DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28242

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 26 de abril de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

BDNS (Identif.): 758934.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS)
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 26 de abril de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7700 e polos seguintes importes e distribución plurianual: 500.000 € no ano 2024 e 500.000 € no ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, iniciarase o día hábil seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia desde as 8.00 horas e ata as 14.00 horas do día 15 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica