DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 16 de maio de 2024 Páx. 29752

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2024 pola que se convocan dous cursos para o persoal empregado público da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Ao abeiro do Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

1. Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución as persoas empregadas públicas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que se encontren en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

2. Sen prexuízo do anterior, poderán ofertarse actividades formativas ao persoal empregado público pertencente a outras entidades, organismos e institucións públicas, cando así se estableza na epígrafe «persoal destinatario» da actividade formativa.

3. Nas actividades impartidas na modalidade de teleformación, as persoas interesadas deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 27 de maio, incluído.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e 981 54 62 54 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (de 9.00 a 14.00 horas).

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar, ademais, unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas nas actividades formativas por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas entre os solicitantes que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos, no anexo II.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, na renuncia e no seguimento das actividades de teleformación

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar as actividades formativas será necesario cumprir os seguintes requisitos obrigatorios na súa totalidade:

a) Para as actividades presenciais: cumprir coa porcentaxe mínima dun 90 % de asistencia e superar a proba de avaliación que se realizará ao final delas.

b) Para as actividades de teleformación:

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas e superadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– A superación dunha proba de avaliación final.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Nas actividades en modalidade de teleformación, as probas de avaliación finais serán en liña. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

1. A EGAP e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as a algunha actividade sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Denominación

Persoal destinatario

Prazas

Horas

Modalidade

Data de inicio

Data de remate

Data e hora do exame final

Área de formación: Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades

CV24063

Prevención e xestión de conflitos

Persoal de campo (axentes, vixilantes, peóns) da D.X. de Patrimonio Natural e dos seus servizos provinciais e subinspectores urbanísticos da APLU.

30

12

Presencial

6, 13 e 20 de xuño, das 9.30 ás 13.30 h

20.6.2024, ás 13.00 h

CV24063

Prevención e xestión de conflitos

Persoal de campo (axentes, vixilantes, peóns) da D.X. de Patrimonio Natural e dos seus servizos provinciais e subinspectores urbanísticos da APLU.

30

12

Presencial

12, 19 e 26 de novembro, das 16.00 ás 20.00 h

26.11.2024, ás 19.30 h

CV24062

Sistema Tetra de comunicación

Persoal ao servizo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

30

15

Teleformación

23.9.2024

25.9.2024

25.9.2024, ás 13.30 h