DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28172

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de abril de 2024 pola que se establecen os formularios normalizados para a comunicación de empresa desenvolvedora de software, entidades xestoras e titulares de explotacións agrarias en relación co emprego dun caderno dixital de explotación agrícola comercial (CUE comercial) (códigos de procedemento MR407B, MR407C e MR407D).

O Real decreto 1054/2022, do 27 de decembro, establece e regula o Sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria, así como o Rexistro autonómico de explotacións agrícolas e o Caderno dixital de explotación agrícola.

Ese real decreto configura tres ferramentas informáticas chamadas a ser decisivas na xestión do sector primario.

En primeiro lugar, o SIEX, que é un conxunto de base de datos e rexistros administrativos interconectados (artigo 4.1) no que se integrarán de oficio, sen necesidade de que os titulares das explotacións gandeiras ou empresas conexas correspondentes realicen actuación adicional ningunha, os datos que constan nos rexistros, sistemas e bases enumerados na disposición adicional terceira –tales como o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, o Rexistro Nacional de Organizacións de Produtores e Asociacións de Organizacións de Produtores, o Rexistro Xeral de Operadores de Produción Ecolóxica, o Sistema Nacional de Información de Razas ou a base de datos Prolac. Trátase dunha sorte de plataforma e repositorio que integra toda a información con incidencia sobre o sector agropecuario que xa obra en poder da Administración. Con este sistema, as persoas agricultoras seguirán poñendo ao dispor da comunidade autónoma ou da Administración xeral do Estado, segundo os casos, os datos que xa teñen a obrigación de comunicar na forma prescrita nas disposicións normativas que lles impoñen tal obrigación na actualidade e a dita información envorcarase no SIEX, que, deste xeito, concentrará toda a información con incidencia sobre o sector agropecuario que as persoas particulares han de remitir á Administración por distintas vías, facilitando os seus labores de obrigas administrativas.

En segundo lugar, o REA é un rexistro electrónico, establecido e xestionado polas comunidades autónomas (artigo 6.1), que contén toda a información xeral da explotación agraria e relativa ás unidades de produción agrícola. O REA nútrese da información contida en rexistros administrativos autonómicos xa existentes e a información proporcionada polo operador. Desta forma integrarase de oficio, se procede, a información en poder da administración relativa a normativas sectoriais, entre as que se atopan o Rexistro Xeral da Produción Agrícola, nas declaracións obrigatorias no sector vitivinícola, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Titularidade Compartida ou no Catálogo de Explotacións Prioritarias, por poñer algúns exemplos. Para estes efectos, son os agricultores os que realizan os trámites relacionados cos rexistros anteriormente mencionados, que posteriormente son agrupados pola Administración autonómica no REA. En suma, o REA é un rexistro administrativo de novo cuño, xestionado polas comunidades autónomas –que son as que ostentan as competencias executivas nesta materia–, no que se aglutina a información relativa a cada explotación agraria e ás súas unidades de produción agrícola que xa obra en poder da Administración.

En terceiro lugar, o CUE (Caderno dixital de explotación agrícola) é un sistema electrónico en que as persoas titulares de explotacións agrarias con unidades de produción agrícola deben consignar os datos enumerados no anexo II (artigo 9.1) relativos á súa actividade agrícola, conforme determinados requisitos técnicos. Non é un rexistro administrativo, senón un sistema electrónico das persoas particulares no que determinadas persoas agricultoras deben consignar certa información referida á súa explotación e, como novidade, a norma exixe que a súa levanza se articule por medios electrónicos, excluíndo a posibilidade de utilizar o soporte papel.

Neste texto indícase que as persoas titulares de explotacións agrarias e as empresas conexas que sexan persoas físicas ou xurídicas ou entes sen personalidade xurídica relacionaranse coa autoridade competente por medios electrónicos por aplicación do artigo 14, números 2 e 3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 4 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Con respecto ao Caderno dixital de explotación agrícola, as persoas titulares de explotacións agrarias con unidades de produción agrícolas xestionarán electronicamente, sexan persoas físicas ou xurídicas ou entes sen personalidade xurídica, por aplicación do artigo 14, números 2 e 3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, un caderno dixital de explotación agrícola, cuxa información se consignará, de maneira electrónica, segundo os procedementos establecidos na normativa citada.

As persoas titulares de explotacións agrarias son as responsables da veracidade dos datos ou información que proporcionen e rexistren no CUE e a autoridade competente da Comunidade Autónoma será responsable do uso da información de que dispoña e custodie conforme os puntos anteriores.

Para os efectos previstos, as administracións públicas proporcionarán as persoas titulares de explotacións agrarias de maneira gratuíta e os sistemas informáticos necesarios para o cumprimento das correspondentes obrigacións de xestión do CUE.

As persoas titulares de explotacións agrarias xestionarán o CUE en formato electrónico, que proporcionará a información requirida aos REA correspondentes, que á súa vez serán directa e automaticamente interoperables cos sistemas que proporcione e xestione para o efecto o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A persoa titular de explotación agraria poderá utilizar os sistemas informáticos desenvoltos pola Administración, ou poderá utilizar calquera outro sistema informático da súa elección, sempre que cumpra cos requisitos técnicos que se establezan e co contido mínimo establecidos no artigo 10.3 Real decreto 1054/2022, do 27 de decembro.

Para tales efectos, as autoridades competentes desenvolverán os interfaces e servizos necesarios para permitir a comunicación entre os devanditos sistemas e o SIEX. Para asegurar a interoperabilidade e harmonización entre sistemas, por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, de acordo coas comunidades autónomas, estableceranse por parte da Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación, as correspondentes circulares de coordinación que recollan os protocolos estandarizados de comunicación entre os sistemas de xestión de iniciativa privada e os sistemas informáticos descritos no apartado anterior.

As comunidades autónomas, en coordinación co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación, velarán pola interoperabilidade entre o CUE, o REA e os rexistros sectoriais mencionados no artigo 6.2 Real decreto 1054/2022, do 27 de decembro, así como cos rexistros correspondentes as unidades gandeiras e empresas conexas.

Para levar a cabo esta interoperabilidade e harmonización no caso de que a persoa titular da explotación poida utilizar calquera outro sistema a súa elección o Ministerio de Agricultura a través do FEGA publicou una documentación complementaria que correspondente á comunicación dos diferentes colectivos para o uso de aplicacións comerciais. Neste documento descríbese o procedemento a seguir para a realización das comunicacións necesarias polos diferentes axentes que interactúen coas ferramentas informáticas de xestión de cadernos de explotación e co interface único de intercambio de datos entre as aplicacións comerciais de cadernos e os cadernos de explotación das comunidades autónomas.

O procedemento descrito afecta aos seguintes axentes:

• Empresa desenvolvedora de software: empresa que desenvolve software de cadernos dixitais de explotacións comerciais (CUE comercial).

• Entidade xestora: entidade que vai ter a relación directamente cos agricultores e que poderá utilizar 1 ou n CUE-comerciais.

• Persoa produtora: persoa titular de explotación que debe autorizar a entidade xestora para que poida ver os seus datos de rexistro e o caderno para o seu uso a través do CUE-comercial.

A comunidade autónoma correspondente terá constancia das entidades que desenvolvan o software e das entidades xestoras, e coñecerá en todo momento as que se atopan en vigor ou dadas de baixa.

A partir deste intre, a entidade xestora poderá comunicar os NIF das persoas produtoras que a autorizaran a xestionar os seus cadernos (dos cales solicitaría as autorizacións correspondentes).

Con base en toda esta información, é preciso que a comunidade autónoma habilite uns formularios na sede electrónica para que cada colectivo poida realizar a súa comunicación correspondente.

Con esta orde dáse cumprimento ao artigo 14 sobre o dereito e a obriga de relacionarse de xeito electrónico coas administracións públicas, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, dispón no seu artigo 1 que corresponde a esta consellería, dentro do marco das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma polo Estatuto de autonomía de Galicia, as competencias en materia de agricultura e desenvolvemento rural, en particular, o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

De conformidade co Real decreto 1054/2022, do 27 de decembro, que establece e regula o Sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria, así como o Rexistro Autonómico de Explotacións Agrícolas e o Caderno dixital de explotación agrícola, o obxecto desta orde é establecer os formularios normalizados para a comunicación dos seguintes procedementos:

a) Comunicación da empresa desenvolvedora de software para o emprego dun CUE comercial (código MR407B), anexo I.

b) Comunicación da entidade xestora que emprega un CUE comercial (co código MR407C), anexo II.

c) Comunicación do emprego dun CUE comercial por parte dunha persoa titular de explotación agraria (código MR407D), anexo III.

Artigo 2. Prazo de presentación das comunicacións

O prazo de presentación das comunicacións estará aberto todo o ano.

Artigo 3. Forma e lugar de presentación das comunicacións

As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, anexo II ou anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:

1. No caso do procedemento para a comunicación das empresas que desenvolven software para o emprego dun CUE comercial (código procedemento MR407B), as persoas interesadas deberán achegar coa comunicación (anexo I) a acreditación da persoa representante legal (se é o caso).

2. No caso do procedemento para a comunicación de entidades xestoras que empregan un CUE comercial (código procedemento MR407C), as persoas interesadas deberán achegar coa comunicación (anexo II) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal (se é o caso).

b) Autorización da persoa titular da explotación para o acceso á información do REA da súa explotación, para cubrir os datos do REA da súa explotación, para o acceso á información do CUE da súa explotación e para cubrir os datos do CUE da súa explotación (se é o caso).

3. No caso do procedemento para a comunicación do emprego dun CUE comercial por parte dunha persoa titular de explotación agraria (código procedemento MR407D), as persoas interesadas deberán achegar coa comunicación (anexo III) a acreditación da persoa representante legal (se é o caso).

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade comunicante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións dos actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file