DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 20 de maio de 2024 Páx. 30102

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2024 pola que se convoca o proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior xestor/a do proxecto Down to Earth.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, Axencia) foi creada pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

A dita lei de creación está modificada, entre outras, pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio), en cuxo artigo 6 se configura a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia, reguladas na citada Lei 11/2021.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está adscrita á Consellería do Medio Rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente.

A Axencia ten como obxectivos estratéxicos a promoción e posta en valor no ámbito rural galego do patrimonio histórico; a recuperación da terra agraria; a vida social, cultural e educativa; a contorna natural e os produtos agroalimentarios, xa que as actuacións sobre os ditos ámbitos contribúen a mellorar a calidade de vida e a cohesionar a vida social e a estimular o arraigamento da poboación no medio rural, de xeito que fagan deste un lugar máis atractivo, ao seren as ditas actuacións interesantes desde o punto de vista do fortalecemento do orgullo rural, da diversificación económica, da potenciación do interese polo territorio e, polo tanto, do desenvolvemento xeral do territorio.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asume a coordinación do proxecto Down to Earth (International cooperation for sustainable, resilient and attractive rural areas).

A Lei 9/2023, do 28 de decembro (DOG núm. 246, do 29 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, no seu artigo 15 prevé a contratación de persoal laboral temporal para realizar obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, esta dirección

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior xestor/a de proxecto europeo, para a execución e xestión do proxecto Down to Earth (International cooperation for sustainable, resilient and attractive rural areas) e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Contra a presente resolución poderase interpor recurso de alzada ante a presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024

Inés Santé Riveira
Directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases da convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior xestor/a de proxecto para a Subdirección de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, esta dirección dispón publicar, no exercicio das competencias atribuídas, as seguintes bases para a selección dun efectivo persoal laboral temporal para traballar na execución e xestión do proxecto europeo Down to Earth (International cooperation for sustainable, resilient and attractive rural areas)

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase o proceso selectivo para a contratación dun efectivo persoal laboral temporal con titulación de grao ou licenciatura.

O centro directivo é a Axencia Galega de Desenvolvento Rural adscrita á Consellería do Medio Rural, aínda que o/a empregado/a terá que facer desprazamentos a países de Europa por mor do seu traballo.

A duración do contrato será de 27 meses, contados desde a súa formalización e sempre condicionados á duración do proxecto. Se por dilación do proceso non for posible levar a cabo unha contratación por 27 meses, esta realizará polo tempo que reste ata o 22 de febreiro de 2027.

De acordo co artigo 15 da Lei 9/2023, do 28 de decembro (DOG núm. 246, do 29 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

A persoa seleccionada vai traballar na execución e xestión do proxecto europeo Down to Earth (International cooperation for sustainable, resilient and attractive rural areas). Trátase dun proxecto de colaboración entre rexións europeas que pretende mellorar as súas capacidades no eido do desenvolvemento rural para lograr un rural máis sostible, resiliente e atractivo. En concreto, a persoa seleccionada contrátase para realizar as funcións de apoio á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural na realización das tarefas propias dun/dunha xefe/a de fila para a coordinación e xestión dun proxecto trasnacional, con utilización do inglés como lingua de traballo e con dispoñibilidade para desprazarse ás reunións e aos eventos relacionados co proxecto que teñan lugar nas rexións socias deste.

Entre as tarefas que deberá realizar inclúense as seguintes:

1. Preparar, organizar e dinamizar as reunións de traballo internacionais que se realicen co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados, e participar nelas en calquera das rexións europeas en que teñan lugar. O idioma de traballo será exclusivamente o inglés.

2. Representar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nas reunións dos diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto nos países en que se realicen, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados co proxecto. O idioma de traballo será exclusivamente o inglés.

3. Coordinar e realizar en inglés informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto, así como calquera outro documentos necesario para o desenvolvemento do proxecto.

4. De acordo coa normativa, regulamentación e prácticas dos proxectos europeos, desenvolver metodoloxías de control do proxecto, así como indicadores de seguimento deste.

5. Analizar e priorizar metodoloxías e ferramentas europeas susceptibles de seren incorporadas ao proxecto.

6. Elaborar a xustificación anual do proxecto.

7. Calquera outra función non definida aquí e considerada desde a Axencia e relacionada coa execución e coordinación do proxecto.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e na Lei 9/2023, do 28 de decembro (DOG núm. 246, do 29 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, en que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2024 e se actualiza con efectos do 1 de xaneiro de 2024 a contía das retribucións.

1.3. Modalidade de contrato.

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo temporal seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

1.4. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos/das aspirantes

Para seren admitidos/as no proceso de selección, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal, os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.7, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os/as cónxuxes dos/das españois e dos/das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do/da seu/súa cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros/as non incluídos/as nos puntos anteriores.

2.2. Idade.

Teren feitos os dezaseis anos de idade.

2.3. Titulación académica.

Estar en posesión dunha titulación de grao ou licenciatura.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será obrigatorio para os/as aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.4. Competencia lingüística.

Dispor dun manexo competente e fluído do inglés a nivel profesional oral e escrito, con capacidade para liderar reunións de traballo no dito idioma e realizar presentacións en xornadas, foros ou similares. Deberá acreditarse a posesión dun certificado, como mínimo, de nivel C1 ou equivalente, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

2.5. Dispoñibilidade para viaxar.

Ter dispoñibilidade para desprazarse a calquera país europeo para participar en reunións, xornadas, foros ou similares.

2.6. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.7. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.8. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos mediante resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte no presente proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que, no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta con estas bases.

b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos, que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada das titulacións académicas obtidas, que no caso de se obteren no estranxeiro deberán estar homologadas en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel C1 ou equivalente, en lingua inglesa, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

e) Acreditación da experiencia no estranxeiro indicada no punto 4.1, mediante certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde se desempeñaron as actividades ou servizos, con especificación das funcións e período (con data de inicio e de remate).

f) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares, que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

h) Fotocopia compulsada do titulo acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes tamén poderán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR004A, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes deberán dirixirse á Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para presentar as solicitudes será de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; de ser así, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

1. Por cada mes de servizos prestados na execución de proxectos internacionais ou transnacionais nos últimos 5 anos: 0,25 puntos ao mes, ata un máximo de 3 puntos.

2. Por cada mes de servizos prestados no estranxeiro en actividades relacionadas coas políticas e o financiamento comunitarios no ámbito do desenvolvemento rural: 0,30 puntos/mes, ata un máximo de 3 puntos.

4.2. Formación: ata un máximo de 5 puntos.

1. Por posuír un máster relacionado co desenvolvemento rural, coa xestión e administración de empresas, coa innovación, coa xestión e seguimento de políticas públicas, coa xestión de proxectos europeos ou calquera outro equivalente cun contido similar: 3 puntos.

2. Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias do posto a que se opta e organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Públicas, Fegas, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Inem, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, así como os cursos de formación continua do AFCAP e os impartidos pola Administración xeral do Estado, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,3 puntos.

3. Por cada curso de coñecemento informático, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,1 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,2 puntos.

4. Polo coñecemento doutros idiomas europeos ademais dos oficiais no Estado español e do inglés, ata un máximo de 1 punto:

Igual ou menor a B1: 0,2 puntos por cada idioma.

Igual ou maior a B2: 0,3 puntos por cada idioma.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e de persistir será a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado mediante resolución da directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e será constituído unha vez publicada na web da dita axencia (https://agader.xunta.gal) a relación definitiva de persoas aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Desenvolvemento do proceso de selección

6.1. Expirado o pazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, así como as causas da súa exclusión. Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Tamén poderán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR004A, accesible na sede electrónica de la Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes deberán dirixirse á Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución polo que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar no caso de superar o proceso de selección se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

6.2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de dez (10) puntos. Exixirase un mínimo de seis (6) puntos na fase de valoración de méritos para pasar á segunda fase do proceso.

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será dun (1) punto.

6.3. Primeira fase: o tribunal efectuará unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

Poderanse formular alegacións contra a baremación da listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

O tribunal de selección, se é o caso, e só para os efectos de aclarar posibles dúbidas sobre a documentación achegada, poderá requirir a presenza das persoas aspirantes que considere oportuna.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

6.4. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación das persoas aspirantes.

A entrevista versará sobre o curriculum vitae dos/das candidatos/as, as funcións que se van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre as políticas e programas comunitarios relacionados co eido do desenvolvemento rural.

Para realizar a entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 1 punto.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia (https:/agader.xunta.gal) os nomes dos/das convocados/as, o lugar e a data e hora de realización da entrevista. Nesta fase valoraranse as cuestións relativas á experiencia dos/das candidatos/as, os seus coñecementos, formación e participación en proxectos.

As persoas convocadas a esta fase deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.

Una vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web da Axencia (https:/agader.xunta.gal) a listaxe coa puntuación provisional dos/das aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra a puntuación provisional da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal establecerá a puntuación global definitiva, que será elevada á Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para que dite a resolución coas puntuacións globais definitivas dos/das aspirantes polo mesmo medio que a listaxe provisional, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

6.5. A primeira persoa aspirante da lista definitiva publicada será a candidata seleccionada para cubrir a praza obxecto desta convocatoria e deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.7.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas, para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.8.

6.6. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no número anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á súa contratación para o posto para o cal foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no número anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionada a seguinte persoa aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar, nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior, a documentación citada no punto 6.5. Procederase desta forma ata que unha persoa candidata presente en prazo e validamente a súa documentación.

6.7. Logo de seleccionada a persoa candidata e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos números anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, formalizarase a contratación obxecto da convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección seráns publicadas na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no punto de procesos selectivos.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal co carácter de definitivos ou que, aínda que sexan de trámite, decidan sobre o fondo do asunto poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

ANEXO II

Modelo de solicitude

DATOS PERSOAIS

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Domicilio, rúa e nº

Provincia

Localidade

Teléfono

Correo electrónico

NO CASO DE PRESTAR SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA:

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

Dependencia

Localidade

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para prover o posto de titulado/a superior xestor/a de proxecto europeo, anunciada pola Resolución .................................................., ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

(Lugar, data e sinatura)

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Secretaría Xeral

Lugar da Barcia, 56, Laraño

1897 Santiago de Compostela

A Coruña