DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30730

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Irmandade Terra de Montes.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Irmandade Terra de Montes, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 20 de setembro de 2023, Paloma López Retorta, en representación do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Irmandade Terra de Montes constituírona Camila Viéitez Nespereira, José Ángel Viéitez Cendón e Francisco Cendón Biéitez mediante escritura pública outorgada o 17 de agosto de 2023, ante o notario de Pontevedra José Pedro Riol López, co número de protocolo 1.924.

Tras requirimento do 3 de novembro de 2023, a Fundación achega unha escritura outorgada o 18 de xaneiro de 2024, na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, co número de protocolo 120, na que incorpora o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «fomentar o desenvolvemento económico, social e cultural da comarca da Terra de Montes no ámbito de todos os sectores económicos, máis con especial atención aos sectores agrícola, gandeiro, industrial, de servizos, turístico e cultural».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os seus estatutos; e a composición do Padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por Francisco Cendón Biéitez, como presidente; Camila Viéitez Nespereira, como vicepresidenta, e José Ángel Viéitez Cendón, como secretario.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, proposta de clasificación como mixta da Fundación Irmandade Terra de Montes, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación sería exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde do 27 de marzo de 2024, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse como mixta a Fundación Irmandade Terra de Montes e adscribiuse a esta mesma Vicepresidencia para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Irmandade Terra de Montes, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado en dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Irmandade Terra de Montes, polo que,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Irmandade Terra de Montes.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades; a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos; así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes