DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28576

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vilaboa

ANUNCIO do convenio urbanístico coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa para a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do equipamento E-021 tanatorio.

Segundo consta na acta da sesión ordinaria do 25 de marzo de 2024, o Pleno do Concello de Vilaboa adoptou o seguinte acordo:

«2. Expediente 1273/2023. Aprobación e ratificación do convenio urbanístico para a modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Vilaboa no ámbito do equipamento E-021 tanatorio.

A proposta foi ditaminada pola Comisión Informativa de Administración Xeral na súa sesión do 20 de marzo de 2024.

Proposta da Alcaldía

Á vista dos seguintes antecedentes:

Documento

Data

Observacións

Memoria xustificativa

3.8.2023

 

Texto inicial do convenio

10.11.2023

5JLZJ3JKL6GP69AMEQZF63XAM

Audiencia aos titulares

31.8.2023

KQJPM3WNGG5PLWWML327647MT

Anuncio de información pública

11.12.2023

DOG núm. 233, de 11.12.2023

Anuncio no xornal

 

Informe de rexistro de alegacións

15.1.2024

 

Informe de secretaría con observacións

3.3.2024

23CCSJ7SFSESTXK7SXWWANXJ

Informe técnico

18.3.2024

9GS54ZL4G5AS9SRKTFEEZKYQS

Audiencia do texto definitivo que introduce correccións

 

Texto definitivo do convenio

15.3.2024

 

Conformidade dos interesados sobre o texto definitivo

18.3.2024

 

De conformidade co disposto no artigo 22.2.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, elevo ao Pleno a seguinte proposta, logo de ditame á Comisión Informativa de Administración Xeral:

PRIMEIRO. Aprobar e ratificar o texto definitivo do convenio urbanístico:

PROPOSTA DE TEXTO DEFINITIVO DO CONVENIO

Convenio urbanístico para a modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Vilaboa no ámbito do equipamento E-021 tanatorio

Reunidos na casa do Concello de Vilaboa, o 20 de marzo de 2024, comparecen:

Dunha parte, César Poza González, na súa calidade de alcalde presidente do Concello de Vilaboa, con DNI número 44080818F e enderezo para os efectos de notificacións no lugar do Toural, 1, 36141 Vilaboa.

E doutra parte, José Luis López García, con DNI número 35244842X, maior de idade, que actúa en calidade de presidente e representante legal da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa, con NIF V36122158 e enderezo para os efectos de notificacións no lugar de Outeiro, 14, na parroquia e termo municipal de Vilaboa.

Asiste ..., secretario do Concello de Vilaboa, para os únicos efectos de dar fe do acto, en virtude do artigo 3.2 letra i) do Real decreto 128/2018.

Os reunidos recoñécense reciprocamente, no concepto das súas respectivas intervencións, capacidade legal suficiente para obrigarse en virtude do presente convenio de planeamento, e para ese efecto

EXPOÑEN:

I. No Plan xeral de ordenación municipal de Vilaboa, en diante PXOM, aprobado definitivamente con carácter parcial mediante a Orde do 25 de febreiro de 2019, da CMATV da Xunta de Galicia, inclúese un ámbito de 6.007 m² de solo rústico de protección ordinaria e de protección de infraestruturas, o cal se encontra cualificado como sistema local de equipamentos e dotacións coa clave E-021 tanatorio.

II. No seo do expediente municipal 2562/2022 remitiuse consulta á Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo en relación coa necesidade da tramitación previa dun plan especial de infraestruturas e dotacións, a superficie de parcela mínima exixible ao se tratar dun equipamento ou dotación privada, así como a posibilidade de ser promovida directamente pola comunidade de montes referida. Con base no anterior, o día 24 de xaneiro de 2023 (rex.: 2023-E-RC-265) achegouse certificado do informe adoptado por unanimidade dos membros da Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo, no punto 12 da sesión do 24 de xaneiro de 2023, no cal se conclúe o seguinte teor literal:

“1. O PXOM de Vilaboa cualifica un ámbito como sistema local de equipamentos e dotacións, polo que non resultará necesario tramitar un plan especial de infraestruturas e dotacións, e será suficiente a obtención do título municipal habilitante de natureza urbanística.

2. Neste suposto, en que é suficiente a obtención do título habilitante municipal, a superficie mínima da parcela será a establecida de modo xeral no artigo 39.d).2ª da LSG, é dicir, 2.000 metros cadrados.

3. A modificación do carácter público dunha dotación, ao tratarse dunha determinación de carácter xeral, require da tramitación dunha modificación do PXOM”.

III. Debido á súa catalogación no PXOM como dotación pública que obterá e desenvolverá o Concello de Vilaboa, considerando a insuficiencia de medios desta administración para poder promover a referida dotación e posteriormente crear e xestionar un servizo público, ata agora inexistente, apréciase o interese público para proceder á modificación puntual pretendida no senso de modificar o seu carácter de público a privado, na consecución efectiva dun obxectivo previsto polo PXOM que doutra forma non sería posible acadar.

IV. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa é titular de parte dos terreos afectados pola cualificación de dotación E-021 e ten interese en desenvolver e executar a referida dotación como suxeito de natureza privada.

V. Máis alá de calquera necesidade estratéxica ou mercantil da comunidade de montes asinante, prima sobre todo iso o interese público da zona á hora de propor ambas as partes a sinatura deste convenio destinado á consecución dun obxectivo de ordenación establecido polo planeamento xeral aprobado. Este interese pode verse atendido grazas ás potestades urbanísticas das corporacións municipais e sobre o cal se pronuncia o propio Tribunal Supremo, que refiere: «a potestade de planeamento, aínda sendo discrecional, circunscríbese a un fin concreto: a satisfacción do interese público» (STS do 18.10.2012 [RC 1408/2010].

VI. A normativa urbanística de aplicación vén configurada polo título VII da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), así como polo título VII do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG). Neste senso, consonte o artigo 398.3.a) do RLSG, os convenios urbanísticos poderán ter como obxectivo a determinación do contido de posibles modificacións do planeamento en vigor. Así mesmo, de conformidade co artigo 399 do RLSG, o convenio só poderá conter acordos ou pactos que, afectando única e exclusivamente as partes que os subscriban, sexan preparatorios e non vinculantes da resolución que se deba adoptar no procedemento de aprobación ou alteración do planeamento en vigor.

VII. Considerando ambas as partes a conveniencia de adoptar as medidas pertinentes para a consecución dos obxectivos anteriormente esbozados, e de acordo co disposto nos artigos 2.3, 165 e seguintes da LSG, así como nos artigos 2.3, 398 e seguintes do RLSG, subscriben o presente convenio urbanístico de planeamento, suxeito ás seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto

Considérase precisa a subscrición dun convenio urbanístico entre o Concello de Vilaboa e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa con destino á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Vilaboa co obxecto de desenvolveren de xeito efectivo o sistema local de equipamentos e dotacións proposto, coa clave E-021 tanatorio, que afecta as seguintes parcelas catastrais:

Referencia catastral

Polígono

Parcela

Superficie total

Superficie afectada

36058A04600328

46

328

377 m²

355,74 m²

36058A04609007

46

9007

1.939 m²

277,65 m²

36058A04600325

46

325

467 m²

466,19 m²

36058A04600324

46

324

4.260 m²

42,71 m²

36058A04600327

46

327

988 m²

908,57 m²

36058A04600639

46

639

4.082 m²

3.956,68 m²

Total:

6.007,54 m2

Segunda. Alcance

A modificación puntual que se redacte incluirá cantas actuacións sexan necesarias para establecer o marco xeral urbanístico axeitado para levar a bo fin o desenvolvemento da dotación E-021 con destino a tanatorio, con suxeición ao principio de legalidade e con respecto á competencia discrecional desta administración en relación co planeamento urbanístico.

Entre as alteracións que se poderán levar a cabo inclúese a posibilidade de retirar a dotación do sistema local de equipamentos e dotacións, converténdoa nunha dotación privada que modifica o seu sistema de obtención, logo de xustificación do cumprimento dos estándares urbanísticos mínimos de dotacións e equipamentos que sexan de aplicación e coas novas cualificacións de dotacións públicas que sexan precisas, de ser o caso, para acadar os referidos estándares mínimos.

Terceira. Compromisos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa comprométese a contratar pola súa conta, mandar elaborar e achegar ao Concello de Vilaboa a proposta de modificación puntual do plan xeral, así como todos os documentos técnicos que poidan resultar precisos ao longo da súa tramitación administrativa.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa, no caso de que finalmente resulte aprobada definitivamente a referida modificación puntual, comprométese, ademais, a desenvolver a referida dotación, promover e pór en uso a edificación con destino a tanatorio, de conformidade coa cualificación outorgada.

Cuarta. Compromisos do Concello de Vilaboa

Unha vez xustificado o interese público da actuación, o Concello de Vilaboa comprométese a tramitar a modificación de conformidade cos obxectivos e criterios contidos no presente convenio.

Quinta. Impostos e gastos

Todos os impostos e gastos de publicidade que se devindiquen como consecuencia da tramitación deste convenio, así como aqueles custos de redacción da documentación técnica, estudos xeotécnicos, topográficos ou outros que resulten precisos, serán asumidos integramente pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa.

Dado que o presente convenio só vincula as partes para a iniciativa e tramitación do procedemento correspondente, sen resultar vinculante no sentido da resolución que se deba adoptar no procedemento de alteración do planeamento, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa renuncia a calquera tipo de indemnización ou contraprestación económica no caso de que finalmente o planeamento non poida ser aprobado por razóns de legalidade ou incumprimento da normativa correspondente.

Sexta. Réxime xurídico do presente convenio

Este convenio urbanístico regúlase polo disposto nos artigos 165 e seguintes da LSG, así como polos artigos 398 e seguintes do RLSG. As estipulacións contidas nel teñen o efecto de vincular as partes para a iniciativa e tramitación do pertinente procedemento. Consonte o establecido no artigo 168.2 da LSG e no artigo 401.3 do RLSG, este convenio incluirase, para a súa información pública, como anexo ao documento de modificación puntual do Plan xeral de ordenación.

A suspensión de licenzas, así como as súas excepcións, atenderán ao disposto no artigo 86 do RLSG.

Sétima. Control e seguimento

Para velar polo cumprimento do estipulado no presente convenio, constituirase unha comisión paritaria de seguimento da execución deste, formada por dúas persoas representantes: unha por parte do Concello e Vilaboa e outra por parte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa.

Oitava. Incumprimento

No caso de incumprimento das obrigas por unha das parte, facultará a parte non culpable a resolver o convenio urbanístico sen dereito a indemnización.

Novena. Vixencia

O prazo máximo de vixencia do convenio urbanístico será de catro anos. As partes poderán acordar unanimemente a súa prórroga por un período de ata catro anos adicionais ou a súa extinción.

E en proba de conformidade, as partes asinan o presente convenio urbanístico, no lugar e data ut supra

SEGUNDO. Notificar e emprazar a persoa interesada para os efectos de que se asine o convenio urbanístico arriba referido, nun prazo de quince días desde a notificación da aprobación do texto definitivo.

Transcorrido este prazo sen que o convenio sexa asinado, quedará sen efecto.

TERCEIRO. Publicar o texto íntegro do convenio, xunto co seu acordo de aprobación, no Diario Oficial de Galicia.

CUARTO. Anotar o nome do convenio no Rexistro de Convenios Urbanísticos do Concello e custodiar un exemplar completo do texto definitivo deste e de toda a súa documentación anexa no arquivo administrativo municipal.

Votación: o Pleno, por unanimidade (12 votos a favor: PSOE, PP e BNG), aproba a proposta».

Vilaboa, 17 de abril de 2024

César Poza González
Alcalde