DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 23 de maio de 2024 Páx. 31070

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2024 pola que se modifica a Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento MR701E).

O 28 de febreiro de 2023, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobou a resolución para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 44, do 3 de marzo), modificada pola Resolución do 23 de agosto de 2023 (DOG núm. 164, do 30 de agosto).

A partir da aprobación do Plan estratéxico da PAC, mediante Decisión da Comisión Europea do 31 de agosto de 2022, foise completando o paquete normativo de acompañamento do PEPAC, co fin de asegurar a súa correcta implementación. Neste contexto, o Regulamento 1047/2022, do 27 de decembro, establece o sistema de xestión e control das intervencións do PEPAC e, en relación cos controis administrativos da solicitude de pagamento, determina que estes incluíran cando menos unha visita ao lugar da operación para comprobar a súa realización. Non obstante o anterior, a autoridade competente poderá decidir non levar a cabo tales visitas por razóns debidamente xustificadas e que deberán ser rexistradas; entre outras, que a operación en cuestión é un pequeno investimento, ou que o risco de que non se cumpran as condiciones para recibir a axuda é escaso, ou que o é o risco de que no se realice a actividade subvencionada.

A Circular de Coordinación 37/2023, pola que se aproba o Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común, aprobado o 24 de novembro de 2023, replica, en esencia, a regulación das visitas in situ para os controis administrativos da solicitude de pagamento, de forma que permite excepcionar a súa realización por razóns debidamente xustificadas e rexistradas.

Neste marco figura no expediente un informe asinado polo órgano instrutor do procedemento de concesión das axudas, no que se xustifican as razóns para eximir a realización das visitas in situ ao 100 % das solicitudes de pagamento.

As razóns esgrimidas fundaméntanse, en esencia, na condición de Administración pública e carácter de poder adxudicador das entidades beneficiarias que, en tanto entidades locais territoriais, actuan con sometemento pleno á lei e ao dereito, así como no alcance do control documental das solicitudes de pagamento. En calquera caso, terase en conta o limiar que para estes efectos establece a normativa autonómica, sen prexuízo de que por debaixo deste se poidan realizar as comprobacións materiais necesarias para constatar de forma suficiente a realización efectiva da actividade subvencionada.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 13 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único

Modificación da Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva nos seguintes termos:

Primeiro. O número 2 do artigo 16 do anexo I, que queda redactado da seguinte maneira:

Artigo 16. Control administrativo da solicitude de pagamento

2. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:

– A operación finalizada en comparación coa operación para a cal se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.

– Os custos contraídos e os gastos realizados.

– A verificación da moderación dos custos xustificados.

Realizarase unha visita in situ para comprobar o remate do proxectos subvencionados nos seguintes casos:

Obrigatoriamente, para todas aquelas operacións cun importe de axuda superior a 60.000 €, de acordo co disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para aquelas operacións cun importe de axuda inferior a 60.000 €, a Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural seleccionará aleatoriamente unha porcentaxe mínima do 10 % destes expedientes en cada provincia.

Así mesmo, resérvase a facultade de realizar visitas in situ, de carácter dirixido, naqueles casos en que do control documental do expediente resulten indicios que poida poñer de manifesto irregularidades no proceso de execución da obra.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural