DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30746

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica a Resolución do 7 de maio de 2024 de selección de entidade privada sen ánimo de lucro no procedemento de asignación do concerto social para a execución do Programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección, incluído dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS213E).

No Diario Oficial de Galicia número 30, do 12 de febreiro de 2024, a través da Resolución do 23 de xaneiro de 2024, da Consellería de Política Social e Xuventude, publícase a convocatoria do procedemento de asignación de concerto social para a execución do Programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección, incluído dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextgenerationeEU (código de procedemento BS213E).

Unha vez instruído de conformidade coas bases do procedemento de selección, tras a valoración dos criterios e emitida a proposta, con data do 7 de maio de 2024 o órgano competente emite a resolución que finaliza o dito procedemento, a Consellería de Política Social e Igualdade, de conformidade co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

A epígrafe 6 da cláusula N) do anexo I da Resolución do 23 de xaneiro de 2024 establece que a resolución de concertación será publicada no Diario Oficial de Galicia e a publicación terá os efectos da notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 7 de maio de 2024, ditada no procedemento BS213E de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a execución do Programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección, incluído dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se xuntará á presente resolución no anexo.

Segundo. Comunicar que a Resolución do 7 de maio de 2024 que finaliza este procedemento esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificada a resolución polo órgano competente, procederase á formalización do concerto coa entidade seleccionada.

A formalización deste concerto social, de acordo co establecido no artigo 19 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, farase mediante un documento administrativo dentro dos 30 días seguintes ao da publicación da resolución de concertación.

O concerto social perfeccionarase coa súa formalización e non se poderá iniciar a súa execución sen terse efectuado esta previamente.

Unha vez efectuada a formalización, a entidade concertada estará obrigada a prestarlles ás persoas usuarias os servizos sociais nas condicións establecidas na normativa sectorial aplicable, na resolución da convocatoria do concerto social e, de ser o caso, nos criterios de preferencia e selección da entidade.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

Jacobo José Rey Sastre
Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

ANEXO

Resolución do 7 de maio de 2024 pola que se selecciona unha entidade privada sen ánimo de lucro para a concertación, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do Programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección, incluído dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS213E)

A través da Resolución do 23 de xaneiro de 2024 pola que se publica a convocatoria, mediante o procedemento de asignación de concerto social, da execución do Programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección, incluído dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS213E), para a selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a execución do citado programa.

Unha vez examinadas as solicitudes polo órgano instrutor, avaliadas as ditas solicitudes pola Comisión de Valoración, vista a proposta de resolución formulada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica,

RESOLVO:

Primeiro. Seleccionar para levar a cabo a execución do Programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección a seguinte entidade, en aplicación dos criterios de selección e preferencia da cláusula P) do anexo I da Resolución do 23 de xaneiro de 2024, publicada o 12 de febreiro de 2024 no Diario Oficial de Galicia nº 30.

Consonte os criterios de valoración reflectidos no texto da resolución, a Comisión de Valoración establece a seguinte puntuación para a entidade presentada ao concerto:

Descrición

Puntuación

A. Calidade do proxecto técnico

32

B. Instalacións en que se levará a cabo o servizo

7,5

C. Medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade

0

D. Experiencia do persoal asignado ao proxecto

3

E. Formación do persoal asignado ao proxecto

15

F. Por cada ano de servizo acreditado pola entidade no ámbito da protección á infancia e á adolescencia

10

Total

67,5

Segundo. Adxudicar o concerto social do xeito que a seguir se indica e polo importe que se sinala á entidade seguinte:

Entidade:

Aldeas Infantiles SOS de Galicia de Vigo

NIF:

G36639896

Código do procedemento: BS213E.

Modalidade de concertación: procedemento de asignación de concertos.

Data de publicación: 12.2.2024.

Prazo de execución: o prazo de duración do concerto será desde a data da súa formalización ata o 31.12.2024 (estimación de 7 meses).

O importe da adxudicación (exento do IVE) é o seguinte:

Tipo de custo

2024 (estimación para 7 meses)

A) Custos tramo fixo (sen IVE)

113.082,02 €

a.1) Custo de persoal

93.055,60 €

a.2) Custos indirectos

20.026,42 €

B) Custos tramo variable

406.889,00 €

b.1) Custos da dedicación exclusiva da familia acolledora

315.000,00 €

b.2) Custos de manutención de 30 NNA acollidos

91.889,00 €

Totais

519.971,02 €

Terceiro. Asinar o concerto social coa entidade seleccionada dentro dos 30 días seguintes ao da publicación das resolucións de concertación, segundo indica o artigo 19 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución que esgota a vía administrativa poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. A resolución de concertación será publicada no Diario Oficial de Galicia e a publicación terá os efectos da notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal como se indica no artigo 17.2 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024. Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social e Igualdade.