subdirección Xeral de Contratación e Control.

f) O control da seguridade na utilización do programa de xestión contable da Xunta de Galicia (Xumco), así como o mantemento e asesoramento ás persoas usuarias da Consellería no seu funcionamento.

g) A xestión de taxas e de prezos públicos da Consellería e a coordinación con todos os órganos, unidades e centros dependentes.

h) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

i) A xestión dos vehículos asignados á Consellería, coa tramitación de altas, modificacións, baixas, partes de sinistros, necesidades de inspección técnica de vehículos e control dos sistemas de pagamento automático de autoestradas.

j) O apoio na organización do Rexistro Xeral e na xestión do arquivo de oficina da Consellería.

k) Realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

l) Calquera outra función análoga que se lle poida encomendar.

Artigo 8. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

1. A Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e impulso de carácter xurídico-administrativo e dos servizos de carácter xeral da Consellería nos termos previstos nos números 2 e 3 deste artigo.

2. Directamente, ou a través do servizo e unidades que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A tramitación das actuacións necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as cales a Consellería exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

b) A coordinación dos actos administrativos referidos á administración, conservación e colaboración na protección e defensa dos bens e dereitos adscritos á Consellería, agás os atribuídos a outros órganos.

c) A coordinación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos órganos xudiciais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

d) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial e das reclamacións administrativas, e dos recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cuxa resolución corresponda á persoa titular da Consellería nas materias da súa competencia cando non estean atribuídos a outros órganos.

e) A coordinación das publicacións e as funcións relativas ao plan de publicacións da Consellería, a información, a difusión das publicacións e a coordinación das aplicacións estatísticas da Consellería.

f) A coordinación das demandas e os recursos contencioso-administrativos cando non correspondan a outros órganos.

g) O estudo das propostas das disposicións normativas, convenios e instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da Consellería.

h) A preparación dos expedientes que, logo do paso pola Comisión de Secretarios/as Xerais Técnicos/as, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia, e o traslado dos seus acordos.

i) A coordinación das funcións dos servizos de Coordinación Administrativa e Xestión Económica dos departamentos territoriais que teñan relación cos centros dependentes da Consellería, en todo o que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos da dita secretaría.

j) A coordinación da elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

k) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas competencias.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa contará co Servizo de Apoio Técnico-Xurídico, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá:

a) A tramitación dos proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos órganos da Consellería de Política Social e Igualdade, así como o estudo das compilacións e da refundición das normas emanadas desta.

b) O estudo, a preparación e o informe dos asuntos que, logo do paso pola Comisión de Secretarios/as Xerais Técnicos/as, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia, e o traslado dos acordos desta.

c) O estudo das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da Consellería.

d) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución das reclamacións e dos recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería cando non estean atribuídos a outros órganos.

e) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, agás as que correspondan a outros órganos.

f) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería e entidades adscritas, se é o caso, que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia, así como a coordinación, tramitación e xestión da publicación das notificacións por anuncios no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 9. Subdirección Xeral de Persoal

1. A Subdirección Xeral de Persoal, como órgano de dirección, exercerá as funcións de xestión de persoal, a coordinación dos asuntos de réxime interno, a coordinación dos departamentos territoriais da Consellería en materia de persoal, a tramitación dos expedientes disciplinarios e das reclamacións e recursos en materia de persoal, e outras de contido administrativo que lle atribúa á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Persoal.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da Consellería, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

b) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo da Consellería.

c) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral, e a organización, a custodia e o arquivamento dos seus expedientes.

d) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería.

e) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

f) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da Consellería, e a elaboración das propostas de modificación de crédito.

g) O control da asistencia e a puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como dos permisos, vacacións e licenzas, e de todas as cuestións relativas ao réxime interno de funcionamento da Consellería.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Reclamacións e Recursos.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións ditados pola Consellería en materia de persoal, cando non estean atribuídos a outros órganos.

b) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e cos recursos interpostos na vía xudicial en materia de persoal.

c) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución dos expedientes disciplinarios cuxa resolución lle corresponda á persoa titular da Consellería ou ao Consello da Xunta de Galicia con respecto ao persoal dependente desta consellería.

d) A execución de sentenzas en materia de persoal funcionario e laboral dependentes da Consellería.

e) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 10. Subdirección Xeral de Contratación e Control

1. Á Subdirección Xeral de Contratación e Control, como órgano de dirección, corresponderalle:

a) A elaboración do plan de necesidades en materia de obras, equipamentos e contratacións centralizadas.

b) A planificación e o desenvolvemento da súa execución, tanto no referido a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia como aos fondos europeos e finalistas destinados a investimentos nos centros dependentes da Consellería.

c) A xestión económico-administrativa, a tramitación e a realización de propostas de resolución de todos aqueles expedientes de contratación que lle asigne a Secretaría Xeral Técnica.

d) A coordinación e o seguimento da execución dos investimentos, xunto cos departamentos territoriais e outros órganos e centros dependentes da Consellería.

e) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Obras.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa da Consellería, cando se trate de obras, equipamentos, servizos relacionados coas obras ou calquera outra figura contractual, que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

b) A programación da execución dos fondos europeos e finalistas destinados a investimentos nos centros dependentes da Consellería, e a súa xestión económico-administrativa.

c) A xestión, ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes, das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

d) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nos departamentos territoriais en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

e) O seguimento e o control da execución dos contratos do seu ámbito.

f) O apoio á Subdirección na planificación de investimentos en materia de obras e equipamentos.

g) O apoio ao Servizo de Contratación e Control cando, en atención á carga de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica ou pola Subdirección Xeral de Contratación e Control.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Contratación e Control.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación de servizos e subministracións e de contratación centralizada non atribuídos expresamente a outros órganos da Consellería.

b) O apoio á Subdirección Xeral na planificación, no impulso e na coordinación das necesidades en materia de contratación dos distintos centros dependentes da Consellería e dos departamentos territoriais.

c) A coordinación e a elaboración de instrucións e a fixación de criterios en materia de contratación.

d) A execución e o seguimento das contratacións centralizadas que se tramiten na Secretaría Xeral Técnica.

e) O control económico e a coordinación cos departamentos territoriais da contratación centralizada e daqueloutras que asuman os propios departamentos territoriais.

f) O impulso e o desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o uso xeral e compartido e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

g) O apoio ao Servizo de Obras cando, en atención á carga de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica ou pola Subdirección Xeral de Contratación e Control.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 11. Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes relativos ao Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, a tramitación e proposta de resolución dos procedementos de autorización en materia de servizos sociais e a tramitación e proposta de resolución dos procedementos de acreditación en materia de servizos sociais.

b) Coordinar o control e inspección dos servizos, os centros e os programas de servizos sociais que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das funcións encomendadas ao órgano da Xunta de Galicia competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) Elaborar o plan de inspección anual das entidades, servizos, programas e centros de servizos sociais.

d) A proposta de adopción de medidas cautelares e de incoación de expedientes sancionadores en relación coas entidades prestadoras de servizos sociais, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

e) Verificar o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e formular propostas de mellora na súa calidade sen prexuízo das funcións que lles correspondan a outros órganos da Xunta de Galicia competentes en materia de avaliación da calidade dos servizos públicos.

f) Emitir informes sobre o destino e a adecuada utilización das subvencións e axudas públicas percibidas por persoas físicas ou xurídicas en materia de servizos sociais, así como de calquera outra axuda económica articulada a través dos instrumentos establecidos na normativa vixente, sen prexuízo das funcións que lles correspondan aos outros órganos en virtude da normativa específica.

g) Investigar e contestar queixas e reclamacións que presenten as persoas usuarias, no ámbito das funcións de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Consellería e da Xunta de Galicia.

h) Colaborar cos órganos da Consellería na elaboración e revisión de normas relativas ás materias relacionadas coas funcións da Subdirección.

i) Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola normativa vixente na materia.

j) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Inspección de Familia e Menores.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das funcións atribuídas á Subdirección Xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas dirixidos a menores, familia e infancia.

2.2. Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia.

Corresponderalle a este servizo o desenvolvemento das funcións atribuídas á Subdirección Xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas dirixidos a maiores, persoas con discapacidade e a persoas con dependencia.

2.3. Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

Corresponderalle a este servizo o desenvolvemento das funcións atribuídas á Subdirección Xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas destinados á igualdade e os dirixidos á comunidade e ás persoas en risco de exclusión social.

3. Os postos que, se for o caso, se creen na relación de postos de traballo da consellería competente en materia de inspección de servizos sociais nos departamentos territoriais dependerán organicamente dos ditos departamentos e funcionalmente da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

Artigo 12. Subdirección Xeral de Proxectos e Informes Técnicos Sectoriais

Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A planificación, a coordinación, a dirección e o control da redacción dos proxectos de obras en que participe a Consellería, de acordo co establecido na normativa técnica vixente.

b) O desenvolvemento das funcións das oficinas de supervisión dos proxectos coas funcións previstas na normativa de contratación pública respecto das obras que realice a Consellería.

c) O seguimento técnico da execución material das obras que realice a Consellería e das correspondentes aos convenios de investimento coas entidades locais.

d) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas para os contratos de obras e a realización dos informes técnicos de avaliación de ofertas dos contratos das obras que promova a Consellería nos procedementos de contratación.

e) A redacción dos proxectos e a dirección de obra e/ou dirección de execución das obras que se lle encomenden.

f) A emisión de informes técnicos previstos pola normativa, relativos á autorización e inspección de centros de servizos sociais, logo da proposta do persoal competente da dita subdirección.

g) O asesoramento técnico en materia de requisitos arquitectónicos exixibles para a autorización dos centros de servizos sociais.

h) A elaboración de informes e o asesoramento técnico en materia de accesibilidade.

i) A elaboración de documentación técnica e en cantas materias relacionadas coas súas funcións lle sexan formuladas, garantindo o apoio técnico requirido polos outros órganos da Consellería.

j) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas competencias.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Valoración da Dependencia e da Discapacidade

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación e o apoio aos departamentos territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento de grao de dependencia e na elaboración dos correspondentes programas individuais de atención, en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, en coordinación co Sistema de servizos sociais establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro.

b) A coordinación e o apoio aos departamentos territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de discapacidade.

c) As propostas de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia no marco da cooperación interadministrativa no Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, e a avaliación e aplicación dos criterios adoptados no dito consello.

d) A coordinación cos demais órganos da Consellería e cos diferentes niveis de intervención social para as medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e discapacidade e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado, así como na proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

e) Impulsar o deseño das prestacións económicas do Sistema para a autonomía e atención á dependencia e á planificación, así como a coordinación e o apoio aos departamentos territoriais na xestión destas prestacións.

f) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Valoración da Dependencia.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O apoio e a coordinación dos departamentos territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de dependencia e na elaboración dos correspondentes programas individuais de atención, en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro; a coordinación da xestión das medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado, e o estudo da proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

b) O seguimento e a avaliación de prestacións de atención á dependencia, garantindo a calidade da dita atención.

c) O asesoramento técnico en materia de dependencia aos servizos sociais comunitarios e unidades de traballo social do sistema de saúde.

d) A elaboración da información precisa para a aplicación dos criterios de financiamento determinados na Lei 39/2006, do 14 de decembro, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

e) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Valoración da Discapacidade.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O apoio e a coordinación dos departamentos territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de discapacidade.

b) O seguimento e a avaliación do procedemento de valoración da discapacidade e dos recursos sociais deste ámbito de intervención.

c) O asesoramento técnico en materia de discapacidade aos servizos sociais comunitarios e unidades de traballo social do sistema de saúde.

d) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

CAPÍTULO II

A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Artigo 14. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, á infancia e á adolescencia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.

b) Protexer e tutelar as persoas menores en situación de risco ou desamparo de acordo co establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil; na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia; na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, así como executar as medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

c) Exercer as políticas destinadas a favorecer e impulsar o crecemento demográfico, a renovación xeracional e a reverter o envellecemento da poboación.

d) Promover e adoptar as medidas que aseguren a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral como medio para garantir un ambiente favorable para a creación e o libre desenvolvemento das familias.

e) Elaborar as propostas normativas no ámbito da familia, infancia e adolescencia, así como para o desenvolvemento normativo da Lei 3/2011, do 30 de xuño, da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 4/2001, do 31 de maio.

f) Exercer a potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

g) Elaborar o anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento do órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

h) Elaborar as estatísticas nas materias da súa competencia.

i) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación.

b) Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia.

c) Servizo de Xestión Económica.

Artigo 15. Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Planificar, xestionar, coordinar, realizar o seguimento, avaliar e controlar os programas, servizos e equipamentos destinados a facilitar a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral, así como estudar as características propias da Comunidade Autónoma para deseñar e desenvolver actuacións e programas transversais destinados á dinamización demográfica.

b) Establecer e fomentar o intercambio de información e a cooperación coas distintas administracións públicas, organismos de investigación e axentes de ámbito autonómico, estatal, comunitario e internacional en materia de renovación e impulso demográfico.

c) Elaborar e realizar o seguimento de plans estratéxicos para a revitalización demográfica.

d) Coordinar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de demografía e conciliación corresponsable.

e) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica no exercicio das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Planificación para o Impulso Demográfico.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Elaborar propostas de planificación, coordinar, executar e realizar o seguimento das medidas necesarias para reverter o envellecemento da poboación e favorecer a renovación demográfica.

b) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias.

c) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

d) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

e) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Conciliación Familiar.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Elaborar propostas de planificación, coordinar, executar e realizar o seguimento das medidas necesarias para asegurar a conciliación corresponsable da vida laboral, familiar e persoal.

b) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias.

c) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

d) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

e) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 16. Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Planificar, xestionar, coordinar, realizar o seguimento, avaliar e controlar os programas, servizos e centros relativos á protección da familia, da infancia e da adolescencia, e á atención das persoas menores en situación de risco ou desamparo ou suxeitas a medidas de responsabilidade penal, en aplicación do previsto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao órgano responsable da autorización e inspección de servizos sociais da Consellería.

b) Elaborar e realizar o seguimento dos plans integrais de apoio á familia, á infancia e á adolescencia.

c) Deseñar, coordinar, controlar a xestión, realizar o seguimento e a avaliación das prestacións sociais e económicas nas súas áreas de actuación.

d) Tramitar os expedientes sancionadores en aplicación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, e da Lei 13/2008, do 3 de decembro.

e) Xestionar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de familia, infancia e adolescencia.

f) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica no exercicio das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Apoio á Familia, á Infancia e á Adolescencia.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Estudar, implantar, coordinar, realizar o seguimento e a avaliación dos programas, servizos e centros destinados á familia, á infancia e á adolescencia.

b) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias

c) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

d) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

e) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Protección de Menores.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Estudar, implantar, realizar o seguimento e a avaliación dos programas, servizos e equipamentos, dirixidos á prevención e á atención das situacións de desprotección que poidan afectar as persoas menores.

b) Coordinar os equipos técnicos do menor dos departamentos territoriais da Consellería.

c) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias.

d) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

e) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

f) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3. Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Executar as medidas xudiciais, estudar, implantar, realizar o seguimento e a avaliación dos programas, equipamentos e servizos dirixidos ás persoas menores ás cales se lles aplique a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

b) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias.

c) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

d) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

e) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 17. Servizo de Xestión Económica

A este servizo, órgano de apoio dependente directamente da Dirección Xeral, correspóndenlle a coordinación e a xestión dos procedementos de disposición de recursos de natureza económica competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica, e concretamente:

a) Elaborar o anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento da Dirección Xeral.

b) Xestionar as materias económicas e de contratación administrativa para os programas e actividades da Dirección Xeral, sen prexuízo do control e coordinación que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

c) Coordinar a xestión económica dos centros propios competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo das correspondentes a outros órganos da Consellería.

d) Xestionar e xustificar os diferentes fondos finalistas estatais e europeos, e elaborar as propostas necesarias para a tramitación de expedientes de modificación.

e) Xestionar, controlar e coordinar os restantes programas e actividades económicas da Dirección Xeral.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

CAPÍTULO III

A Dirección Xeral de Inclusión Social

Artigo 18. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Inclusión Social, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Exercer as políticas autonómicas en materia de servizos sociais, inclusión social e inmigración, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, e na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

b) Impulsar o deseño, a coordinación, a avaliación e a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar social, inclusión social, inmigración e servizos sociais comunitarios de Galicia.

c) Elaborar as propostas normativas no ámbito dos servizos sociais, inmigración e inclusión social e para o desenvolvemento normativo da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e na Lei 10/2013, do 27 de novembro.

d) Coordinar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación nas materias de competencia da Dirección Xeral.

e) Exercer a potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

f) Elaborar o anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

g) Elaborar as estatísticas nas materias da súa competencia.

h) O seguimento da xestión da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas-Funga.

i) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Inclusión Social conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión.

b) Subdirección Xeral de Servizos Sociais Comunitarios e Xestión Económica.

Artigo 19. Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Planificar, coordinar, xestionar, realizar o seguimento e a avaliación dos programas, servizos e equipamentos de inclusión social, en aplicación do previsto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, e na Lei 10/2013, do 27 de novembro.

b) Deseñar, coordinar, controlar a xestión, realizar o seguimento e a avaliación das prestacións sociais e económicas nas súas áreas de actuación.

c) Elaborar e realizar o seguimento das estratexias e plans sectoriais no ámbito da inclusión social.

d) Tramitar os expedientes sancionadores en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro.

e) Xestionar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de inmigración e inclusión.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Prestacións e Acción Social.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Xestionar as prestacións previstas na Lei 10/2013, do 27 de novembro, e no Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social, no relativo ás prestacións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

b) Preparar, xestionar, realizar o seguimento e controlar as axudas destinadas a programas de prestación de servizos sociais no seu ámbito competencial.

c) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias.

d) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

e) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

f) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Propoñer, coordinar, executar, realizar o seguimento e a avaliación dos programas de actuación e axudas dirixidos á inclusión activa e integración sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social.

b) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias.

c) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

d) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

e) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3. Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Propoñer, coordinar, executar, realizar o seguimento e a avaliación dos programas de actuación e axudas dirixidos á inclusión activa e integración sociolaboral das persoas inmigrantes.

b) Coordinar os puntos de información ás persoas inmigrantes das diferentes administracións e entidades colaboradoras.

c) Coordinar o proceso de acollida e integración de persoas refuxiadas no territorio da Comunidade Autónoma.

d) Informar, asesorar e difundir as actuacións desenvolvidas no seu ámbito de competencias.

e) Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

f) Executar e xustificar as partidas orzamentarias correspondentes.

g) Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Servizos Sociais Comunitarios e Xestión Económica

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Xestionar, programar, levar a cabo o asesoramento técnico e o seguimento dos programas, centros e servizos sociais de actuación comunitaria, sen prexuízo do que lle corresponda ao órgano responsable da autorización e inspección de servizos sociais da Consellería.

b) Coordinar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de servizos sociais.

c) Coordinar as entidades locais para o desenvolvemento de programas sociais en colaboración con outros órganos da Consellería.

d) Coordinar e xestionar os procedementos de disposición de recursos de natureza económica competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo do que lle corresponda á Secretaría Xeral Técnica, e concretamente:

1º. Elaborar o anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento da Dirección Xeral.

2º. Coordinar a xestión económica e a contratación administrativa competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo do que lle corresponda á Secretaría Xeral Técnica.

3º. Xestionar e controlar os fondos europeos e fondos finalistas, así como elaborar as propostas necesarias para a tramitación das correspondentes modificacións.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, co Servizo de Coordinación de Servizos Sociais Comunitarios, órgano de apoio ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Xestionar, coordinar, realizar o seguimento, a avaliación e o control dos servizos sociais do nivel de actuación comunitaria.

b) Coordinar as actividades formativas relativas ao desenvolvemento e á execución dos programas do nivel de actuación comunitaria, así como asesorar, coordinar e controlar os servizos sociais dependentes das entidades locais.

c) Implantar e realizar o seguimento do Sistema de información das persoas usuarias de servizos sociais (SIUSS) e do Manual para os profesionais de traballo; informar e asesorar os servizos sociais (Matiass), así como realizar o seguimento do desenvolvemento do Sistema de información social básica regulado no artigo 39 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, en execución do Plan de sistemas da Consellería.

d) Preparar, xestionar, realizar o seguimento e controlar o financiamento destinado a programas de prestación de servizos sociais polas corporacións locais, nas materias anteriormente citadas, e concretamente:

1º. Coordinar as entidades locais e entidades de iniciativa social para o desenvolvemento dos programas sociais destinados ás súas persoas usuarias.

2º. Elaborar as estatísticas no seu ámbito de competencias.

3º. Propoñer, coordinar e xestionar os programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza no ámbito das súas competencias.

e) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

CAPÍTULO IV

A Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Artigo 21. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Planificar, impulsar, coordinar, dirixir, xestionar e supervisar o conxunto das actuacións da Consellería destinadas ao apoio e á atención ás persoas con discapacidade, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos de dirección da Consellería.

b) A formulación de propostas relacionadas coas políticas da Consellería nas materias propias da Dirección Xeral.

c) A proposta, o impulso, a elaboración das bases, a tramitación dos procedementos de concesión e seguimento das axudas e subvencións baixo o réxime de concorrencia, promovidas pola Dirección Xeral ou a través da concesión directa ás entidades prestadoras de servizos sociais no ámbito da discapacidade.

d) A xestión e coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de benestar social, nas competencias asumidas pola Dirección Xeral.

e) O exercicio da potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación, cando non estea atribuída a outros órganos da Consellería.

f) A elaboración do anteproxecto de orzamento e da memoria de funcionamento da Dirección Xeral, así como a súa xestión, seguimento e avaliación, e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

g) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade.

b) Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade.

Artigo 22. Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) O impulso, a ordenación, a tramitación e o seguimento dos expedientes de contratación administrativa e concerto social, nas competencias asumidas pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

b) A execución, a coordinación e o seguimento da xestión orzamentaria da Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

c) A preparación do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento da Dirección Xeral, con base nas propostas de gastos elaboradas polos distintos órganos e unidades da dita dirección xeral, así como o control e o seguimento da súa xestión e execución.

d) A coordinación da xestión económica da Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

e) De xeito específico, a xestión e o control de fondos finalistas, así como a elaboración das propostas necesarias para a tramitación dos expedientes correspondentes ás súas modificacións.

f) A preparación de propostas normativas relativas a taxas, prezos públicos e demais ingresos en relación con actividades ou servizos competencia da Dirección Xeral, así como o seguimento da xestión e recadación dos existentes, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á consellería competente en materia de facenda.

g) A coordinación e supervisión dos equipamentos de atención ás persoas con discapacidade de titularidade da Consellería; a elaboración da proposta do catálogo de servizos e medidas de planificación; a programación, coordinación e control dos servizos e equipamentos, tanto comúns como do nivel de actuación especializada para as persoas con discapacidade, sen prexuízo das que lles correspondan á Secretaría Xeral Técnica e a outros órganos da Consellería.

h) Colaborar cos órganos responsables de autorización e inspección de servizos sociais da Consellería no control dos requisitos de acreditación en materia de atención a persoas con discapacidade, que garantan a calidade da dita atención.

i) A adxudicación de prazas nos centros e servizos públicos de atención ás persoas con discapacidade de titularidade da Consellería ou financiados por esta a través das distintas fórmulas de contratación e concertación social, así como os traslados entre centros e/ou servizos.

j) A proposta da regulación do sistema de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas con discapacidade, en colaboración cos outros órganos da Consellería, e a súa execución.

k) Cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Contratación e Xestión Económica.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión económica dos programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

b) A execución, coordinación e seguimento da xestión orzamentaria da Dirección Xeral, sen prexuízo das que correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

c) O impulso, ordenación, tramitación e seguimento dos expedientes de contratación administrativa e concerto social, nas competencias asumidas pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

d) O apoio á Subdirección Xeral na planificación do orzamento e na elaboración da memoria de funcionamento da Dirección Xeral.

e) A coordinación da xestión económica dos centros propios competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo das que correspondan a outros órganos da Consellería.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Recursos e Equipamentos para a Discapacidade.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración e preparación da planificación, a xestión e o control dos centros e recursos de atención a persoas con discapacidade de titularidade da Consellería.

b) A adxudicación de prazas nos centros e servizos públicos de atención ás persoas con discapacidade de titularidade da Consellería ou financiados por esta a través das distintas fórmulas de contratación e concertación social, así como os traslados entre centros e/ou servizos.

c) O estudo das necesidades organizativas, orzamentarias, formativas e de procedementos para a calidade da atención dos recursos para as persoas con discapacidade.

d) O apoio á planificación, a xestión e o control dos centros e servizos dirixidos ás persoas con discapacidade.

e) A elaboración de informes e estatísticas, a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

f) A coordinación con outras áreas de actuación dependentes doutros órganos da Consellería nas materias encomendadas por razón da súa competencia.

g) A preparación de propostas normativas, así como a elaboración e o seguimento de plans en materias da súa competencia.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 23. Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades dirixidas a persoas con discapacidade.

b) A coordinación e o apoio técnico aos órganos colexiados de participación ou consulta que, estando adscritos á Consellería, exercen funcións que afectan materias propias da Dirección Xeral, así como a asistencia na execución das súas propostas ou decisións.

c) O impulso, a preparación das bases, a xestión da tramitación e o seguimento das axudas e subvencións baixo o réxime do concorrencia, así como a proposta, o seguimento e control das subvencións de concesión directa ás entidades prestadoras de servizos sociais no ámbito da discapacidade.

d) O impulso, desenvolvemento e seguimento das actuacións da Consellería en materia de atención temperá, segundo o disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, en coordinación cos ámbitos sanitario e educativo.

e) A representación da Consellería e o apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, así como cantas outras funcións lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

f) O apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

g) Cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade contará co Servizo de Programas para a Discapacidade, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá:

a) A preparación e a xestión da tramitación da concesión directa de subvencións a entidades prestadoras de servizos sociais no ámbito da discapacidade.

b) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración, inclusión social e laboral, e á vida independente das persoas con discapacidade.

c) A tramitación do desenvolvemento e seguimento das actuacións da Consellería en materia de atención temperá, segundo o disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá.

d) Xestionar programas e accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade e deseño universal.

e) A promoción de accións de divulgación e formación en materia de accesibilidade e deseño universal, sen prexuízo das competencias que se lles atribúan a outros órganos da Consellería.

f) A elaboración de informes e estatísticas, a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

g) A coordinación con outras áreas de actuación dependentes doutros órganos da Consellería nas materias encomendadas por razón da súa competencia.

h) A preparación de propostas normativas, así como a elaboración e o seguimento de plans en materias da súa competencia.

i) Cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

CAPÍTULO V

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

Artigo 24. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Impulsar, planificar, coordinar e avaliar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social e Igualdade en materia de benestar, destinadas á atención das persoas maiores en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, entre elas a ordenación, a planificación, a innovación estratéxica dos recursos sociosanitarios e a coordinación e avaliación da súa actividade asistencial.

b) Planificar as políticas da Dirección Xeral nas materias de innovación tecnolóxica e investigación e innovación na xestión dos programas e servizos sociais, así como a iniciativa da proposta normativa nesta materia.

c) A coordinación das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sociais e a supervisión da/das plataforma/s tecnolóxica/s que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos.

d) Impulsar iniciativas de humanización e seguridade asistencial nos centros sociosanitarios.

e) O fomento e a planificación de actividades de formación continuada nos centros sociosanitarios.

f) O impulso da efectividade e da eficiencia nos procesos asistenciais, e a promoción da seguridade e da calidade, e a súa mellora continua.

g) O exercicio da potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

h) A elaboración do anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación, e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

i) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

j) Coordinar a Rede galega de centros sociocomunitarios.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores.

b) Subdirección Xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial.

c) Subdirección Xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria.

d) Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi).

Artigo 25. Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación e supervisión dos equipamentos e servizos, residenciais e de atención diúrna, do ámbito competencial da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria; a elaboración da proposta do catálogo de servizos e medidas de planificación; a programación, coordinación e control dos programas, servizos e equipamentos, tanto comúns como do nivel de actuación especializada para as persoas maiores, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos da Consellería.

b) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades dirixidas a persoas maiores.

c) Colaborar cos órganos responsables de autorización e inspección de servizos sociais no control dos requisitos de acreditación en materia de atención ás persoas maiores, que garantan a calidade da dita atención.

d) A proposta da regulación do sistema de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas maiores, e a súa execución.

e) A preparación do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento da Dirección Xeral, con base nas propostas de gastos elaboradas polos distintos órganos e unidades da dita dirección xeral, así como o control e o seguimento da súa xestión e execución.

f) A preparación de propostas normativas relativas a taxas, prezos públicos e demais ingresos en relación con actividades ou servizos competencia da Dirección Xeral, así como o seguimento da xestión e recadación dos existentes, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á consellería competente en materia de facenda.

g) A coordinación da xestión económica da Dirección Xeral, sen prexuízo da que lle corresponda á Secretaría Xeral Técnica.

h) A xestión e o control de fondos finalistas, así como a elaboración das propostas necesarias para a tramitación dos expedientes correspondentes ás súas modificacións.

i) Cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Recursos Comúns.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración e preparación da planificación, a xestión e o control dos centros e servizos a persoas maiores.

b) A elaboración e preparación da xestión e o control dos centros e servizos especializados no ámbito da atención ao alzhéimer.

c) A elaboración, o seguimento e o control dos convenios e concertos con entidades prestadoras de servizos sociais que atinxen aos ditos colectivos.

d) O estudo das necesidades organizativas, orzamentarias, formativas e de procedementos para a calidade da atención dos centros e servizos para as persoas maiores.

e) A elaboración de informes e estatísticas, a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

f) A coordinación con outras áreas de actuación dependentes doutros órganos nas materias encomendadas por razón da súa competencia, con atención especial á área sociosanitaria.

g) A tramitación e o seguimento da admisión nos centros e servizos para as persoas maiores e con alzhéimer, así como os traslados entre centros e/ou servizos.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión económica dos programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

b) A execución, a coordinación e o seguimento da xestión orzamentaria da Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

c) O impulso, a ordenación, a tramitación e o seguimento dos expedientes de contratación administrativa e concerto social, nas competencias asumidas pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

d) O apoio á Subdirección Xeral na planificación do orzamento e na elaboración da memoria de funcionamento da Dirección Xeral.

e) A coordinación da xestión económica dos centros propios de competencia da Dirección Xeral, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos da Consellería.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 26. Subdirección Xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Planificar e dimensionar as estruturas, os recursos e as tecnoloxías desde o punto de vista asistencial.

b) Supervisar os plans directores e funcionais dos centros sociosanitarios e facer o seguimento da implantación de novos recursos, técnicas e procedementos.

c) Xestionar as estratexias de innovación destinadas a mellorar a prestación asistencial.

d) Impulsar a cooperación e a coordinación efectiva cos órganos ou unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competentes en materia de sanidade, de cara a fomentar o desenvolvemento e a integración das prestacións sociosanitarias.

e) O desenvolvemento e a coordinación de sistemas de avaliación de tecnoloxías e programas de servizos sociais.

f) A planificación, coordinación, execución e o seguimento das competencias e funcións da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria nas materias de innovación tecnolóxica e investigación e innovación na xestión dos programas e servizos sociais, especialmente orientados á promoción da autonomía persoal e á mellora da calidade de vida das persoas maiores, así como a iniciativa da proposta normativa nesta materia.

g) A coordinación, o impulso e a xestión das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sociais e a supervisión da/das plataforma/s tecnolóxica/s que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, en coordinación cos órganos competentes na materia.

h) A planificación estratéxica, o deseño, a adquisición, a implantación, a formación, o soporte, a normalización e o mantemento dos sistemas de información de servizos sociais e da plataforma e servizos TIC que os sustentan.

i) Impulsar o sistema de xestión da calidade nos servizos sociosanitarios sen prexuízo das funcións que lles correspondan a outros órganos da Consellería.

j) A posta en marcha de proxectos de humanización no contorno dos servizos sociais.

k) Implantar as estratexias de seguridade dos residentes dos centros sociosanitarios.

l) O fomento e a planificación de actividades de formación continuada nos centros sociosanitarios.

m) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial contará co Servizo de Calidade, Humanización e Xestión da Información, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá:

a) Xestionar a supervisión dos plans directores e funcionais dos centros sociosanitarios e facer o seguimento da implantación de novos recursos, técnicas e procedementos.

b) O establecemento, seguimento e mantemento do catálogo de procedementos.

c) O seguimento do sistema de xestión da calidade nos servizos sociosanitarios, sen prexuízo das funcións que lles correspondan a outros órganos da Consellería.

d) A posta en marcha de proxectos de humanización no contorno dos servizos sociais.

e) Implantar a xestión das estratexias de seguridade dos residentes.

f) A posta en marcha do fomento e planificación de actividades de formación continuada nos centros sociosanitarios.

g) A coordinación do desenvolvemento de sistemas de avaliación de tecnoloxías e programas de servizos sociais.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 27. Subdirección Xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación, o seguimento e a reordenación, de ser o caso, dos recursos sociosanitarios existentes, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos.

b) O desenvolvemento de programas e protocolos de derivación entre as diferentes unidades asistenciais.

c) Impulsar a implantación da xestión integrada nos centros e estruturas da Consellería.

d) Impulsar mecanismos e proxectos de coordinación entre o ámbito sanitario e o sociosanitario.

e) A elaboración das propostas de planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da Subdirección Xeral nas materias de innovación tecnolóxica e investigación e innovación na xestión dos programas e servizos sociais. A elaboración e o seguimento dos cadros de mando no ámbito da súa competencia.

f) O impulso e a xestión das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sociais e a supervisión da/das plataforma/s tecnolóxica/s que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, en coordinación cos órganos e unidades competentes na materia.

g) Elaborar estatísticas no ámbito das súas competencias.

h) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas maiores, así como á prevención das situacións de dependencia.

i) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, promoción do envellecemento activo e o fomento das relacións interxeracionais, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Consellería.

j) A coordinación dos órganos de participación e o asesoramento previstos na lexislación vixente, no seu ámbito competencial, e a elaboración e xestión de concertos, convenios, convocatorias de subvencións ou axudas e outras prestacións económicas, sen prexuízo das competencias que se lles atribúan os outros órganos da Consellería e en colaboración con eles.

k) A preparación de propostas normativas, así como a elaboración e o seguimento de plans en materias da súa competencia.

l) A xestión da contratación para a execución de programas de competencia da Subdirección.

m) Coordinar a Rede galega de centros sociocomunitarios.

n) Impulsar o deseño e a planificación do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia a través das entidades locais de Galicia, así como a coordinación e o apoio aos departamentos territoriais na xestión do financiamento ás entidades locais prestadoras do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

ñ) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria contará co Servizo de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá:

a) A preparación, a coordinación e o control dos convenios e as convocatorias de subvencións nas materias de competencia da Subdirección.

b) A promoción e a xestión dos servizos de apoio á mobilidade para persoas con dependencia.

c) Xestionar programas e accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal e deseño para todos.

d) A promoción de accións de divulgación e formación en materia de accesibilidade universal e deseño para todos, sen prexuízo das competencias que se lles atribúan a outros órganos da Consellería.

e) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas maiores e á prevención das situacións de dependencia.

f) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, promoción do envellecemento activo e fomento das relacións interxeracionais.

g) A preparación, a coordinación e o control dos convenios e convocatoria de subvencións para programas de promoción da autonomía persoal e de prevención da situación de dependencia coas entidades prestadoras de servizos sociais.

h) A preparación e o seguimento da colaboración para a formación e especialización dos/das profesionais da área de atención a persoas maiores.

i) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 28. Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi)

Correspóndenlle ao Centro Galego de Desenvolvemento Integral, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, as seguintes funcións:

a) A supervisión e o control no cumprimento das disposicións regulamentarias de aplicación e das instrucións ditadas pola Dirección Xeral para o funcionamento do Centro, así como a súa xestión económica e administrativa.

b) A planificación das actividades que se desenvolvan no Centro, así como a súa organización, distribución, supervisión e coordinación para acadar un funcionamento efectivo.

c) A planificación das actividades formativas e cursos dirixidos a persoas con discapacidade e do seu desenvolvemento no Centro.

d) A realización de actividades e programas adaptados ás persoas con discapacidade no Centro.

e) A proposta de proxectos de colaboración, no ámbito das súas competencias, con entidades públicas e privadas.

f) O desenvolvemento das accións de colaboración con entidades de iniciativa social prestadoras de servizos sociais.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Capítulo VI

A Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero

Artigo 29. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Impulsar as actuacións conducentes á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

b) Planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia da erradicación da violencia de xénero.

c) Realizar o estudo e o seguimento da lexislación vixente naqueles aspectos que afecten a loita contra a violencia de xénero e elaborar propostas normativas en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

d) Establecer e fomentar relacións de cooperación cos organismos competentes en materia de igualdade da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e da Administración local, así como cos organismos internacionais e comunitarios en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

e) Elaborar as propostas normativas no ámbito das competencias da Dirección Xeral.

f) Coordinar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación nas materias de competencia da Dirección Xeral.

g) Exercer a potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

h) Elaborar o anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

i) Elaborar as estatísticas nas materias da súa competencia.

j) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

k) A formulación de propostas relacionadas coas políticas da Consellería nas materias propias da Dirección Xeral.

l) A elaboración do anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación, e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

m) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero conta coa Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

Artigo 30. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A proposta, o deseño e a articulación de medidas de actuación en materia de erradicación da violencia de xénero.

b) O seguimento e a avaliación dos programas e servizos dirixidos á erradicación da violencia de xénero, ben sexan de titularidade propia, doutras administracións ou dependentes da iniciativa social ou privada, así como a atención e protección das súas vítimas, en aplicación do previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

c) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da Subdirección Xeral que permitan, a partir da obtención de información, propoñer axudas ou asignar recursos.

d) A proposta, a articulación e o deseño de medidas de actuación en materia de violencia de xénero.

e) A asistencia á Dirección Xeral respecto das funcións propias da Subdirección.

f) A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

g) A xestión e a organización do Punto de coordinación das ordes de protección.

h) Cantas outras medidas se determinen no eido da erradicación da violencia de xénero.

i) A coordinación da xestión económica dos programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

j) A execución, a coordinación e o seguimento da xestión orzamentaria da Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

k) O impulso, a ordenación, a tramitación e o seguimento dos expedientes de contratación administrativa, nas competencias asumidas pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

l) A preparación de propostas normativas, así como a elaboración e o seguimento de plans en materias da súa competencia.

m) A execución, o seguimento e o control dos programas europeos e de cooperación transfronteiriza en que participe a Dirección Xeral, así como a elaboración de propostas de actuación.

n) A preparación, a coordinación e o control dos convenios e as convocatorias de subvencións nas materias de competencia da Subdirección.

ñ) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero dispoñerá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

O Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas exercerá as seguintes funcións:

a) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á defensa dos dereitos de atención e protección das vítimas da violencia de xénero, e a xestión de programas destinados a promover a igualdade de oportunidades para as vítimas da violencia de xénero, segundo o previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

b) A colaboración, o asesoramento ou organización de actividades formativas en materia de prevención da violencia de xénero, sen prexuízo das funcións substantivas doutros departamentos ou centros directivos da Comunidade Autónoma.

c) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias de competencia da Subdirección Xeral.

d) A promoción, a organización e a coordinación de campañas de sensibilización en materia de prevención da violencia de xénero.

e) A elaboración e tramitación das convocatorias de axudas e subvencións para a prestación de servizos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación.

O Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación exercerá as seguintes funcións:

a) O deseño e a articulación de accións e medidas de prevención da violencia de xénero, impulsando a educación nos valores de igualdade entre mulleres e homes e o respecto aos dereitos fundamentais, en colaboración co ámbito educativo.

b) O impulso das relacións de coordinación e cooperación, no ámbito da violencia de xénero, con entidades e institucións públicas e privadas.

c) A promoción da colaboración e participación das entidades, asociacións e organizacións da sociedade civil que actúan contra as distintas formas de violencia de xénero.

d) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias de competencia da Subdirección Xeral.

e) A elaboración, promoción e difusión de informes, estudos e investigacións sobre cuestións relacionadas coas distintas formas de violencia contra as mulleres.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

a) O asesoramento técnico-administrativo, así como a xestión económica e orzamentaria da Dirección Xeral e a tramitación de propostas de modificación orzamentaria.

b) A tramitación e a execución dos expedientes de contratación administrativa que lle correspondan á Dirección Xeral.

c) Formular os borradores de anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende a persoa titular da Dirección Xeral en execución das súas atribucións.

d) A execución, o seguimento e o control dos programas europeos e de cooperación transfronteiriza en que participe a Dirección Xeral, así como a elaboración de propostas de actuación.

e) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 31. Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero

Ademais, a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero contará co Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, que se configura como unha unidade administrativa adscrita a ela, con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero, nos termos establecidos no Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a súa creación, así como naqueloutros previstos na normativa aplicable, e cuxa dirección terá nivel orgánico de servizo.

Capítulo VII

A Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Artigo 32. Competencias

1. Á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

b) Promover a incorporación do principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade recollido no artigo 20 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

c) Planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade entre mulleres e homes, e a promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no ámbito persoal, familiar e laboral.

d) Realizar o estudo e o seguimento da lexislación vixente naqueles aspectos que afecten o principio de igualdade entre mulleres e homes, e elaborar propostas de modificación das normas que o dificulten ou impidan.

e) Establecer e fomentar relacións de cooperación cos organismos competentes en materia de igualdade da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e da Administración local, así como cos organismos internacionais e comunitarios, en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

f) Propoñer medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

g) Establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

h) A promoción das actuacións referentes ás medidas municipais de conciliación, bancos municipais de tempo e plans de programación do tempo da cidade.

i) Elaborar as propostas normativas no ámbito das competencias da Dirección Xeral.

j) Coordinar o funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación nas materias de competencia da Dirección Xeral.

k) Exercer a potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

l) Elaborar o anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

m) Elaborar as estatísticas nas materias da súa competencia.

n) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.

ñ) A formulación de propostas relacionadas coas políticas da Consellería nas materias propias da Dirección Xeral.

o) A elaboración do anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación, e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

p) A preparación, a coordinación e o control dos convenios e das convocatorias de subvencións nas materias de competencia da Subdirección.

q) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade conta coa Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Artigo 33. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade

1. Correspóndenlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A proposta, o deseño e a articulación de medidas de actuación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

b) A participación no deseño, o seguimento, o desenvolvemento e a avaliación dos programas e servizos dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes, ben sexan de titularidade propia, doutras administracións ou dependentes da iniciativa social ou privada.

c) A proposta e o desenvolvemento de actuacións para a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

d) A promoción da introdución da perspectiva de xénero no ámbito educativo e a elaboración de materiais e recursos coeducativos en colaboración co departamento competente en materia de educación.

e) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da Subdirección Xeral.

f) A promoción, organización e coordinación de accións de sensibilización en materia de promoción da igualdade.

g) Emitir informe de impacto de xénero, nos termos establecidos na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, así como a elaboración de informes técnicos nas materias da súa competencia.

h) A coordinación da xestión económica dos programas e actividades xestionados pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

i) A execución, a coordinación e o seguimento da xestión orzamentaria da Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

j) O impulso, a ordenación, a tramitación e o seguimento dos expedientes de contratación administrativa, nas competencias asumidas pola Dirección Xeral, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

k) A preparación de propostas normativas, así como a elaboración e o seguimento de plans en materias da súa competencia.

l) A execución, o seguimento e o control dos programas europeos e de cooperación transfronteiriza en que participe a Dirección Xeral, así como a elaboración de propostas de actuación.

m) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade dispoñerá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación.

O Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación dos programas, acordos e actuacións, dirixidos á consecución da igualdade efectiva de mulleres e homes, que se desenvolvan en colaboración con outras administracións públicas.

b) A xestión e a coordinación das actuacións de seguimento e avaliación dos programas e servizos promovidos pola Subdirección.

c) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.

d) O desenvolvemento de actuacións para a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

e) A realización de programas e actuacións dirixidos á promoción da conciliación e ao fomento da corresponsabilidade.

f) O apoio e o fomento do asociacionismo de mulleres e a participación das mulleres na vida económica, social e laboral.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade.

O Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade exercerá as seguintes funcións:

a) A programación e o desenvolvemento e xestión de accións dirixidas a impulsar e a apoiar a participación e o emprendemento das mulleres nos ámbitos económico, social e laboral.

b) O apoio ao desenvolvemento de servizos e recursos na área de igualdade entre mulleres e homes que levan a cabo outras administracións e/ou entidades de iniciativa social.

c) A elaboración das convocatorias de axudas e subvencións destinadas ao fomento de actuacións dirixidas á promoción da igualdade.

d) A promoción das relacións de cooperación con entidades e institucións públicas e privadas, fomentando a articulación e o deseño de medidas de actuación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

e) A coordinación e a organización de accións de formación no ámbito da igualdade entre mulleres e homes.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

TÍTULO III

Os Departamentos Territoriais

Artigo 34. Organización

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Política Social e Igualdade organízase en departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, que desenvolverán as súas funcións nas áreas competenciais da dita consellería no ámbito territorial da provincia correspondente, de conformidade coa normativa de aplicación, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. Ademais, os departamentos territoriais contarán cunha unidade administrativa en materia de igualdade, á cal lle corresponderá a promoción da igualdade e o fomento de actuacións dirixidas á erradicación da violencia de xénero no marco do desenvolvemento das liñas de actuación da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, no seu ámbito territorial.

3. O Departamento Territorial de Vigo contará cunha oficina coordinadora en Pontevedra que, baixo as directrices da persoa titular do Departamento Territorial de Vigo, prestará funcións de apoio técnico e administrativo ás unidades administrativas existentes no ámbito da Delegación Territorial de Pontevedra.

Artigo 35. Funcións

1. Á fronte de cada departamento territorial existirá un director ou unha directora territorial, da cal dependerán todos os servizos, unidades ou centros da Consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. As persoas titulares dos departamentos territoriais dependerán funcionalmente da persoa titular da Consellería, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar dos órganos de dirección da Consellería.

2. Os departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, baixo a autoridade e supervisión da persoa titular do dito departamento territorial, estarán integradas polos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Coordinación Administrativa.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes do departamento territorial.

b) A habilitación e a xestión do persoal que preste servizos no departamento territorial e nos centros dependentes.

c) As cuestións de réxime interior, información e atención ao/á cidadán/á, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivo e inventario de bens.

d) A execución de actuacións de inspección da organización e o funcionamento dos servizos administrativos do departamento territorial.

e) Prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa á persoa titular do departamento territorial e substituíla en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos da súa abstención ou recusación declarada.

f) Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos do departamento territorial.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Xestión Económica.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) O control contable, a xestión e a xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto do departamento territorial e dos centros dependentes del.

c) A coordinación e a supervisión da xestión económica dos servizos do departamento territorial e dos centros dependentes del.

d) A administración, o control contable, a xestión e a xustificación dos créditos desconcentrados e asignados ao departamento territorial.

e) A habilitación dos medios materiais.

f) A tramitación dos expedientes de contratación.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3. Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral Técnica, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destinadas a persoas en situación de dependencia, persoas maiores e persoas discapacitadas, no respectivo ámbito territorial.

2.4. Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica destinadas á familia e menores, no respectivo ámbito territorial.

2.5. Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Inclusión Social destinadas aos servizos comunitarios, inclusión social e inmigración, no seu respectivo ámbito territorial.

Disposición adicional primeira. Réxime de suplencia

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, da Dirección Xeral de Inclusión Social, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, así como nos casos da súa abstención ou recusación declarada, a suplencia será asumida segundo a orde de prelación que se establece no artigo 4 do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Disposición adicional segunda. Dimensión de igualdade

No exercicio das funcións a que se refire este decreto, integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional terceira. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Nos nomeamentos de altos cargos desta consellería, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico do seu ámbito de competencias, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición adicional cuarta. Mantemento da antigüidade no posto de traballo

As persoas que estean a desempeñar os postos de traballo cuxa denominación ou adscrición varíen como consecuencia deste decreto manterán a antigüidade do posto de traballo de orixe sempre que se conserve o seu contido funcional.

Disposición transitoria primeira. Modificación de unidades administrativas

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Adscrición de postos con nivel orgánico inferior ao de servizo

As unidades e os postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo, correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Autorízase a persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade