DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28554

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa do desmantelamento parcial dunha planta de coxeración existente e a autorización administrativa previa e de construción da hibridación da planta resultante cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes que Rodonita Energía, S.L. promove no concello de Mesía (A Coruña).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Rodonita Energía, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do desmantelamento parcial dunha planta de coxeración existente e a súa hibridación cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 28 de outubro de 1996, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración a Campo Brick, S.L. en Albixoi, concello de Mesía (A Coruña), e incluíla no réxime especial regulado polo Real decreto 2366/1994.

Segundo. O 8 de xullo de 1997, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto de execución da planta de coxeración citada.

Terceiro. O 4 de novembro de 1999, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio autoriza a posta en marcha da instalación. As características básicas son:

– 5 motores alimentados por gasóleo de 1.320 kW de potencia c/u.

– 5 xeradores de 1.572 KVA de potencia c/u e factor de potencia 0,8.

– 1 trafo de 4.500 kVA, 1 trafo de 3.000 kVA r/t 15-20/0,66 kV.

– 1 trafo de 1.300 kVA e outro auxiliar de 400 kVA r/t 15-20/0,400 kV para fábrica.

– Aparellos eléctricos de protección, sinalización e interconexión á rede de distribución.

– 3 depósitos de gasóleo de 75.000 l de capacidade c/u e 2 de fueloil de 150.000 l c/u para fábrica.

Cuarto. O 15 de decembro de 1999, a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial á citada instalación, outorgándolle o número de rexistro RE-99-55.

Quinto. O 28 de abril de 2008, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar administrativamente e incluír no réxime especial de produción de enerxía eléctrica unha modificación da instalación, consistente na substitución dos cinco motores de 1.320 kW/u alimentados con gasóleo por outros cinco alimentados a gas natural, coas seguintes características unitarias básicas:

– Xerador Deutz, modelo TCG2020V16, cunha potencia de 1.365 kW a factor de potencia 1.

– Réxime de consumo de gas: 3.309 kW.

– Potencia mecánica a plena carga: 1.400 kW.

– Rendemento eléctrico do grupo: 41,3%.

– Tensión de xeración: 0,66 kV trifásico.

– Frecuencia: 50 Hz.

Sexto. O 6 de novembro de 2008, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas aprobou o proxecto de execución da modificación citada.

Sétimo. O 23 de xaneiro de 2009, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria autorizou a posta en servicio da instalación de coxeración modificada.

Oitavo. O 10 de febreiro de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu efectuar a inscrición previa no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, co número REP-09-04, da instalación de coxeración modificada.

Noveno. O 31 de marzo de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición definitiva da instalación de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, co número RE-99-55, recollendo a modificación citada.

Décimo. O 6 de maio de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para a instalación de coxeración que Campo Brick, S.L., posuía en Albixoi, concello de Mesía (A Coruña), a favor de Rodonita Energía, S.L.

Décimo primeiro. O 23 de xullo de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición previa e a inscrición definitiva da central de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de recoller o cambio de titularidade indicado no antecedente de feito décimo.

Décimo segundo. O 20 de decembro de 2022, Rodonita Energía, S.L. solicitou ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), en diante, xefatura territorial, o desmantelamento parcial da planta de coxeración da súa titularidade situada no concello de Mesía (A Coruña) consistente principalmente no desmantelamento de dous dos cinco motores que conforman a planta xuntando entre outra documentación o proxecto de execución do citado desmantelamento denominado Proxecto de desmantelamento de dous motores de coxeración nas instalacións de Rodonita Energía no termo municipal de Mesía, provincia da Coruña, asinado o 28 de setembro de 2022.

Na mesma data, mediante unha nova solicitude, a citada empresa solicitou a autorización administrativa previa da hibridación da planta de coxeración resultante do desmantelamento parcial mencionado cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes incorporando na solicitude o correspondente proxecto de execución denominado proxecto de execución de instalación fotovoltaica hibridación-Rodonita Energía-Mesía, asinado o 9 de decembro de 2023.

Décimo terceiro. O 6 de marzo de 2023, a xefatura territorial remitiu ao concello de Mesía (A Coruña), á Axencia Galega de Infraestruturas e a Augas de Galicia, respectivamente, unha separata do proxecto da instalación solar fotovoltaica co fin de que formulen o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; non se recibiu resposta por parte do Concello de Mesía nin de Augas de Galicia no prazo establecido polo que se entende a conformidade de ambas entidades co proxecto e se continua coa tramitación tal como indica o citado artigo.

Décimo cuarto. O 10 de marzo de 2023, o Servizo Provincial da Coruña da Axencia Galega de Infraestruturas informou que non precisa a autorización previa ao non afectar a instalación fotovoltaica ao dominio público da estrada autonómica AC-524.

Décimo quinto. O 13 de abril de 2023, a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido polo Servizo Provincial da Coruña da Axencia Galega de Infraestruturas citado no antecedente décimo cuarto.

Na mesma data a empresa promotora presentou un novo proxecto de execución para o desmantelamento parcial da planta de coxeración de referencia denominado Proxecto de desmantelamento de dous motores de coxeración nas instalacións de Rodonita Energía no termo municipal de Mesía, provincia da Coruña, asinado o 11 de abril de 2023 polo enxeñeiro industrial Pedro Antas Pérez, colexiado núm. 520 do ICOIIG.

Décimo sexto. O 14 de abril de 2023, a xefatura territorial remitiu ao operador do sistema (REE) unha separata do proxecto de desmantelamento parcial da planta de coxeración de referencia co fin de este emita o correspondente informe de acordo co recollido no artigo 53.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Na mesma data a xefatura territorial remitiu á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CMNC) unha separata do proxecto de desmantelamento co fin de que esta emita informe previo sobre a autorización de peche, de acordo co recollido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Décimo sétimo. O 28 de xuño de 2023, Rodonita Energía, S.L. presenta documentación adicional entre a cal figura un novo proxecto de execución da hibridación da planta de coxeración resultante do desmantelamento parcial cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes asinado o 27 de xuño de 2023.

Décimo oitavo. O 1 de agosto de 2023, Rodonita Energía, S.L. solicita ante a xefatura territorial a agrupación dos expedientes correspondentes ao desmantelamento parcial da planta de coxeración da súa titularidade situada no concello de Mesía (A Coruña), código de expediente IN408A 2007/08, e a hibridación da planta de coxeración consecuencia do desmantelamento parcial cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes, código de expediente IN408A 2022/4-1, co fin de efectuar a súa tramitación conxunta.

Décimo noveno. O 3 de agosto de 2023, Rodonita Energía, S.L. achega documentación adicional entre a cal se atopa un novo proxecto de execución da hibridación de referencia denominado Proxecto técnico instalación fotovoltaica de autoconsumo de 2.453 kWp con venta de excedentes non acollido a compensación, asinado o 3 de agosto de 2023 polo enxeñeiro industrial Camilo José González Fernández, colexiado núm. 1.312 do ICOIIG.

Vixésimo. O 18 de agosto de 2023 e o 16 de outubro de 2023, a xefatura territorial requiriulle a Rodonita Energía, S.L. documentación complementaria necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou a documentación requirida o 26 de setembro de 2023 e o 26 de outubro de 2023 entre a cal se atopan anexos ao proxecto citado no antecedente de feito décimo noveno asinados o 18 de setembro de 2023 e o 26 de outubro de 2023 polo enxeñeiro industrial Camilo José González Fernández.

Vixésimo primeiro. O 29 de novembro de 2023, a Xefatura Territorial da Coruña informou sobre o procedemento de autorización administrativa previa e de construción de referencia, non observándose impedimento para a continuidade da súa tramitación.

Vixésimo segundo. O 13 de febreiro de 2024, esta dirección xeral reitera as solicitudes de informe ao operador do sistema (REE) e á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CMNC) mencionadas no antecedente de feito décimo sexto; non se recibiu resposta por parte de ningún dos dous organismos no prazo establecido polo que se entende a súa conformidade co proxecto de desmantelamento.

Na mesma data mencionada, así como o 19 de febreiro de 2024 e o 5 de abril de 2024, requíreselle a Rodonita Energía, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa presentou a documentación requirida o 14 de febreiro de 2024, o 20 de febreiro de 2024 e o 8 de abril de 2024, incluíndo un documento asinado polo representante de Rodonita Energía, S.L. o cal recolle que «os proxectos presentados posteriormente ao inicial non modifican as afeccións iniciais e por iso non se fai preciso a remisión de novas separatas xa que os organismos afectados non varían respecto aos inicialmente indicados».

Vixésimo terceiro. A hibridación da planta de coxeración resultante do desmantelamento parcial coa nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución, de acordo co informe emitido o 5 de outubro de 2023 por UFD Distribución Electricidad, S.A., actualizados co fin de recoller a hibridación coa instalación solar fotovoltaica, indicando que dos 6.825 kW concedidos para o total da potencia instalada 2.000 kW serán empregados como hibridación fotovoltaica e recollendo, así mesmo, que a data de emisión destes permisos é o 7 de outubro de 2022.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Dirección Xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. Atendendo á data de inicio da tramitación da instalación de hibridación recollida no antecedente de feito décimo segundo, non procede o trámite ambiental regulado no título II, capítulo II, sección 2ª da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, así como a ningún dos procedementos de avaliación ambiental contemplados no título III, capítulo II Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinto. Segundo o recollido no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a hibridación da planta de coxeración existente, resultante do desmantelamento parcial, coa nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes está exenta do trámite de información pública; así mesmo, o promotor non solicitou a declaración de utilidade pública.

Sexto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, na Instrución 2/2021, do 4 de marzo, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa á sociedade Rodonita Energía, S.L. para o desmantelamento parcial dunha planta de coxeración existente situada no concello de Mesía (A Coruña) segundo o proxecto denominado Proxecto de desmantelamento de dous motores de coxeración nas instalacións de Rodonita Energía no termo municipal de Mesía, provincia da Coruña, asinado o 11 de abril de 2023 polo enxeñeiro industrial Pedro Antas Pérez, colexiado núm. 520 do ICOIIG.

Os datos principais deste proxecto son:

Desmantelamento dos grupos 1 e 5 da planta de coxeración gas natural de 6.825 kW e que fornece de enerxía térmica e eléctrica a Campo Brick. Os elementos que se desmantelan nestes grupos son:

– Grupo motor-xerador, sistema de refrixeración, sistema de lubricación, sistema de combustible, sistema de arranque, sistema de control, xestión e mando, sistema de admisión e sistema de escape e aproveitamento ata o entroncamento común.

A instalación de coxeración resultante tería as seguintes características técnicas:

– 3 grupos motor-xerador a gas natural coas seguintes características unitarias básicas:

a) Réxime de consumo de gas de 3.309 kW.

b) Motor cunha potencia mecánica ao eixe de 1.400 kW.

c) Xeradores trifásicos da casa DEUTZ, tipo TCG 2020V16, de 1.681 kVA, cun rendemento do 97,5 % (cos φ = 1) – 96,1 % (cos φ = 0,8), subministra unha potencia eléctrica activa de 1.365 kW (4.095 kW total da planta).

d) Rendemento eléctrico do grupo do 41,3 %.

e) Tensión de xeración de 660 V.

f) Frecuencia de 50 Hz.

– Para a elevación de tensión: transformadores de potencia de 3.000 e 4.500 kVA, cunha relación de transformación 0,66/15 kV, así como un de 400 kV e 15/0,4 kV para servizos auxiliares.

– Instalación cos preceptivos sistemas de protección, manobra, mando, control, interconexión coa liña de distribución e os correspondentes sistemas de posta a terra.

– Aparellaxe MT composta de:

• 1 cela de 15 kV de protección de liña.

• 1 cela de 15 kV de medida-remonte de barra.

• 1 cela de 15 kV de protección xeral.

• 1 cela de 15 kV de protección dos xeradores.

• 1 cela de 15 kV de medida de tensión de sincronismo.

• 1 cela de 15 kV de protección CT da fábrica.

– Enerxía eléctrica exportada prevista: 13.811 MWh/ano (5.200 h/ano).

– Rendemento térmico previsto referencia para cálculo REE (rendemento eléctrico equivalente): 86,83 %.

Segundo. Outorgar autorización administrativa previa e de construción para a hibridación da planta de coxeración resultante cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes que a empresa solicitante posúe na mesma localización no concello de Mesía (A Coruña) segundo o proxecto denominado proxecto técnico instalación fotovoltaica de autoconsumo de 2.453 kWp con venta de excedentes non acollido a compensación, asinado o 3 de agosto de 2023 polo enxeñeiro industrial Camilo José González Fernández, colexiado núm. 1.312 do ICOIIG, así como os anexos ao citado proxecto asinados polo citado enxeñeiro o 18 de setembro de 2023 e o 26 de outubro de 2023.

As características principais da hibridación de referencia son as seguintes:

Solicitante/promotor: Rodonita Energía, S.L. (CIF B36046498).

Domicilio social: lugar Arnosa, nº 35, Vilalonga, Sanxenxo (Pontevedra).

Situación: concello de Mesía (A Coruña).

Potencia instalada planta fotovoltaica: 2.452,87 kW.

Potencia instalada hibridación (fotovoltaica+coxeración): 6.457,87 kW.

Potencia instalada evacuable hibridación: 6.457,87 kW.

Potencia instalada evacuable planta fotovoltaica de autoconsumo: 2.000 kW.

Os datos principais deste proxecto son:

Instalación de central fotovoltaica de autoconsumo de 2.452,87 kW de potencia coas seguintes características:

– Produción anual estimada: 3.418,68 MWh/ano.

– Conexión: en AT á cela MT específica situada no CPMC proxectado e de aquí ao CT particular da empresa.

– LMTS a 15 kV de 40 metros, condutor tipo RHZ1-OL 12/20 kV 95 mm2, con orixe no CPMC proxectado e remate no CT de fábrica. Esta liña discorrerá directamente soterrada en gabia.

– Xerador:

• 5.275 paneis fotovoltaicos de 465 Wp (3.923 paneis irán en cuberta de naves de fábrica e 1.352 irán nun terreo adxacente á fábrica) interconectados cos inversores en cable tipo solar ZZ-F (AS) 0,6/1 kV, PVH1Z2Z2-K, 2×6 mm2.

• 7 inversores de 320 kW nominal (352 kW máx.), para instalar nun local independente, conectados por un condutor tipo XZ1 (S) 0,6/1 kV 3×150 mm2 ao correspondente cadro de proteccións AC BT e destes ao cadro de proteccións xeral AC BT e desde este cadro vai a trafo elevador mediante condutor de sección 5×(4×1×240) mm2+5×1×120 mm2.

• CT e CPMC en envolvente prefabricada que terá os seguintes elementos principais:

– A tensión de xeración a 800 V elevarase a 15 kV mediante trafo elevador de 2.500 kVA con relación de transformación 0,8/15 kV.

– CPMC: celas 1P (protección trafo xerador)+1R (remonte)+1M+1L (con entrada coxeración existente en fábrica)+1P (protección trafo fábrica).

• Trafo de SS.AA. de 5 kVA e relación de transformación 0,8/0,4 kV para instalar no mesmo local que os inversores.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxectos de execución referidos no punto primeiro e segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten a datos básicos do proxectos será necesaria a previa autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de desmantelamento e autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Rodonita Energía, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Logo de obter a autorización de desmantelamento e de explotación mencionadas no parágrafo anterior o promotor deberá solicitar a modificación da inscrición da instalación no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de tres meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais