DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30893

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, sito nos concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e promovido por Engasa Xiabre, S.L. (IN661A 2007/2-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Engasa Xiabre, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución, recoñeceuse a condición de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, das instalacións do proxecto do parque eólico segunda ampliación Xiabre, promovido por Energía de Galicia, S.A. (IN661A 2007/2-4).

Segundo. Mediante a Resolución do 8 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para o parque eólico denominado segunda ampliación Xiabre, da empresa Energía de Galicia, S.A., a favor da sociedade mercantil Engasa Xiabre, S.L.

Terceiro. O 4.11.2019, Engasa Xiabre, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción, declaración de utilidade pública, e aprobación do proxecto sectorial para unha modificación substancial do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

O 20.1.2020, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 7.1.2020, o promotor achegou documentación complementaria.

Cuarto. Mediante a Resolución do 29 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, revogouse a autorización administrativa outorgada ao parque eólico segunda ampliación Xiabre promovido por Engasa Xiabre, S.L.

Quinto. O 5.6.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora, para a súa solicitude de modificación substancial recollida no antecedente de feito terceiro, o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Sexto. O 5.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, coa redacción vixente nesa data, ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

En resposta ás citadas solicitudes de informe, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu, o 16.12.2020, o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se vai seguir e os organismos que se van consultar durante a fase de información pública.

Pola súa parte, o 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sétimo. O 5.4.2021, a Dirección Xeral de planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación do expediente á xefatura territorial, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para os efectos de que continuase coa súa tramitación ata a remisión do expediente completo de acordo co artigo 33.16 da dita Lei 8/2009.

Oitavo. Mediante a Resolución do 29 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre modificado, emprazado nos concellos de Catoira e Vilagarcía de Arousa da provincia de Pontevedra (IN661A 2007/2-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal Faro de Vigo, ambos do 11.11.2021. Así mesmo, permaneceu exposto na xefatura territorial, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Catoira e Vilagarcía de Arousa), os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. O 12.5.2022, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. O 22.12.2022, de acordo co establecido no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do expediente do parque eólico 2ª ampliación Xiabre á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, para a emisión da correspondente declaración de impacto ambiental.

Décimo primeiro. O 8.2.2023, en vista das consideracións efectuadas polo Instituto de Estudos do Territorio no seu informe do 3.12.2022, a promotora achegou escrito en que solicita que non se prosiga coa tramitación do expediente ata que se finalicen os estudos que permitan introducir no proxecto as modificacións necesarias para dar resposta aos requirimentos do mencionado organismo.

O 14.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co solicitado pola promotora, deulle traslado desta solicitude á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Décimo segundo. O 16.3.2023, Engasa Xiabre, S.L. presentou unha modificación da solicitude de autorización administrativa previa e de construción, declaración de utilidade pública, e aprobación do proxecto de interese autonómico para unha modificación substancial do parque eólico 2ª ampliación Xiabre.

Con esta modificación o proxecto pasa de 5 a 6 máquinas, cambia o modelo de aeroxerador proxectado, e pasa de catro Vestas V126, de 3,6 MW de potencia nominal unitaria, e un Vestas V136, de 3,6 MW, a seis Vestas V136, de 4,2 MW, permanecendo inalterada a potencia evacuable en 18 MW.

O 13.6.2023, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 7.6.2023, o promotor achegou documentación adicional, de acordo co establecido no artigo 29.4.h) da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. O 15.6.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos a que fai referencia o artigo 29.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo cuarto. O 4.7.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto de interese autonómico, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.

Décimo quinto. O 10.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación do expediente á xefatura territorial, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para os efectos de que continuase coa súa tramitación ata a remisión do expediente completo de acordo co artigo 33.16 da dita Lei 8/2009.

Décimo sexto. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 8.6.2023, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, promovido pola sociedade Engasa Xiabre, S.L., ao abeiro do establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia.

Mediante a Resolución do 10 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico 2ª ampliación Xiabre, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo sétimo. Mediante a Resolución do 4.8.2023, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, emprazado nos concello de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa da provincia de Pontevedra (IN661A 2007/2-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal Faro de Vigo, ambos do 17.8.2023. Así mesmo, permaneceu exposto na xefatura territorial, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa), os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo oitavo. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Retevisión e concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (31.8.2023), Retevisión I, S.A.U. (4.10.2022) e Concello de Caldas de Reis (27.9.2023).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Así mesmo, o 4.12.2023, a promotora achegou acordo acadado con Retevisión I, S.A.U., en que se compromete a executar, ao seu cargo, as actuacións que resulten necesarias para solucionar as afectacións e interferencias que a instalación do parque eólico poida producir sobre os servizos que presta Retevisión I, S.A.U.

Enténdese a conformidade co proxecto do resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, polo que se continuou coa tramitación do procedemento.

Décimo noveno. O 22.12.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, e aos concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.

Cumprida a tramitación ambiental, o 19.1.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública polo Anuncio do 22 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico 2ª ampliación Xiabre, nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) (DOG nº 24, do 2 de febreiro).

Vixésimo primeiro. O 31.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Vixésimo segundo. O 2.2.2024, a promotora presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico (proxecto de execución: parque eólico 2ª ampliación Xiabre modificado, asinado dixitalmente o 31.1.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Felipe Raña Villasenín, e o 1.2.2024 polo enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos Fausto Núñez Casamayor, coas correspondentes declaracións responsables de técnico competente e de cumprimento da normativa de aplicación). Asemade, achegou declaración responsable en relación cos organismos para os que as modificacións introducidas no proxecto, como resultado dos distintos condicionados e informes emitidos, non supoñen novas afeccións.

As modificacións introducidas no proxecto como resultado dos informes emitidos durante o trámite ambiental inclúen a eliminación de 4 aeroxeradores (XIII-1, XIII-2, XIII-5 e XIII-6) dos 6 inicialmente proxectados, e o desprazamento doutro (XIII-3), de forma que o parque eólico queda constituído por 2 aeroxeradores, configuración que conta coa declaración de impacto ambiental a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo. Así mesmo, a potencia total queda reducida dos 18 MW inicialmente proxectados a 8,4 MW.

Vixésimo terceiro. O 28.2.2024, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico achegado pola promotora o 2.2.2024, mencionado no antecedente de feito vixésimo segundo.

Vixésimo cuarto. O 4.3.2024, a promotora achegou documentación complementaria, consistente na separata para Retegal, que foi remitida ao dito organismo o 5.3.2024 para a emisión do correspondente condicionado.

O 15.3.2024 recibiuse o dito condicionado e o 22.3.2024 a promotora mostrou a súa conformidade.

Así mesmo, o 4.3.2024, a promotora achegou o Acordo da mesma data da Agencia Estatal de Seguridad Aérea polo que se autoriza a instalación do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, para a configuración definitiva do proxecto.

Vixésimo quinto. O 12.3.2024, Engasa Xiabre, S.L., en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 5.3.2024, achegou documentación adicional, de acordo co establecido no artigo 29.4.h) da Lei 8/2009.

Vixésimo sexto. O 15.3.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio emitiu informe en que conclúe que os dous aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 metros coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural.

Vixésimo sétimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 18 MW, segundo o informe do xestor da rede do 19.1.2023.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 248, do 30 de decembro), e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 246, do 29 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, e pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 22.12.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a aquelas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«...

En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas na táboa anexa a este informe, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. Relativas ao Plan eólico sectorial, á falta de utilidade pública e interese social do proxecto a súa fragmentación. Falta de xustificación da necesidade do parque eólico.

Respecto das alegacións que se refiren á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997, e publícase o Acordo no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, define o Plan sectorial eólico de Galicia como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é o de regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio. Así mesmo, define área de desenvolvemento eólico (en diante, ADE) como o espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

A modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia aprobada definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002 inclúe, ademais das áreas de investigación dos plans eólicos aprobados, áreas de reservas que proceden de desafectacións de plans aprobados ou zonas en que se considera a existencia de potencial eólico que non foi incluído nos plans eólicos empresariais aprobados.

Segundo a disposición transitoria segunda da referida lei, en tanto non se modifique o Plan sectorial eólico de Galicia, consideraranse ADE as áreas de reserva e de investigación, así como a franxa paralela a estas, previstas no Plan sectorial eólico de Galicia vixente.

Este proxecto atópase incluído na área de investigación denominada «Xiabre», aprobada pola Resolución da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, do 20 de novembro de 2002 (DOG do 14 de xaneiro de 2003), no marco do plan eólico estratéxico presentado por Energía de Galicia, S.A.

Respecto das alegacións que se refiren á fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible, mediante o fraccionamento, evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

Con respecto á falta de interese público e a utilidade social do proxecto, este basea os argumentos para xustificar o seu interese público na lexislación sectorial actualmente vixente, concretamente e entre outras, no disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, concretamente, no artigo 54, «Utilidad pública»: «1. Decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte, distribución de enerxía eléctrica, así como as infraestruturas eléctricas das estacións de recarga de vehículos eléctricos de potencia superior a 3.000 kW, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dos dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso».

Con respecto á falta de xustificación da necesidade do parque eólico e ao importante grao de saturación de aeroxeradores na área de localización do proxecto, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

2. Sinerxía do conxunto dos proxectos.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 15 km dos parques eólicos. Tamén considerouse a liña de evacuación do PE Xiabre, de 6,3 km de lonxitude con 30 apoios, que conecta o PE Xiabre coa subestación existente de Vilagarcía de Arousa de 66 kV (xa existente).

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa sentenza do 11.12.2013 cando di que «(...) unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura a rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11.12.2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

A enerxía xerada nos aeroxeradores do parque eólico 2ª ampliación Xiabre evacuarase mediante a interconexión a 66 kV da subestación existente no parque eólico Xiabre coa subestación de Vilagarcía de Arousa tamén existente.

3. Falta de transparencia.

En cumprimento da normativa de aplicación e tendo en conta as alegacións presentadas en relación coa fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas, cómpre subliñar que se someteu a información pública a solicitude do referido parque eólico para o coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións.

Mediante a Resolución do 4.8.2023 desta xefatura territorial someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, proxecto sectorial e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico 2ª ampliación Xiabre por un prazo de 30 días.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 155, do 17.8.2023, no xornal Faro de Vigo do 17.8.2023, na páxina web da Consellería de Economía, Industria e Innovación e permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública o 29.9.2023 e o 6.10.2023, respectivamente. O certificado da exposición ao público do Concello de Catoira, o cal foi requirido o 10.8.2023 e reiterado o 9.10.2023, foi recibido nesta xefatura territorial o 28.11.2023.

Pola súa banda, a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na xefatura territorial para a súa consulta mediante cita previa, durante o período de 30 días hábiles, desde o 17.8.2023 ata o 28.9.2023, ambos incluídos.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares que figuraban na relación de bens e dereitos afectados incluída na resolución de información pública.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Con respecto á ausencia do estudo do potencial eólico entre a documentación sometida a información pública, cómpre indicar que o proxecto técnico de execución e de xeito resumido o estudo de impacto ambiental teñen en conta os recursos eólicos presentes cuantificándoos nunha produción neta anual estimada de 79.266,832 MWh, equivalentes a 3.145 horas de funcionamento.

4. Afección ao patrimonio cultural.

En relación coa afección sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emite, o 11.10.2023, informe aos documentos estudo de impacto ambiental (marzo 2023) e proxecto de interese autonómico (marzo 2023), en que conclúe que:

«En atención ao expresado nos puntos anteriores, desde o punto de vista da protección e a conservación dos valores do patrimonio cultural presente neste ámbito do Monte Xiabre, considérase que co obxecto de poder continuar coa tramitación e análise deste expediente, é preciso que se realice e se presente un estudo da incidencia visual das infraestruturas eólicas proxectadas do parque eólico 2ª ampliación Xiabre modificado (aeroxeradores e as infraestruturas asociadas destes) sobre os petróglifos de:

• Estación rupestre de Laxe dos Bolos (GA36005042).

• Conxunto de petróglifos de Sobreiras (GA36060037-038,-040,-042,-043,-044,-045,-046,-047,-048, -049,-051,-064,-065 e -066).

• Petróglifos dos Campiños (GA36010023) e da Redondiña (GA36010024).

• A Pedra das Tixolas (GA36010004) e os petróglifos de Lagoas (GA36010018-19).

Incluiranse infografías desde diversos puntos en que se visualicen os bens en relación co parque eólico proxectado e os montes que os arrodean, que permitan valorar o impacto visual das infraestruturas.

Por outra banda, cómpre que se verifiquen en campo as referencias a posibles novos gravados rupestres indicados nas consideracións técnicas deste informe, e, de ser o caso, que se avalíen os impactos sobre eles.

Asemade avaliaranse os efectos acumulativos de todas as infraestruturas eólicas, as construídas e máis as proxectadas, sobre os elementos de patrimonio cultural existentes.

Xa que logo, as infraestruturas eólicas proxectadas quedan pendentes de aprobación ata realizar estes estudos e avaliar en detalle os impactos.

En previsión dos fortes impactos visuais sobre algúns dos bens indicados, estudarase eliminar as infraestruturas máis impactantes».

O promotor contesta o dito informe o 1.12.2023 e achega unha adenda á avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, en que indica que propón o desprazamento de dous aeroxeradores fóra da área de cautela dos novos xacementos identificados. Esta documentación foi trasladada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural sen que na data de sinatura deste informe conste no expediente resposta a ela.

5. Alegacións de carácter ambiental.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental e incumprimento da lexislación de aplicación, indicar que este proxecto aínda non foi avaliado ambientalmente. No momento en que se vaia formular a declaración de impacto ambiental, o órgano competente analizará o estudo de impacto ambiental achegado con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Por outra banda, no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural sinala unhas carencias no EIA que cómpren ser emendadas.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural (flora, fauna) e a biodiversidade, o 13.12.2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural informa, de maneira resumida, que:

« (...)

1. O lugar onde se localiza o proxecto non hai ningunha figura de espazos naturais protexidos, das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, nin na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade.

Os espazos naturais protexidos máis próximos corresponden á zona de especial conservación ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza (ES1140001) localizado a 1,97 km ao noroeste da pista que comunica co aeroxerador XIII-1 e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que está a unha distancia de máis de 4 km do mesmo aeroxerador.

2. A zona onde se desenvolve o proxecto non se atopa en ningún espazo que, neste momento, estea en estudo na Dirección Xeral de Patrimonio Natural por reunir importantes valores ambientais.

3. De conformidade co artigo 75 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, a zona de actuación non está comprendida dentro dos límites de ningunha área protexida por instrumentos internacionais.

4. Revisado o Inventario de humidais de Galicia (IHG), creado polo Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia, e recollidos no anexo I da Resolución do 27 de febreiro de 2023, obsérvase que, o desenvolvemento do proxecto, non afecta ningunha das zonas húmidas recollidas no dito inventario.

5. A poligonal do proxecto sitúase fóra das áreas prioritarias para a avifauna ameazada e/ou zonas de protección da avifauna contra liñas eléctricas de alta tensión, segundo o establecido na Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia nas que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión. (...)

8. No ámbito de actuación non están presentes árbores ou formacións incluídas no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.

(...)».

Sinala no seu informe que o EIA presenta unhas carencias que non permite facer unha axeitada identificación de impactos nin avaliar a idoneidade das medidas propostas para minimizalos, corrixilos ou compensalos.

Polo que respecta aos efectos ambientais acumulados e sinerxéticos, a Dirección Xeral de Patrimonio informa que «(...) Os impactos que un parque eólico pode provocar sobre o patrimonio natural e a biodiversidade poden chegar a xerar efectos acumulativos e sinérxicos, especialmente sobre as poboacións de aves e quirópteros. No caso de Galicia, este tipo de impactos secundarios irá en aumento, en paralelo coa crecente densidade de aeroxeradores. (...)

O proxecto analizado sitúase nunha ADE onde xa existe un alto nivel de ocupación producida dentro da mesma ADE polos parques eólicos Xiabre, con 11 aeroxeradores, e Xiabre ampliación, con 5 aeroxeradores, ambos en funcionamento. Por tanto, analizadas as posicións dos aeroxeradores proxectados e os da contorna, confírmase que o aumento de densidade de aeroxeradores xerará un efecto sinérxico, principalmente de tipo baleiro e/ou barreira sobre a avifauna, incompatible coas necesidades destas poboacións (...)».

Finalmente acaba concluíndo que debido ao efecto sinérxico e acumulado sobre a avifauna e os quirópteros que produciría un impacto ambiental crítico e acusado sobre o patrimonio natural e a biodiversidade e, por tanto, emítese informe desfavorable.

En relación coas alegacións que se refiren ás afeccións á paisaxe e integración paisaxística, o Instituto de Estudos do Territorio emite informe en que indica que o estudo de impacto e integración paisaxística achegado como parte do estudo de impacto ambiental se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento para o desenvolvemento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, aprobado polo Decreto 96/2020, do 29 de maio (RLPPG). Asemade, conclúe que:

«As modificacións no deseño do parque reducen a afección visual que se produce sobre o bordo costeiro ao desprazárense os aeroxeradores cara posicións máis interiores. Así mesmo, ben que as máquinas resultarán visibles desde os miradoiros próximos, coa nova localización atenúanse os efectos sobre as vistas panorámicas de maior interese dirixidas cara á ría de Arousa.

O principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual dos aeroxeradores que, pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante todo o tempo en que estean presentes os aeroxeradores e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as zonas máis afectadas pola incidencia visual caben destacar os núcleos de poboación próximos. Aínda que non é viable ocultar ou apantallar os aeroxeradores desde a maioría dos puntos de observación (agás nos núcleos rurais), esta incidencia visual non supón (para os efectos do artigo 33.1.d) do RLPPG) un impacto crítico. A este respecto, considérase adecuada a medida recollida no EIIP relacionada coa directriz de paisaxe DX.20.c, de prever a execución de pantallas vexetais nos núcleos de poboación de existir unha manifesta preocupación social polo impacto visual dos aeroxeradores.

Outros impactos produciranse polas obras de implantación das infraestruturas e acondicionamento dos accesos ao parque que alterarán a topografía das ladeiras e cumios xerando noiros e terrapléns. A este respecto, e de acordo coas directrices de paisaxe DX.17.a3 e DX.20.h, no deseño das plataformas de montaxe e nas obras de construción e acondicionamento dos camiños de acceso, deberanse buscar solucións que reduzan os movementos de terras co fin de minimizar a alteración da topografía.

En todo caso, de acordo co artigo 30.3 do RLPPG, as medidas de integración paisaxística deberán quedar oportunamente recollidas no proxecto».

O promotor acepta o contido dos informes anteriores.

Con respecto ás alegacións que manifestan unha afección ao turismo da zona, indícase que a Axencia de Turismo de Galicia emite informe onde conclúe que:

«Analizada a documentación presentada en relación co estudo de impacto ambiental do parque eólico 2ª ampliación Xiabre nos concellos de Caldas de Reis e Catoira (Pontevedra), en relación co potencial impacto turístico que podería ocasionar nos distintos elementos de interese turístico, débese salientar o seguinte:

A ampliación do parque será visible desde a contorna e desde os miradoiros analizados. Tamén é certo tamén que o parque actual é visible e o resultado final é similar á situación actual.

As máquinas xa están integradas na paisaxe actual e se considera que a ampliación non implica unha sobreexposición visual significativa.

O desprazamento das máquinas cara ao interior fai que o impacto considerado crítico polo IET desde a paisaxe costeira desapareza. E que desde poboacións onde o proxecto anterior era visible o parque, deixe de selo (Filgueiras, Guillán e O Outeiro), aumentando a exposición desde poboacións ao norte do parque (Catoira, Tarrio, ou Sequeiros), desde onde na actualidade xa é visible o parque Xiabre.

Como consecuencia do analizado anteriormente non se considera que o proxecto poida causar un efecto significativo nos distintos elementos de interese turístico.

Non obstante, dado os informes realizados polo IET en relación coa disposición dos aeroxeradores en propostas anteriores, na que dicía que se provocaba unha forte incidencia visual, o proxecto debería ser analizado desde o punto de vista paisaxístico.

No caso que se leve a cabo a realización do proxecto, aparte das medidas previstas no EIA, no punto de estudo de impacto turístico, en canto ás medidas preventivas, correctoras e de vixilancia ambiental, deberán terse en conta unha serie de consideracións para minimizar o impacto do proxecto sobre os valores turísticos da zona:

No caso de establecementos hoteleiros directamente afectados pola visibilidade do parque eólico, e sempre que a perda de calidade visual estea a supoñer unha diminución do seu atractivo turístico, o promotor deberá propor medidas de ocultación puntual, como poden ser as pantallas vexetais, que se instalarán sempre que resulten tecnicamente viables e se conte coa aprobación dos propietarios.

No caso de que non resulte viable establecer medidas para eliminar ou reducir o impacto esperado, o promotor definirá medidas compensatorias destinadas ao fomento do turismo sustentable na zona, como pode ser o establecemento de rutas interpretativas dos valores naturais e etnográficos, rutas megalíticas ou arqueolóxicas, a mellora da sinalización dos elementos patrimoniais afectados, ou a promoción de actividades de carácter cultural e deportivo nos concellos afectados.

As medidas serán específicas para os impactos localizados, terán unha afección clara no turismo da zona ou en variables que afectan este, e serán coherentes coas establecidas para a protección do patrimonio, da paisaxe e outros valores naturais e patrimoniais da contorna do parque eólico.

As obras de instalación realizaranse no menor tempo posible para minimizar a súa afección sobre os bens turísticos, e evitando a súa coincidencia con festas e actividades socio-culturais de importancia que se realicen na contorna.

A localización das instalacións auxiliares de obra e as zonas de provisión, almacenamento e aparcadoiro manteranse afastadas respecto de elementos de interese turístico (establecementos hostaleiros, instalacións deportivas, etc.) de forma que se limite as afeccións derivadas de cambios na paisaxe, ruídos, emisións, etc., derivadas destas.

Evitarase o paso de vehículos e maquinaria nas proximidades dos puntos de interese turísticos identificados. Nos casos en que sexa necesario circular nas proximidades dalgún dos elementos sinalados, estableceranse limitacións na velocidade de maquinaria e vehículos e nos horarios de circulación de camións e o número máximo de unidades mobilizadas por hora, evitando a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do período diúrno (23.00 h - 7.00 h), en períodos de descanso e fins de semana e festivos, datas en que é previsible que se produza unha maior demanda de servizos turísticos na zona.

No caso de que as obras afecten directamente roteiros e carreiros, estableceranse as medidas necesarias para mantelos abertos e facilitar o paso seguro aos seus usuarios. Se resulta imprescindible o corte destes itinerarios, o corte terá a menor duración posible e será informado coa suficiente antelación, sinalizándose no propio camiño polo menos unha semana antes de producirse. Se o corte debe prolongarse máis dunha xornada, establecerase un paso alternativo.

No caso de que os traballos realizados alterasen o firme, cunetas ou calquera outro elemento dos roteiros afectados, procederase de forma inmediata á súa restauración, recuperando por completo a situación anterior».

Así mesmo, indica que o promotor deberá incorporar ao Plan de vixilancia actuacións específicas de supervisión periódica da posible afección da infraestrutura no sector turístico dando unhas directrices para iso.

O promotor contesta que acepta o contido deste informe.

6. Alegación aos recursos hídricos.

En relación coa afección ao medio hídrico, o estudo de impacto ambiental presenta un estudo cero da calidade das augas dos cursos próximos que poderían verse afectados polas obras na zona de implantación do parque eólico, establecendo un plan de control da calidade das augas exposto no Plan de vixilancia ambiental.

Augas de Galicia informa que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe. Sinala que durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán as directrices sinaladas no seu informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe.

Pon de manifesto que o proxecto non atravesa ningunha das zonas protexidas recollidas no Catálogo de zonas protexidas do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa (PHGC), aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro. Non obstante, detalla as zonas protexidas e a súa categoría, identificadas na contorna da infraestrutura proxectada.

Respecto dos aproveitamentos hídricos, Augas de Galicia refire que lle constan 5 captacións para abastecemento humano recollidas no PHGC, próximas ás actuacións previstas, considerando unha distancia de 500 m ao redor das obras.

Ademais, indica que na documentación achegada non se fai referencia a captacións de auga e que consultado o libro de Rexistro de Augas de Galicia elabora unha lista das captacións a unha distancia de 500 m ao redor das obras. Exixe que no caso de afectar algunha das captacións de augas inscritas, como consecuencia das actuacións propostas, debe recollerse a súa reposición. Consideracións ás cales o promotor dá a súa conformidade.

7. Saúde, ruído, campos electromagnéticos.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía o posible impacto do proxecto na saúde humana, a través do ambiente, en tres fases: caracterizando a poboación en situación de risco, determinando os potenciais perigos e identificando as posibles vías de exposición.

Os principais perigos potenciais asociados a esta actividade que recolle esta dirección xeral son: a presenza de contaminantes, como augas residuais, gases ou po e partículas procedentes do movemento das terras, voaduras ou desprazamento de vehículos; ruído e vibracións orixinados por escavacións, movemento de camións e maquinaria, voaduras puntuais, construción das infraestruturas e funcionamento dos aeroxeradores; residuos perigosos e non perigosos xerados nas distintas fases do proxecto, produtos perigosos empregados nas instalacións e no seu mantemento e os residuos xerados na súa eliminación; electrocución, campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o efecto Shadow Flicker.

Respecto do ruído refire que o estudo acústico presentado contén un estudo preoperacional con medicións directa e unha modelización acústica da emisión dos aeroxeradores para os períodos de día, tarde e noite. Para a fase de obra indica un control dos niveis acústicos polo uso da maquinaria pesada. Recolle unha modelización da contorna reflectindo como resultado que non se prevé afección acústica nos núcleos de poboación mais próximos aos aeroxeradores. Así como un plan de seguimento.

En canto aos efectos sinérxicos ou acumulativos, sinala que na contorna do proxecto (envolvente de 15 km) hai 10 parques eólicos, 5 en funcionamento, 3 autorizados, 1 en información pública e 1 proxectado, e as distancias aos máis próximos (PE Xiabre, 1ª ampliación Xiabre e Catoira) é de 1,51, 0,43 e 1,5 km, respectivamente.

Conclúe que na fase de obra non se producirán efectos sinérxicos cos parques en tramitación, no caso de que exista unha coincidencia temporal das obras, debido á distancia existente entre os parques.

Refire a afectación dos niveis sonoros no caso de realizar voaduras, pero non recolle medidas protectoras ou correctoras.

Tendo en conta o anterior, a Dirección Xeral de Saúde Pública considera que debería incluírse no estudo de impacto ambiental medidas protectoras ou correctoras no caso de afectación dos niveis sonoros ao realizar voaduras.

Consideracións ás cales o promotor dá a súa conformidade.

Respecto dos campos electromagnéticos, o estudo e a estimación de valores referentes aos niveis de campos magnéticos mediante simulación na subestación eléctrica, nas celas de medida, no transformador e no interruptor e ao respecto da liña soterrada de 30 kV poñen de manifesto valores por debaixo dos limiares indicados no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radio eléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas.

Respecto do efecto escintileo de sombras, para valorar a súa zona de influencia a empresa promotora analizou este sobre as vivendas ou outras edificacións situadas dentro do radio de 1360 metros desde cada aeroxerador. A modelización empregada conclúe que os resultados non superan o limiar de 30 h/ano e 8 h/ano, tanto para o caso máis desfavorable como para o caso real.

Respecto aos posibles efectos sinérxicos ou acumulativos, o promotor realiza unha análise dos parques eólicos situados a menos de 3,2 km de distancia, tanto existentes como en execución ou en tramitación, e conclúe que o efecto sinerxético é inferior ao limiar permitido.

Respecto ás augas de consumo, a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que non existe na contorna do proxecto captacións de auga para abastecemento en vixilancia sanitaria pola Consellería de Sanidade, incluídas nas bases de datos do Sistema de información nacional de augas de consumo (SINAC), estando a máis próxima a unha distancia de 2.545 m.

En canto ás augas superficiais e subterráneas, o promotor indica que as actuacións proxectadas non afectan o dominio público hidráulico sen a súa zona de servidume e policía, debido a que os aeroxeradores respectan distancias aos regatos máis próximos.

No tocante ao solo, o promotor prevé medidas protectoras e correctoras durante a fase de obra e explotación para minimizar a súa afección e para evitar posibles verteduras de materias contaminantes, referindo seguimento ao respecto no programa de vixilancia ambiental.

Finalmente, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable e tan só considera que, con respecto á utilización do gas SF6, debido a que se trata dun dos gases de efecto invernadoiro con maior potencial de quecemento da atmosfera, teranse en conta as recomendacións e medidas de xestión que se prevén nos estándares internacionais ao respecto, de xeito que se eviten ou minimicen as súas emisións, en especial, na carga e descarga dos equipos que o empregan.

8. Varios.

En relación co impacto económico negativo xerado polo proxecto sobre as explotacións agrícolas, gandeiras forestais e produtores ecolóxicos (1, 2, 3, 4), indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados (5), lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, concretase o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de: actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables; outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.

Respecto das posibles afeccións das sinais de televisión dixital, telefonía móbil e transmisión analóxica (6), cómpre indicar que no trámite de solicitude de informes a distintas administracións ou organismos afectados, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, remitiuse separata do proxecto aos seguintes organismos Cellnex-Retevisión, a Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual e Retegal.

A Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual emite informe en que considera que o proxecto presentado podería causar unha degradación dalgúns dos servizos de radiocomunicacións prestados polas estacións autorizadas e instaladas nas proximidades do proxecto. Indica que no caso que se confirmase a presenza das devanditas perturbacións ou interferencias, a empresa responsable da devandita instalación debería responsabilizarse da eliminación das posibles interferencias e asumir o custo das instalacións alternativas que fosen necesarias para asegurar a continuidade do servizo nas mesmas condicións de calidade. Ao que o promotor manifestou a súa conformidade.

Retevisión I, S.A.U. informa que a construción do parque eólico provocaría unha relevante afección aos servizos de difusión e transporte do sinal TDT tanto pública como privada, así como unha considerable degradación ou anulación da recepción do sinal da televisión para os habitantes da zona.

En consecuencia, manifesta a súa oposición á construción do parque na forma proxectada, sempre que non se adopten as medidas correctoras propostas ou, na súa falta, se adopten outras medidas alternativas que consigan os mesmos fins, e eliminen as posibles afectacións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retevisión na actualidade, e todo iso con carácter previo á instalación do parque.

O 4.12.2023, o promotor achega acordo coa empresa para evitar que se produzan deficiencias nos servizos de difusión e transporte do sinal que puideran afectar os habitantes da zona como consecuencia da instalación do parque eólico.

Pola súa banda, Retegal emite condicionado técnico en que conclúe que é previsible a afección do aeroxerador 3 sobre dous radioenlaces e que isto podería repercutir na prestación dos servizos esenciais de televisión nas poboacións que reciben o sinal dos centros emisores afectados. Sinala que calquera modificación na localización dos aeroxeradores deberá de ser obxecto de aprobación pola compañía para os efectos de analizar calquera afección que poida xurdir.

Polo tanto, considera necesario que o promotor da instalación realice unha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna, coa finalidade de proceder á comprobación de que non se produce a súa perda ou degradación. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión de cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

O promotor responde que está en contacto coa empresa co fin de acordar unha solución.

En relación coas alegacións que refiren incumprimentos nas distancias a núcleos de poboación (7), o proxecto conta cun informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 4.7.2023, en que se recolle que: «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (PXOM do concello de Caldas de Reis, aprobado definitivamente o 11.10.2018; e as NSP do concello de Catoira aprobadas definitivamente o 10.9.1993) e as coordenadas dos 6 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado».

(...).

No tocante ás afeccións ao medio forestal (11,12), a Dirección Xeral de Defensa do Monte informa favorablemente o proxecto do PE 2ª ampliación Xiabre. Por outra banda, o Servizo de Montes, por petición da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, informa que «(...) se se executa o proxecto e o plan de restauración coas medidas preventivas e correctoras previstas no proxecto de 5 aeroxeradores que incluían a restauración dos tramos de pista que quedan duplicados, de xeito que, por exemplo, a superficie de masas de frondosas afectadas pola pista de acceso ao aeroxerador XIII-1 se recupera mediante a restauración do tramo de pista que quedaría duplicado, se mantén a operatividade das infraestruturas forestais afectadas (fundamentalmente pistas) e se cumpre a lexislación forestal de aplicación, non son de prever impactos significativos no ámbito forestal (...), polo que emite informe favorable ao proxecto.

No tocante á afección ás concentracións parcelarias (13), o Servizo de Infraestruturas Agrarias conclúe que «(...) o parque eólico afecta as seguintes zonas de concentración parcelaria en execución:

• zona de reestruturación parcelaria de Catoira Sur (concello de Catoira).

• zona de reestruturación parcelaria de Santa María de Bemil (concello de Caldas de Reis).

Segundo a Lei 4/2015 de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, as fases do procedemento de reestruturación parcelaria son: bases, acordo e acta de reorganización.

Unha vez aprobado o decreto procédese á elaboración das bases coa definición do parcelario, a investigación da propiedade, a clasificación de terras (as denominadas «parcelas de achega») e a redacción do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.

Para unha correcta elaboración das bases, a empresa promotora do parque eólico deberá comparecer no procedemento como parte interesada e comunicar ao Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra todas as actuacións de cambios de titularidade, afeccións, expropiacións... que teñan lugar en parcelas incluídas nas zonas de concentración parcelaria de Catoira Sur e Santa María de Bemil».

Con respecto ao risco real de incendio e acumulación de combustibles (14), a Dirección Xeral de Emerxencia e Interior informa que «Revisada a documentación remitida, en relación coa avaliación dos efectos derivados da vulnerabilidade do proxecto ante o risco de accidentes graves ou catástrofes que incidan no proxecto, se considera que o devandito risco é baixo e que as medidas de prevención incluídas son correctas. Todo isto sen prexuízo de que, se o proxecto estivese afectado polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, e/ou previsto dentro das actividades incluídas no anexo I do Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas, o titular daquel está obrigado a implantar, manter e revisar o Plan de autoprotección, que debe elaborar persoal técnico competente, segundo o devandito decreto, e que acompañará aos restantes documentos necesarios para o outorgamento da licenza, permiso ou autorización, previamente á autorización de inicio da actividade por parte da autoridade competente».

O promotor manifesta a súa conformidade co informe emitido.

No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico e ás relativas á tramitación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), cómpre manifestar que, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción dada pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas: «Conforme o establecido no artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e logo da obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística, os proxectos de parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación poderán implantarse en calquera categoría de solo rústico, ao non implicar a urbanización ou transformación urbanística dos terreos, sen que sexa necesaria a aprobación dun proxecto de interese autonómico regulado pola lexislación de ordenación do territorio».

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 19.1.2024, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, cómpre indicar que a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 19.1.2024:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico 2ª ampliación Xiabre, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico 2ª ampliación Xiabre.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, sito nos concellos de Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e promovido por Engasa Xiabre, S.L., para unha potencia de 8,4 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico 2ª ampliación Xiabre, composto polo documento proxecto de execución: parque eólico 2ª ampliación Xiabre modificado, asinado dixitalmente o 31.1.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Felipe Raña Villasenín, e o 1.2.2024 polo enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos Fausto Núñez Casamayor.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Engasa Xiabre, S.L.

Domicilio social: r/ Xosé Pasín, nº 7, baixo, 15706 de Santiago de Compostela.

Denominación: parque eólico 2ª ampliación Xiabre.

Potencia instalada: 8,4 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 8,4 MW.

Produción neta: 24.250,529 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.887 h.

Concellos afectados pola poligonal do proxecto: Catoira, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 7.724.894,51 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

(proxecto)

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

520.875,00

4.719.785,00

2

523.675,00

4.721.443,00

3

526.215,00

4.721.105,00

4

525.779,00

4.718.454,00

5

525.618,00

4.718.347,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

ID

Aeroxerador (proxecto)

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

XIII-3

524.329,00

4.721.117,00

4,2

2

XIII-4

524.905,00

4.720.773,00

4,2

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Dous (2) aeroxeradores modelo Vestas V136 ou similar de 4,2 MW de potencia nominal unitaria, de 82 m de altura de buxa e 136 m de diámetro de rotor.

– Dous (2) centros de transformación de potencia aparente 5.150 kVA e tensión 0,8/20 kV, situados no interior dos aeroxeradores.

– Rede de media tensión de 20 kV soterrada, formada por dous (2) circuítos trifásicos con cables RHZ1 12/20 kV 240 mm2 Al mm2, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación. A mesma gabia incluirá cablaxe de terra de Cu de 50 mm².

– A subestación xa existente ampliarase cunha posición de liña e outra de liña-trafo, e estarán compostas polos seguintes elementos:

• Un (1) transformador 20/66 kV de 30 MVA de potencia aparente para elevar enerxía do parque eólico parque eólico 2ª Ampliación Xiabre para a conexión á rede de distribución.

• Unha (1) posición de transformación en 66 kV.

• Unha (1) posición de liña en 66 kV.

• Unha (1) posición de medida en barras en 66 kV.

• Unha (1) posición de transformador en 20 kV.

• Dúas (2) posicións de liña en 20 kV.

• Catro (4) posicións de liña de reserva en 20 kV.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Engasa Xiabre, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O punto 4.1.5 da declaración de impacto ambiental sinala: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o presuposto de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración da que se propón que o 40 % corresponderá a fase de obras e o 60 % á de desmantelamento do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 135.185,65 euros, dos que 54.074,26 euros corresponderán á fase de obras e 81.111,39 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, o promotor deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación recollidos na presente resolución, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 19.1.2024, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras:

– No que respecta ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o promotor deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola dita dirección xeral para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral, para as especies recollidas no EsIA e no informe da antedita dirección xeral, así como outras especies de rapaces para as que se detecte un aumento da frecuencia, implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas o máis posible por baixo da velocidade de réxime), así como as diversas actuacións que se vaian desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental, incluíndo aquelas destinadas a desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore o promotor para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– En relación co informe do IET, que indica entre as súas conclusións que no deseño das plataformas de montaxe e nas obras de construción e acondicionamento dos camiños de acceso, buscaranse solucións que reduzan o movemento de terras co fin de minimizar a alteración da topografía, o promotor, previamente ao inicio das obras, deberá elaborar a documentación correspondente e obter o visto e prace do IET ao respecto.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnica ou técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará as obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais