DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30724

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 7 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR803D).

BDNS (Identif.): 761491.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR803D):

– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.

– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.

– As organizacións sindicais.

– Comunidades galegas no exterior.

– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerará agrupación de entidades aquela que estea formada por unha asociación ou federación á cal pertenza a dita entidade, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR803D).

Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR803D).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito total de 6.000.000 euros, de acordo coa seguinte distribución:

– Proxectos no exterior de ONGD, polo importe total de 5.300.000 euros, conforme a seguinte distribución con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.490.0: 1.855.000 euros no ano 2024 e 3.445.000 euros no ano 2025.

– Proxectos no exterior dos outros axentes, polo importe total de 700.000 euros, conforme a seguinte distribución con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.490.0: 245.000 euros no ano 2024 e 455.000 euros no ano 2025.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto e a subvención concedida non superará en ningún caso os 185.000 euros para proxectos plurianuais. Para proxectos que se executen só durante o ano 2024, a subvención máxima concedida será de 60.000 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 235.000 euros. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2024, a subvención máxima concedida será de 100.000 euros.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 35 % no ano 2024 e o 65 % no ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes