DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28137

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2024, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa de peche de infraestruturas de distribución de enerxía eléctrica (expediente IN407A 2023/263-2).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa de peche de infraestruturas de distribución de enerxía eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: rúa A Batundeira, 2, Velle, Ourense.

Denominación: desmontaxe CT Malecón, 27SS22 (Sarria).

Situación: concello de Sarria.

Finalidade da instalación: peche de instalacións.

Presuposto: 1.900,81 euros.

Documentación complementaria:

– Copia do proxecto.

Feitos:

Primeiro. O 14.9.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a esta xefatura territorial o outorgamento da autorización administrativa de peche definitivo das instalacións descritas no proxecto de execución denominado Desmontaxe CT Malecón, 27SS22 (Sarria).

Segundo. O 10.4.2024, os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a solicitude feita por UFD Distribución Electricidad, S.A.

Terceiro O proxecto presentado por UFD Distribución Electricidad, S.A. non se someteu ao trámite de información pública, de conformidade co disposto no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Consideracións legais e técnicas:

1. En virtude do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, o Decreto 49/2023, do 19 de maio, polo que se modifica o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo é o órgano competente para outorgar a autorización administrativa previa de peche definitivo das instalacións de distribución de enerxía eléctrica cando o seu aproveitamento afecte só a Comunidade Autónoma de Galicia e a súa tensión de servizo sexa inferior a 132 kV.

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e en outros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 18 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

3. As características técnicas máis significativas das instalacións recollidas no proxecto técnico denominado Desmontaxe CT Malecón, 27SS22 (Sarria), obxecto da solicitude de outorgamento da autorización administrativa previa de peche, son:

– Desmontaxe do CT Malecón 27SS22, cunha potencia de 630 kVA (expediente 6678 AT).

– Desmontaxe de 10 metros de condutor tipo RHZ1-240 desde a arqueta de entrada ao CT ata a cela de liña.

– A baixa tensión atenderase desde o CT avenida Benigno Quiroga, 7 (27SV53) e desde o CT Calvo Sotelo, 102 (27CS11).

4. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece no seu artigo 38.2 que se considerarán elementos constitutivos da rede de distribución todos aqueles activos da rede de comunicacións, proteccións, control, servizos auxiliares, terreos, edificacións e demais elementos auxiliares, eléctricos ou non, necesarios para o axeitado funcionamento das redes de distribución, incluídos os centros de control en todas as partes e elementos que afecten as instalacións de distribución.

5. No seu artigo 39.1, a dita Lei 24/2013, do 26 de decembro, dispón que o peche definitivo das instalacións de distribución estará sometido, con carácter previo, ao réxime de autorizacións establecido no artigo 53 precisando, polo tanto, autorización administrativa previa. O procedemento para o seu outorgamento é o indicado nos artigos 135 a 139 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

De acordo con todo o indicado e de conformidade co título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro,

RESOLVO:

Conceder a autorización administrativa previa de peche definitivo das instalacións pertencentes á rede de distribución de enerxía eléctrica de UFD Distribución Electricidad, S.A. de características descritas e que se atopan recollidas no proxecto denominado Desmontaxe CT Malecón, 27SS22 (Sarria) coas seguintes consideracións:

– De conformidade co establecido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o peche definitivo de instalacións solicitado por UFD Distribución Electricidad, S.A. implicará o seu desmantelamento e, considerando a planificación proposta, disporá para a súa execución do prazo dun (1) mes contado a partir da data de recepción da presente resolución.

– A presente autorización outórgase sen prexuízo daquelas concesións e autorizacións que sexan necesarias de acordo con outras disposicións que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, tal e como se dispón no artigo 120.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– Segundo o establecido no artigo 111 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a presente autorización circunscríbese ás instalacións de tensión maior de 1 kV.

– Unha vez rematado o desmantelamento, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitará a esta xefatura territorial o levantamento da acta de peche da instalación.

– En cumprimento do establecido no artigo 155 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, as servidumes de paso de enerxía eléctrica, inherentes ás instalacións de distribución, quedarán extinguidas no momento en que sexa emitida a acta de peche.

– En cumprimento do establecido no artigo 138.3 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a resolución deberá ser publicada no DOG.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.

Lugo, 12 de abril de 2024

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo