DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28129

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e de construción da hibridación dunha instalación solar fotovoltaica co parque eólico Serra do Páramo que Virandel, S.L. promove no concello do Páramo (Lugo).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Virandel, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da hibridación dunha instalación solar fotovoltaica co parque eólico Serrá do Páramo, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 15 de setembro de 2005, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar administrativamente, aprobar o proxecto de execución e recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do proxecto modificado do parque eólico denominado Serra do Páramo por unha potencia de 20 MW, expediente 081-EOL.

Segundo. Con data do 17 de xullo de 2008, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo resolveu autorizar a posta en servizo definitiva do parque eólico Serra do Páramo.

Terceiro. Con data do 3 de novembro de 2008, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu inscribir definitivamente no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia o parque eólico Serra do Páramo de 20 MW e outorgóuselle o número de rexistro RE-08-266, cunha potencia de 20 MW.

Cuarto. Con data do 5 de outubro de 2022, Javier Martí Delgado, en nome e representación de Virandel, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción para a hibridación dunha instalación solar fotovoltaica de 3.200 kW de potencia instalada situada no concello do Páramo (Lugo) co parque eólico Serra do Páramo que a empresa solicitante posúe na mesma localización citada nos antecedentes de feito precedentes.

Quinto. Con data do 10 de abril de 2023, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación) remitiu respectivamente ao Concello do Páramo, á Deputación Provincial de Lugo, ao Servizo de Montes de Lugo da Consellería do Medio Rural e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha separata do proxecto de hibridación de referencia co fin de que se formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

O concello do Páramo non remitiu resposta á solicitude de formulación de condicionado técnico no prazo establecido polo que se entende a conformidade co proxecto de hibridación e se continúa coa tramitación tal como indica o citado artigo 47.

Sexto. Mediante o Acordo do 11 de abril de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dunha instalación fotovoltaica no concello do Páramo (expediente LU-2022-05) publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 18, do 20 de abril de 2023, cunha potencia instalada de 3.200 kW.

Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.

Sétimo. Con data do 27 de abril de 2023, a Deputación Provincial de Lugo informou que as actuacións que se pretenden realizar atópanse fóra das zonas de dominio público e de protección das estradas provinciais de acordo coa definición dos artigos 37 a 40 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia.

Na mesma data, o Servizo de Montes de Lugo da Consellería do Medio Rural emitiu informe favorable sobre o proxecto de hibridación dunha instalación solar fotovoltaica co parque eólico Serra do Páramo, que recolle unha serie de condicionados.

Oitavo. Con data do 23 de maio de 2023, a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido pola Deputación Provincial de Lugo citado no antecedente de feito sétimo.

Noveno. Con data do 26 de maio de 2023, a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido polo Servizo de Montes de Lugo da Consellería do Medio Rural citado no antecedente de feito sétimo.

Décimo. Con data do 24 de novembro de 2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades resolveu «autorizar as obras contidas no proxecto de hibridación FV Serra do Páramo de 3,2 MW (separata para a DXPC) de decembro de 2022, asinado polo enxeñeiro industrial colexiado en Galicia 867, Francisco Javier Bouza Cabarcos, tendo en conta a nova versión da memoria da avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural do Proxecto de hibridación FV Serra do Páramo, asinada polo arqueólogo Cristobal Nodar», que recolle unha serie de condicionados.

Décimo primeiro. Con data do 21 de febreiro de 2024, a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades citado no antecedente décimo.

Décimo segundo. Con data do 7 de decembro de 2023, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo emitiu informe favorable sobre o proxecto técnico da hibridación de referencia co fin de obter a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por outros órganos da Administración.

Décimo terceiro. Con data do 21 de febreiro de 2024, requíreselle a Virandel, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou na mesma data a documentación requirida.

Décimo cuarto. A hibridación da planta solar fotovoltaica co parque eólico Serra do Páramo conta coa actualización da aceptabilidade para o acceso en rede de distribución subxacente da subestación Chantada 220 kV para unha potencia instalada de 23,375 MW e unha capacidade de acceso de 20 MW de acordo co recollido no documento emitido o 13 de xuño de 2022 polo xestor da rede de transporte.

Así mesmo, a instalación conta coa actualización do permiso de acceso e conexión á rede de distribución do 17 de xuño de 2022, de acordo co indicado no documento emitido o 3 de abril de 2023 polo xestor da mencionada rede (UFD Distribución Electricidad, S.A.), para unha potencia instalada de 23,375 MW cunha capacidade de acceso máxima para a instalación de 20 MW, que recolle unha capacidade de acceso de tecnoloxía eólica con permisos en vigor de 20 MW e unha capacidade de acceso concedida para hibridación a través de tecnoloxía fotovoltaica de 3,375 MW.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e correspóndelle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. Tendo en conta a data de inicio da tramitación da instalación de hibridación recollida no antecedente do feito cuarto, non procede o trámite ambiental regulado no título II, capítulo II, sección 2ª, da Lei 21/2013, do 9 do decembro, de avaliación ambiental, así como ningún dos procedementos de avaliación ambiental recollidos no título III, capítulo II, da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, no Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Virandel, S.L. para a hibridación dunha instalación solar fotovoltaica co parque eólico Serra do Páramo que a empresa solicitante posúe na mesma ubicación no concello do Páramo (Lugo) segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para a hibridación dunha instalación solar fotovoltaica co parque eólico Serra do Páramo que Virandel, S.L. posúe na mesma lozalización no concello do Páramo (Lugo), segundo o proxecto denominado Proxecto de hibridación FV Serra do Páramo de 3,2 MW nominal concello do Páramo (Lugo), asinado polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Bouza Cabarcos, colexiado nº 867 do ICOIIG.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante/Promotor: Virandel, S.L. (CIF B15637051).

Domicilio social: rúa Templarios, 4-6 baixo, 15670 O Burgo, Culleredo (A Coruña).

Situación: polígono 11, parcelas 2, 3, 11, 12, 109, 110 e 112, no concello do Páramo (Lugo).

Coordenadas UTM ETRS89: X: 612.226, Y: 4.798.196.

Potencia instalada planta fotovoltaica (inversores): 3.200 kW.

Potencia instalada hibridación (fotovoltaica+eólica): 23.200 kW.

Potencia instalada evacuable hibridación: 20.000 kW.

Potencia instalada evacuable planta fotovoltaica: 3.200 kW.

Características técnicas principais das instalacións:

– Instalación solar fotovoltaica conectada á rede de distribución de 3.200 kW de potencia nominal (3.705 kWp), formada por:

– Cinco mil setecentos (5.700) módulos solares fotovoltaicos de silicio monocristalino de 650 Wp por unidade colocados sobre unha estrutura metálica fixa, con inclinación 25º e fincada ao chan mediante zapatas de formigón armado.

– 16 inversores de 200 kW de potencia nominal, limitada á potencia de acceso máxima autorizada para a instalación híbrida mediante o sistema de control existente para o parque eólico Serra do Páramo.

– Centro de transformación (CT) en caseta prefabricada que albergará un transformador de 3.250 kVA de aceite con relación de transformación 20/0,8 kV e un transformador de 5 kVA con relación de transformación 0,8/0,4/0,23 kV para servizos auxiliares, coas correspondentes celas de liña, medida e protección.

– Liña eléctrica soterrada a 20 kV, en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 95 mm², de 356 m de lonxitude, coa orixe na cela de liña do CT e final na cela proxectada na subestación existente do parque eólico Serra do Páramo.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A hibridación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Virandel, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior, o promotor deberá solicitar a modificación da inscrición da instalación no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de dous meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais