DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28187

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2024 pola que se convocan catro edicións do Curso básico de auxiliares de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2024 no Plan de formación aprobado polo Consello Reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de catro edicións do Curso básico de auxiliares de policía local, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Curso básico de auxiliares de policía local.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 24.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: dotar as/os auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que as/os capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais dos corpos da Policía Local.

Contidos:

– Intervención policial.

– Tráfico e seguridade viaria.

– Policía administrativa.

– Primeiros auxilios.

– Aplicacións policiais básicas do dereito penal e procesual-penal.

– Relacións coa cidadanía.

– Protocolo e saúdo.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal seleccionado e proposto polos concellos que poida prestar servizo como auxiliar de policía local de forma temporal, de acordo co previsto nos artigos 46 a 48 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Persoal seleccionado dentro do proceso selectivo unitario que desenvolve a Agasp dentro dos convenios asinados cos concellos.

Persoal integrante da lista de contratación creada ao abeiro dos procesos selectivos unitarios dos anos precedentes e se o curso realizado foi anterior ao ano 2021.

Para estes efectos, como se recolle no artigo 49.2 do citado decreto, non terán a obriga de facer o curso as persoas que o superasen nos últimos 4 anos, é dicir, a partir do ano 2021.

Prazas ofertadas:

60 prazas por edición.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

O prazo de inscrición e presentación das solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Os concellos que se encontren nesta situación deberán remitir un escrito asinado polo/a alcalde/esa dirixido á Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; (fax 886 20 61 22) en que figure a listaxe de persoas seleccionadas segundo o artigo 49 do Decreto 15/2023 para efectuar a correspondente reserva de praza para realizar o devandito curso.

A Agasp inscribirá automaticamente o alumnado procedente do proceso selectivo unitario.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

Antes do comezo de cada edición do curso básico, publicarase no sitio web http://agasp.xunta.gal o persoal admitido para realizalo.

4. Desenvolvemento da actividade.

Presentación: as persoas admitidas neste curso deberán presentarse ás 10.00 horas do día que comece o curso.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario lectivo: das 10.00 ás 14.00 h e das 15.30 ás 20.30 h.

Datas:

1ª edición: 27, 28 e 29 de maio de 2024.

2ª edición: 29, 30 e 31 de maio de 2024.

3ª edición: 3, 4 e 5 de xuño de 2024.

4ª edición: 10, 11 e 12 de xuño de 2024 (unicamente se realizará se hai solicitudes).

Certificado de superación do curso:

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela e superen as probas que se determinen, de ser o caso.

5. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de abril de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública