DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28198

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 10 de abril de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e facultou a persoa titular da Dirección Xeral do Igape para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas, financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma e convocalas para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, iniciarase ao día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia desde as 8.00 horas e ata as 14.00 horas do día 15 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2024

Ano 2025

Total

09.A1-741A-7700

500.000 €

500.000 €

1.000.000 €

Total

500.000 €

500.000 €

1.000.000 €

Cuarto. Prazos

Prazo de resolución: o prazo máximo para resolver e notificar cada expediente presentado será de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Prazo de execución dos proxectos: comezará a partir da data de solicitude de axuda e será con carácter xeral de 9 meses desde a data de resolución, sen que, en ningún caso, se poida superar o 30 de xuño de 2025. Para os proxectos cuxo prazo de execución remate antes do 30 de outubro de 2024, o prazo de xustificación será o 30 de outubro de 2024 e, como máximo, o 30 de xuño de 2025 para o resto dos proxectos; as accións realizadas entre o 31 de outubro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas a 2025. Non obstante, de acordo co artigo 45.5 do Decreto 11/2009, as subvencións que abranguen gasto subvencionable executado en 2024 deberán presentar a xustificación nese exercicio con independencia de que o remate das accións subvencionables sexa en 2025.

Prazo de xustificación: coincide co prazo de execución, as persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento ata a data límite de execución concedida.

As persoas beneficiarias da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención, sen que supere o importe da anualidade, marcando para iso o recadro habilitado para tal efecto no formulario de solicitude da axuda.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das alíneas c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance
no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG)
nas pemes galegas para o ano 2024

Neste momento, o Igape, como instituto de impulso ao desenvolvemento empresarial, está a priorizar os dous piares fundamentais no presente e futuro das estratexias económicas: a sustentabilidade e a dixitalización, en liña coas prescricións da UE nesta materia, que se poden observar en diferentes documentos e publicacións como o Circular Economy Action Plan ou tamén os postulados do programa Next Generation EU por unha Europa ecolóxica, dixital e resiliente.

Son moi salientables as recomendacións establecidas no Circular Economy Action Plan en materia de produtos sustentables e redución de residuos, polo que afectan a industria e as empresas, apostando polo ecodeseño, a circularidade dos procesos e o apoderamento dos consumidores (dereito á reparación, recambios e pezas) no caso dos produtos sustentables, e pola banda dos refugallos: evitar que se produzan, transformalos en materias secundarias de calidade e seguras para o mercado de reciclados e tamén reducir a exportación, tendendo á reutilización in situ.

Pola súa banda, a Estratexia galega de economía circular (EGEC) establece como principios básicos para a transición cara á economía circular os 3R (redución, reutilización e reciclaxe) e as estratexias de deseño sustentable (EDS).

Os 3R son principios claramente transversais que se deben aplicar ao longo de todo o ciclo de produción, consumo e xestión dos materiais ao remate da súa vida útil (devolución de recursos ao sistema produtivo). Os 3R orientan a forma de implementar a economía circular na práctica. Se as taxas de reciclaxe (o último dos R) son menores que o fluxo de materiais na produción, a economía circular non será factible.

As EDS inclúen a análise de ciclo de vida, as estratexias de deseño inspiradas na natureza, a bioquímica, e os principios de «berce a berce». Son os catalizadores imprescindibles na fase de deseño de produtos e servizos ecoinnovadores. A medio e longo prazo, as EDS permitirán reducir o consumo de materias primas e enerxía e mellorar a reintrodución dos materiais usados de novo ao sistema, aumentando a eficiencia/eficacia dos dous primeiros R (redución, reutilización) e evitando a xeración de residuos non reciclables.

A EGEC establece oito eixes de actuación (ecodeseño, actividades e modelos de servizo, educación e sensibilización, industria, produción de alimentos, urbanismo, edificación e obra pública, xestión do ciclo da auga e xestión de residuos). Particularmente, no eixe 4, industria, formula a proposta 4.1.3. Promover un plan de axudas públicas para a creación de novos modelos de negocio circulares nas empresas industriais de Galicia e o fomento das novas empresas.

O Igape, como entidade pública responsable da promoción económica de xeito transversal, recolle os retos establecidos na EGEC para potenciar a implantación de solucións cara á economía circular nas empresas galegas.

Ademais da énfase decidida no impacto ambiental e, nomeadamente, na implantación da economía circular, non se deben esquecer outros principios reitores das boas prácticas empresariais no referente aos investimentos socialmente responsables, que son as relativas á conciencia e impacto social da actividade empresarial e as medidas máis favorecedoras dunha boa práctica de gobernanza nas organizacións.

Por outra banda, respectando a horizontalidade, as axudas inclúen todos os sectores de actividade, agás os que non poden ser apoiados segundo o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE, no que se amparan as axudas.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados, o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover proxectos de carácter ambiental, social e de gobernanza nas pemes e a necesidade de incrementar estas prácticas de modo extensivo no empresariado galego, de xeito que se poidan aprobar todos os proxectos que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables e, se é o caso, financiables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito estendido.

En aplicación do disposto na Lei 18/2022, de creación e crecemento de empresas, que modifica o artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, nestas bases incorpórase a obriga para as empresas de cumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para poder ser beneficiarias de subvencións de importe superior a 30.000 €.

Artigo 1. Obxecto e requisitos dos proxectos

1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos ou subprodutos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos individuais en que unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais ou propor actuacións de impacto social de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o impacto social, o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

2. Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b) deben dirixirse a un ou varios dos 18 obxectivos que se agrupan en 4 tipoloxías: globais, ambientais, sociais ou gobernanza.

• Globais:

1. Auditoría e avaliación de riscos ASG: proxectos de identificación, diagnose e propostas de xestión dos riscos relacionados cos factores ASG.

2. Consultoría e certificación de empresa B Corp.

• Ambientais:

Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:

3. Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.

4. Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).

5. Monitoraxe e control de procesos.

6. Medición, monitoraxe e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.

Redución da xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade destes e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:

7. Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.

8. Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.

9. Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.

10. Consultoría e certificación de ecodeseño: ISO 14006.

Análise do ciclo de vida do produto:

11. Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.

12. Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio «berce a berce».

• Sociais:

13. Diversidade e inclusión: elaboración de plans de fomento dun contorno de traballo inclusivo e diverso, promoción da igualdade de oportunidades e da diversidade en todos os niveis da empresa.

14. Ética laboral: propostas de prácticas laborais xustas e éticas para asegurar condicións de traballo seguras e respectuosas.

15. Elaboración de programas de investimento na Comunidade: participación en actividades que beneficien ás comunidades locais, programas de educación, saúde ou desenvolvemento comunitario.

• Gobernanza:

16. Estruturas das xuntas directivas: análises e propostas de establecemento de xunta directiva diversa e independente que supervise e guíe as decisións estratéxicas da empresa.

17. Transparencia financeira: propostas de mellorar a información financeira e a súa divulgación para garantir a transparencia.

18. Ética empresarial: desenvolvemento de códigos de conducta empresarial que promovan a ética e a integridade en todas as operacións.

3. Límites inferiores e subvención máxima:

Importe mínimo por empresa

Subvención máxima por empresa

Subvención máxima por proxecto

Subvención máxima en proxectos só de consultoría, por empresa

Proxectos individuais

12.000

60.000

60.000

30.000

Proxectos colectivos

10.000

50.000

200.000

25.000

– Cando un proxecto individual ou colectivo, só de consultoría, se refira a un traballo específico para un só dos 18 obxectivos previstos, o importe máximo subvencionable por empresa será de 15.000 €.

– Nos supostos en que se prevé a certificación, os custos de certificación non se consideran incluídos nos límites anteriores establecidos para custos de consultoría.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria.

3. As axudas previstas nestas bases incardínanse nos artigos 14 e 18 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas, xa que prevén outorgar as porcentaxes máximas permitidas aos proxectos subvencionados.

A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicárselle ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

2. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.b), as persoas interesadas deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por tres pemes con centro de traballo en Galicia. Deberanse facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante desta ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no anexo III das bases reguladoras.

g) Declaración de vinculación entre empresas integrantes da asociación, cando esta exista.

h) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán como unha única para os efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.

b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial, nin nos proxectos individuais (modalidade a) nin como pemes membros das agrupacións previstas nos proxectos colectivos (modalidade b).

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).

e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

f) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia será acreditada por parte das sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, de conformidade co previsto no artigo 26 do Regulamento desta lei.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

4. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non estar en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

Artigo 5. Actividades non subvencionables

1. De acordo coa norma que dá cobertura a estas bases, Regulamento xeral de exención por categorías (Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión), exclúense de axuda as seguintes actividades:

a) A produción e comercialización agrícola primaria.

b) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e se derroga o Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

Respecto aos investimentos e non aos custos de asistencia técnica, exclúense tamén os realizadas nos seguintes sectores de actividade:

a) Os sectores do aceiro, o lignito e o carbón.

b) O sector do transporte.

2. Exclúense tamén as seguintes actividades:

a) A produción e distribución de enerxía e infraestruturas enerxéticas.

b) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos do tabaco.

c) A produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Activos materiais e inmateriais (que para ser subvencionables deben contabilizarse nunha conta contable do grupo 2):

i. Sensores, equipamentos e sistemas para a medición, monitorizaxe, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

ii. Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hídricos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos, así como os gastos de desenvolvemento do devandito software. En ningún caso serán subvencionables os gastos de mantemento ou o canon dixital.

iii. Nova maquinaria e bens de equipamento, unicamente no caso de que se trate de equipamentos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.

b) Servizos de consultoría externa, de deseño de procesos ou de produtos máis eficientes, ou organizativa (que para seren subvencionables debe contabilizarse nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica, ecodeseño, reenxeñaría de procesos, programas de responsabilidade social ou propostas dirixidas a mellorar a gobernanza, a xestión de riscos ASG ou cara á certificación B Corp. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outro non vencellado directamente ao obxecto do proxecto ASG proposto. Tamén serán subvencionables os custos das certificacións previstas nomeadas no número 2 do artigo 1.

Os conceptos subvencionables poderán reclasificarse de oficio atendendo á súa descrición.

Non serán subvencionables aquelas colaboracións externas en que non se indique con claridade o resultado que se vai obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

Nos proxectos da modalidade colectiva do artigo 1.1.b), se se opta por contar cun organismo intermedio, serán subvencionables os gastos de coordinación do proxecto ata un máximo de 1.000 €/empresa (IVE excluído) participante no proxecto, co límite total de 6.000 €. Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % do importe subvencionable, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos importes alegados sobre os cales se solicita subvención poderá ser incorrido con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para tal efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda a que se refire o artigo 8 destas bases. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá, en ningún caso, superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

5. Se é o caso, os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

6. Os bens e os servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.

7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa logo da valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

9. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador. Este extremo acreditarase coa declaración expresa do beneficiario no formulario de solicitude de cobramento.

10. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

11. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

Artigo 7. Contía da axuda

1. Investimentos: a subvención será do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas.

2. Colaboracións externas: a subvención será do 50 % dos gastos de colaboracións externas en servizos de consultoría ou certificación subvencionables para ambas as categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no artigo 3.1.f), de existiren, terán tamén a consideración de colaboracións externas.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. Presentarase unha solicitude por proxecto en modalidade individual ou colectiva. No caso de que o proxecto conteña unha mestura de varias tipoloxías (global, ambiental, social, gobernanza) en que se agrupan os obxectivos descritos no artigo 1, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que se considere principal ou máis salientable.

As pemes poderán presentar un único proxecto individual e participar tamén nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

Cada agrupación só poderá presentar un proxecto colectivo.

3. Nas solicitudes de axuda realizaranse as seguintes declaracións, que estarán incluídas no devandito formulario no caso dos proxectos individuais, ou no anexo III no caso dos colectivos:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, se é o caso, ao reintegro da subvención percibida, o que constitúe unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e pódense impoñer as seguintes sancións:

1) Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2) Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 €, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas alíneas b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.

ii) Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para subscribir contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

f) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

h) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de catro anos desde a súa presentación.

i) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter os investimentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos, segundo o establecido no artigo 6.8 destas bases reguladoras.

j) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

k) Que cumpren os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

l) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:
http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos obxectivos a que se dirixe o proxecto (artigo 1).

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6.7 destas bases reguladoras.

c) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Poder do representante que presenta a solicitude, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

e) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 4.2.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, da persoa partícipe da agrupación.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante ou, se é o caso, da entidade partícipe da agrupación.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

f) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

l) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude ou no anexo III de declaracións e comprobación de datos das pemes partícipes da agrupación, e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 12. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape.

A persoa titular da Dirección da Área de Competitividade é o órgano competente para resolver os arquivamentos, as desistencias e as renuncias de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentou a documentación completa requirida nestas bases reguladoras. Cando se produza o esgotamento do crédito, as solicitudes pendentes de avaliación resolveranse denegando a solicitude.

2. A solicitude de axuda será obxecto de informe polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, de concorrencia da actuación subvencionable e do cumprimento do resto de requisitos exixidos, en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer:

a) Se a documentación non achegada corresponde á exixida para o expediente administrativo, terase por desistida na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

b) Se a documentación non achegada corresponde á relativa aos gastos e investimentos, detraerase ou axustarase, segundo corresponda, o importe dos gastos e investimentos afectados para os efectos da determinación do importe subvencionable.

Non obstante o anterior, cando os contidos da solicitude sexan tan incompletos que non ofrezan unha información mínima do proxecto para o cal se solicita apoio, o Igape arquivará directamente o expediente sen requirimento de emenda. Para estes efectos, considérase información mínima o formulario de solicitude de axuda debidamente cuberto e asinado, requirido no artigo 8.1 destas bases.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, xustificadamente, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

6. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 14. Resolución e notificacións

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión ou denegación das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención indicando as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. No caso de que o beneficiario sexa unha agrupación de pemes, ditarase unha resolución individual para cada peme participante onde constarán as mencións do punto anterior referidas ao seu proxecto concreto segundo se definiu no propio documento da agrupación e no seu formulario específico.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de solicitude, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón Tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun aviso de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións. Admitirase unha única solicitude de modificación dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren significativamente ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución concedido ao proxecto nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. A persoa beneficiaria deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 8 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación (unha como máximo por proxecto) deberán presentala cunha antelación mínima dun mes respecto da data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, ás persoas interesadas.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter, se é o caso, o investimento no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto pola Xunta de Galicia segundo o establecido no anexo IV a estas bases, durante o período de mantemento do investimento.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria (no caso dos proxectos colectivos descritos no artigo 1.1.b), todos e cada un dos membros da agrupación), dentro do prazo establecido na resolución, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet
https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Memoria técnica de execución do proxecto en que se poña de manifesto a finalización do proxecto subvencionado segundo o establecido no artigo 1.3. No caso de agrupacións de empresas, esta memoria achegaraa a empresa líder. Esta memoria deberá ter, polo menos, os seguintes contidos:

– Cronograma de desenvolvemento do proxecto.

– Descrición do proxecto realizado e resultados obtidos.

– Entregables ou informes elaborados.

– Modificacións e desviacións sobre o proxecto orixinal (incluídos eventuais cambios de provedor).

– Documentación gráfica dos investimentos realizados, se é o caso (fotografías de equipamentos, capturas de pantalla de aplicacións...).

– Licenzas adquiridas ou contratos de licenzas, de ser o caso.

d) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 6.7 das bases reguladoras, no caso de non telas achegado coa solicitude de axuda.

e) A copia que permita a súa lectura de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 17.f) destas bases.

f) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 4.3.f) das bases reguladoras, os beneficiarios deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito:

1º. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.

2º. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

O modelo de declaración para calquera das dúas situacións recóllese no anexo V destas bases.

6. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 17.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

7. O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. No caso de proxectos colectivos cada peme xustificará os seus gastos conforme o disposto neste artigo, pero o pagamento da axuda queda condicionado á xustificación da realización do proxecto entre as empresas integrantes, o que se fará mediante unha memoria técnica que deberá achegar a empresa líder da agrupación.

Artigo 19. Aboamento das axudas

1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. As persoas beneficiarias poderán solicitar anticipos de ata o 80 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, no momento da solicitude de axuda, activando, de ser o caso, o recadro habilitado para tal fin no formulario de solicitude. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009. A resolución de concesión da axuda, cando o solicitante active o recadro habilitado para a solicitude de anticipo, comportará tamén a súa concesión.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non acreditar o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores, para subvencións de importe superior a 30.000 €.

d) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

i) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 17.f) destas bases.

j) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

k) En proxectos colectivos, que o líder da agrupación non achegue a memoria técnica a que se refire o artigo 18.11 destas bases. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e todas as pemes beneficiarias.

l) En proxectos colectivos, en que non chegue a participar o 20 % das empresas iniciais da agrupación. Enténdese por participación unha xustificación de execución que non dea lugar a un incumprimento total. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e todas as pemes beneficiarias.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 6.8 destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

b) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 17.f) destas bases, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

6. Cada peme participante no proxecto é a responsable da execución e xustificación da subvención individual concedida. O incumprimento total ou parcial da parte dunha peme non afectará nin será causa de incumprimento para as restantes pemes participantes, excepto nos supostos previstos nas alíneas l) e m) do número 3 anterior.

Artigo 21. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 22. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de catro anos desde a súa presentación.

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de catro anos desde a súa presentación.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e no artigo 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

h) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

i) O resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) na Comunidade Autónoma de Galicia

Responsabilidade da persoa beneficiaria.

Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma, recoñecerá a axuda da Xunta de Galicia e para iso:

a) Na súa páxina web oficial, cando exista a dita web, e nas súas contas de redes sociais, fará unha breve descrición da operación, de forma proporcionada en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda económica da Xunta de Galicia.

Para cumprir con este requisito pode utilizarse a seguinte imaxe:

https://www.igape.gal/images/01-pymes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_publicidad_
web_ASG_ga.pdf

missing image file

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación achegará unha declaración que destaque de forma visible as axudas da Xunta de Galicia.

Formato que se debe utilizar:

PROXECTO COFINANCIADO POLA XUNTA DE GALICIA

missing image file

c) Exporá nun lugar ben visible para o público, polo menos, un cartel de tamaño A3 como mínimo ou unha pantalla electrónica equivalente con información da actuación onde se destaque a axuda da Xunta de Galicia a través do Igape.

Formato que se debe utilizar:

https://www.igape.gal/images/01-pymes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_fisico_ASG_ga.pdf

missing image file

Durante o período de obriga de conservar a documentación deberá conservar, perfectamente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación.

ANEXO V

Acreditación do cumprimento dos prazos establecidos na Lei 3/2004

Axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) na Comunidade Autónoma de Galicia

• No caso das persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, a través dunha declaración responsable.

• Para as persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificado emitido por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas:

– Para o caso en que as contas anuais auditadas de 2023 e exercicios posteriores xa reflictan a nova información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, se da información da memoria se deduce que a empresa cumpriu ao 100 % cos prazos de pagamento a provedores, abondaría un certificado, emitido polo auditor de contas da sociedade, que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais cumprindo, por tanto, o requisito do artigo 13.3 bis da Lei xeral de subvencións. Este certificado resultará válido ata que estean auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

– Para o resto de casos en que non sexa posible emitir o certificado anteriormente mencionado (por non existiren aínda contas anuais auditadas do exercicio 2023 ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pagamento a provedores inferior ao 100 %), poderá emitirse un certificado de que o requisito se cumpre no momento de solicitude da subvención ou axuda*. A emisión deste certificado de que a persoa solicitante da subvención está ao día nos pagamentos a provedores estará baseada nun informe de procedementos acordados realizado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

O informe terá validez durante o prazo de 6 meses desde a data de referencia.

Que debe incluírse no informe de procedementos acordados?

Para emitir o certificado, na data de referencia utilizada, os procedementos acordados incluirán, polo menos, o seguinte, a partir do detalle sobre os pagamentos pendentes a provedores: o auditor comprobará o importe total do detalle facilitado cos rexistros contables, obtendo, se é o caso, a conciliación oportuna, e tomará unha mostra para comprobar da corrección das facturas seleccionadas en canto a provedor, data de factura, entrega de bens ou prestación de servizos, antigüidade e clasificación. Así mesmo, comprobarase unha mostra de pagamentos realizados con posterioridade á data de referencia co obxectivo de comprobar que non existen facturas adicionais ás recollidas no detalle facilitado pola entidade ou comprobarase, a partir do detalle de facturas de provedores do libro rexistro de IVE soportado, para unha mostra de facturas, se se atopan pendentes de pagamento e, en tal caso, a súa inclusión no detalle de facturas na data de referencia e, en caso contrario, a partir do maior de provedores seleccionarase unha mostra cun grao de confianza suficiente e realizarase confirmación externa con provedores.

Unha vez realizados estes procedementos, entenderase cumprido o requisito do artigo 13.3.bis da Lei xeral de subvencións cando da información proporcionada non derive que existen facturas pendentes de pagamento cunha antigüidade superior a 60 días.

* O certificado terá unha data de corte, que se considerará data de referencia, anterior á data de emisión do certificado (dun máximo dun mes), posto que o auditor para poder emitir o seu informe nunha data, ten que terminar os procedementos de comprobación antes da data de solicitude da subvención ou axuda.