DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28190

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2024 pola que se convoca o curso superior A Axenda Urbana: un novo marco para as políticas públicas nas cidades e vilas. Elaboración, execución e avaliación de axendas urbanas locais.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso superior A Axenda Urbana: un novo marco para as políticas públicas nas cidades e vilas. Elaboración, execución e avaliación de axendas urbanas locais, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Poden salientarse como principais obxectivos deste curso os seguintes:

• Darlle a coñecer ao persoal da Administración pública galega as distintas oportunidades de financiamento vinculadas ás axendas urbanas locais, a través do Marco financeiro plurianual 2021-27 (MFP) e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

• Profundar nos distintos aspectos que conforman a Axenda urbana española e a súa dimensión estratéxica.

• Afondar nos distintos compoñentes que conforman unha axenda urbana local e na imbricación destes na súa elaboración e execución.

• Dar a coñecer experiencias e estudos de caso a nivel galego e nacional de axendas urbanas locais e profundar, a través dos ditos casos, no uso de determinados instrumentos e metodoloxías empregados na súa elaboración, execución e avaliación.

• Analizar os aspectos clave da próxima convocatoria de axudas Feder para as estratexias territoriais integradas, no caso de que a citada convocatoria de axudas se publique durante o transcurso do curso.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes temas:

– Axenda urbana española e axendas urbanas autonómicas.

– Axenda urbana española e cidades pequenas e intermedias.

– Axenda urbana española e plans de acción local.

– Oportunidades de financiamento.

– Compoñentes das axendas urbanas locais.

– Convocatoria de axudas Feder para estratexias territoriais integradas, no caso de que a citada convocatoria de axudas se publique durante o transcurso do curso.

Terceira. Número de prazas

Corenta (40).

Cuarta. Persoas destinatarias

1. Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, e da Administración local, así como o seu persoal eventual. O persoal empregado público das anteriores administracións deberá estar encadrado nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I ou II do persoal laboral.

2. No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán ser cubertas por persoal contratado polas administracións públicas de Galicia cun contrato de servizos ou equivalente, cargos electos, así como profesionais que se encontren en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñería, arquitectura técnica ou enxeñería técnica.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade de impartición: mixta.

2. Duración: 40 horas lectivas (26 horas lectivas presenciais e 14 horas de actividades non presenciais destinadas ao desenvolvemento e entrega dun traballo práctico titorizado de interese do alumnado).

3. Datas das clases presenciais: 22 e 29 de maio; 5, 12, 19 e 26 de xuño de 2024. En caso de publicarse a convocatoria de axudas Feder, unha vez iniciado o curso, engadirase outro día de clase, o 25 ou o 27 de xuño, para analizar os aspectos clave da dita convocatoria.

4. Horario das clases presenciais: de mañá e tarde, principalmente pola mañá, en sesións de 3 a 5 horas.

5. O desenvolvemento da parte presencial do curso será na EGAP, na rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e cos criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: curso superior A Axenda Urbana.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 13 de maio de 2024.

6. Antes de que finalice o prazo de inscrición, as persoas solicitantes relacionadas a continuación deberán enviar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a seguinte documentación:

• Persoal empregado público e persoal eventual da Administración local: cabeceira de nómina, toma de posesión ou certificado asinado por quen corresponda, en que se acrediten grupo e categoría (algún dos indicados na base cuarta).

• Persoal contratado polas administracións públicas de Galicia cun contrato de servizos ou equivalente e cargos electos: copia do contrato, cabeceira de nómina ou certificado asinado pola persoa responsable.

• Profesionais: copia dalgunha das titulacións indicadas na base cuarta.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, desde as 9.00 ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

Os criterios de selección serán os indicados na base cuarta desta resolución, coa preferencia establecida para o persoal empregado público relacionado na dita base.

Fóra da dita preferencia, o criterio secundario de ordenación será a data e a hora de matrícula de cada persoa solicitante.

Novena. Matrícula. Importe e pagamento

1. O importe da matrícula será de seiscentos euros (600 €), salvo o indicado no punto seguinte.

2. Terán un réxime bonificado e corresponderalles un importe de matrícula de trescentos euros (300 €), ás persoas destinatarias relacionadas na base cuarta, punto 1.

3. O pagamento da matrícula poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos:

a) O pagamento, polo importe total (100 %) ou do primeiro prazo (60 %), deberá efectuarse dentro dos dous días seguintes ao da comunicación por parte da EGAP de ser seleccionado/a. No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 40 % restante farase efectivo entre o 10 e o 14 de xuño de 2024.

b) Todas as persoas seleccionadas recibirán no seu correo as instrucións para a formalización do pagamento da matrícula.

4. Unha vez formalizado o pagamento da matrícula, polo importe total, ou primeiro e segundo prazo no caso de que sexa fraccionado, deberá enviarse o correspondente xustificante bancario ao enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal, e especificar o nome e os apelidos da persoa seleccionada no curso. A confirmación final da admisión no curso de cada alumno/a quedará condicionada á recepción do dito xustificante no prazo establecido.

5. A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

Décima. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, das persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décimo primeira. Cambios ou substitucións na selección; renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o máis proonto posible e, en todo caso e como máximo, ata o día 20 de maio de 2024, ás 11.00 horas, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Traballo final titorizado.

Será necesario ter feito e superado o traballo final titorizado para ter dereito a realizar o exame final. As persoas que non entregasen o traballo final titorizado pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo segunda. Certificado electrónico de aproveitamento

Ao final do curso emitiráselles un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente, sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas presenciais, completasen o traballo final titorizado e obtivesen a cualificación de apto/a na proba final do curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo terceira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para sifacultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso, empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública