DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30727

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de maio de 2024 pola que se conceden distincións ao persoal dos corpos de policía local de Galicia.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

De acordo con esta previsión, o Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, que desenvolve regulamentariamente a dita lei, establece no seu artigo 101 que, mediante orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, poderá concederse a Placa Colectiva e a Placa Individual, así como a Medalla ao Mérito da Policía Local.

Tendo en conta o anterior, de conformidade co procedemento que establece o artigo 103 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais tramitou as propostas para a concesión destas distincións que foron valoradas e sometidas a informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia na reunión realizada o 14 de maio de 2024.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 101 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, logo de examinar a proposta do órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais e tras a da valoración e informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 103.5 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Conceder a Medalla ao Mérito da Policía Local, ás persoas que se inclúen no anexo desta orde.

2. Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

1. Concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local a Pedro Abal López, policía do Corpo da Policía Local do Concello da Estrada.

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local, que foi obxecto de informe favorable da Comisión de Coordinación de Policías Locais na reunión do 14 de maio de 2024, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes resolveu conceder a Medalla ao Mérito da Policía Local a Pedro Abal López, policía do Corpo da Policía Local do Concello da Estrada, pola súa intervención o día 20 de novembro de 2023 na defensa de dúas persoas que estaban sendo atacadas por un can de raza potencialmente perigosa, que pon de manifesto calidades de valor e sacrificio que o fan sobresaír no cumprimento dos deberes do seu cargo e cuxa actuación se cualifica como exemplar, ao destacar o seu compromiso de servizo público, calidade inherente a este ideal de servizo, predicable dun bo policía, que se encadra nas condicións previstas no artigo 98 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, para a concesión desta distinción.

2. Concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local a Santiago de la Fuente Freiría e Julio Castro Loira, policías do Corpo da Policía Local do Concello de Marín.

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local, que foi valorada e sometida a informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais na reunión do 14 de maio de 2024, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes resolveu conceder a Medalla ao Mérito da Policía Local a Santiago de la Fuente Freiría e a Julio Castro Loira, policías do Corpo de Policía Local do Concello de Marín, pola súa intervención, o 22 de maio de 2023, na detención do presunto autor da morte violenta dunha muller. Os dous policías distinguidos manifestaron calidades de valor e sacrificio que os fan sobresaír no cumprimento dos deberes do seu cargo e cuxa actuación se cualifica como exemplar, ao destacar o seu compromiso de servizo público, calidade inherente a este ideal de servizo, predicable dun bo policía, que se encadra nas condicións previstas no 98 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, para a concesión da distinción.

3. De acordo co previsto no artigo 108 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, estas concesións acreditaranse mediante os correspondentes diplomas e constarán no Rexistro das Policías Locais de Galicia, e daráselles conta aos concellos de pertenza para constancia nos seus expedientes persoais.