DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30927

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 12 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, sito nos concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e promovido por Engasa Xiabre, S.L. (IN661A 2007/2-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 12 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, sito nos concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e promovido por Engasa Xiabre, S.L., cunha potencia de 8,4 MW.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Engasa Xiabre, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O punto 4.1.5 da declaración de impacto ambiental sinala: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o presuposto de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración da que se propón o 40 % corresponderá á fase de obras e o 60 % á de desmantelamento do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 135.185,65 euros, dos que 54.074,26 euros corresponderán á fase de obras e 81.111,39 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, o promotor deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación recollidos na presente resolución, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 19.1.2024, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras:

– No que respecta ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o promotor deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola dita dirección xeral para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral, para as especies recollidas no EsIA e no informe da antedita dirección xeral, así como outras especies de rapaces para as que se detecte un aumento da frecuencia, implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas o máis posible por baixo da velocidade de réxime), así como as diversas actuacións que se vaian desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental, incluíndo aquelas destinadas a desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore o promotor para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– En relación co informe do IET, que indica entre as súas conclusións que no deseño das plataformas de montaxe e nas obras de construción e acondicionamento dos camiños de acceso, buscaranse solucións que reduzan o movemento de terras co fin de minimizar a alteración da topografía, o promotor, previamente ao inicio das obras, deberá elaborar a documentación correspondente e obter o visto e prace do IET ao respecto.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnica ou técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará as obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución, recoñeceuse a condición de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, das instalacións do proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, promovido por Energía de Galicia, S.A. (IN661A 2007/2-4).

2. Mediante a Resolución do 8 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para o parque eólico denominado 2ª ampliación Xiabre, da empresa Energía de Galicia, S.A., a favor da sociedade mercantil Engasa Xiabre, S.L.

3. O 4.11.2019, Engasa Xiabre, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción, declaración de utilidade pública, e aprobación do proxecto sectorial para unha modificación substancial do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

O 20.1.2020, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 7.1.2020, o promotor achegou documentación complementaria.

4. Mediante a Resolución do 29 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, revogouse a autorización administrativa outorgada ao parque eólico 2ª ampliación Xiabre promovido por Engasa Xiabre, S.L.

5. O 5.6.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora, para a súa solicitude de modificación substancial recollida no antecedente de feito terceiro, o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

6. O 5.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, coa redacción vixente nesa data, ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

En resposta ás citadas solicitudes de informe, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu, o 16.12.2020, o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se vai seguir e os organismos que se van consultar durante a fase de información pública.

Pola súa parte, o 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

7. O 5.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación do expediente á Xefatura Territorial, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para os efectos de que continuase coa súa tramitación ata a remisión do expediente completo de acordo co artigo 33.16 da dita Lei 8/2009.

8. Mediante a Resolución do 29 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre modificado, emprazado nos concellos de Catoira e Vilagarcía de Arousa da provincia de Pontevedra (IN661A 2007/2-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal Faro de Vigo, ambos do 11.11.2021. Así mesmo, permaneceu exposto na xefatura territorial, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Catoira e Vilagarcía de Arousa), os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. O 12.5.2022, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

10. O 22.12.2022, de acordo co establecido no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do expediente do parque eólico 2ª ampliación Xiabre á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, para a emisión da correspondente declaración de impacto ambiental.

11. O 8.2.2023, en vista das consideración efectuadas polo Instituto de Estudos do Territorio no seu informe do 3.12.2022, a promotora achegou escrito en que solicita que non se prosiga coa tramitación do expediente ata que se finalicen os estudos que permitan introducir no proxecto as modificacións necesarias para dar resposta aos requirimentos do mencionado organismo.

O 14.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co solicitado pola promotora, deulle traslado desta solicitude á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

12. O 16.3.2023, Engasa Xiabre, S.L. presentou unha modificación da solicitude de autorización administrativa previa e de construción, declaración de utilidade pública, e aprobación do proxecto de interese autonómico para unha modificación substancial do parque eólico 2ª ampliación Xiabre.

Con esta modificación o proxecto pasa de 5 a 6 máquinas, cambia o modelo de aeroxerador proxectado, e pasa de catro Vestas V126, de 3,6 MW de potencia nominal unitaria, e un Vestas V136, de 3,6 MW, a seis Vestas V136, de 4,2 MW, permanecendo inalterada a potencia evacuable en 18 MW.

O 13.6.2023, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 7.6.2023, o promotor achegou documentación adicional, de acordo co establecido no artigo 29.4.h) da Lei 8/2009.

13. O 15.6.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos a que fai referencia o artigo 29.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

14. O 4.7.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto de interese autonómico, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.

15. O 10.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación do expediente á xefatura territorial, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para os efectos de que continuase coa súa tramitación ata a remisión do expediente completo de acordo co artigo 33.16 da dita Lei 8/2009.

16. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 8.6.2023, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, promovido pola sociedade Engasa Xiabre, S.L., ao abeiro do establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia.

Mediante a Resolución do 10 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico 2ª ampliación Xiabre, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

17. Mediante a Resolución do 4.8.2023, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, emprazado nos concello de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa da provincia de Pontevedra (IN661A 2007/2-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal Faro de Vigo, ambos do 17.8.2023. Así mesmo, permaneceu exposto na xefatura territorial, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa), os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

18. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Retevisión e concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (31.8.2023), Retevisión I, S.A.U. (4.10.2022) e Concello de Caldas de Reis (27.9.2023).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Así mesmo, o 4.12.2023, a promotora achegou acordo acadado con Retevisión I, S.A.U., en que se compromete a executar, ao seu cargo, as actuacións que resulten necesarias para solucionar as afectacións e interferencias que a instalación do parque eólico poida producir sobre os servizos que presta Retevisión I, S.A.U.

Enténdese a conformidade co proxecto do resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, polo que se continuou coa tramitación do procedemento.

19. O 22.12.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, para continuar coa tramitación do procedemento.

20. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, e aos concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.

Cumprida a tramitación ambiental, o 19.1.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública polo Anuncio do 22 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico 2ª ampliación Xiabre, nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) (DOG nº 24, do 2 de febreiro).

21. O 31.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

22. O 2.2.2024, a promotora presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico (proxecto de execución: parque eólico 2ª ampliación Xiabre modificado, asinado dixitalmente o 31.1.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Felipe Raña Villasenín, e o 1.2.2024 polo enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos Fausto Núñez Casamayor, coas correspondentes declaracións responsables de técnico competente e de cumprimento da normativa de aplicación). Asemade, achegou declaración responsable en relación cos organismos para os que as modificacións introducidas no proxecto, como resultado dos distintos condicionados e informes emitidos, non supoñen novas afeccións.

As modificacións introducidas no proxecto como resultado dos informes emitidos durante o trámite ambiental inclúen a eliminación de 4 aeroxeradores (XIII-1, XIII-2, XIII-5 e XIII-6) dos 6 inicialmente proxectados, e o desprazamento doutro (XIII-3), de forma que o parque eólico queda constituído por 2 aeroxeradores, configuración que conta coa declaración de impacto ambiental a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo. Así mesmo, a potencia total queda reducida dos 18 MW inicialmente proxectados a 8,4 MW.

23. O 28.2.2024, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico achegado pola promotora o 2.2.2024, mencionado no antecedente de feito vixésimo segundo.

24. O 4.3.2024, a promotora achegou documentación complementaria, consistente na separata para Retegal, que foi remitida ao dito organismo o 5.3.2024 para a emisión do correspondente condicionado.

O 15.3.2024 recibiuse o dito condicionado e o 22.3.2024 a promotora mostrou a súa conformidade.

Así mesmo, o 4.3.2024, a promotora achegou o Acordo da mesma data da Agencia Estatal de Seguridad Aérea polo que se autoriza a instalación do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, para a configuración definitiva do proxecto.

25. O 12.3.2024, Engasa Xiabre, S.L., en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 5.3.2024, achegou documentación adicional, de acordo co establecido no artigo 29.4.h) da Lei 8/2009.

26. O 15.3.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio emitiu informe en que conclúe que os dous aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 metros coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural.

27. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 18 MW, segundo o informe do xestor da rede do 19.1.2023.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais