DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28075

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Cerdeira da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cerdeira, no concello das Neves (expediente RE22012).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Cerdeira da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cerdeira, no concello das Neves (expediente RE22012).

O 1.12.2023, o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 6.9.2022 e número 2022/2206752, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Cerdeira solicita a revisión do esbozo do monte Cerdeira (Resolución de clasificación do 26.5.82). A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22012. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo do monte Cerdeira de setembro de 2022. Asinada polo enxeñeiro forestal núm. 883 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Cerdeira do 20.11.23 da aprobación en asemblea do 22.7.2023.

– Cartografía en formato dixital.

– Representación a favor da empresa Asociación Forestal de Galicia.

Segundo a memoria técnica levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora, durante o percorrido detectaron marcos de todo o perímetro e encravados, a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan das propiedades privadas. Xustifican a necesidade da revisión do esbozo por conter moitas deficiencias respecto á delimitación real do monte.

O monte Pousadoiro, hoxe monte veciñal de Cerdeira, correspóndese co antigo monte de utilidade pública núm. 327 do Catálogo e está deslindado e marcado. Dentro do seu perímetro existen varios encravados de propiedade particular. O monte consta dos seguintes deslindes aprobados en vía administrativa: CMVMC de San Cibrán de Ribarteme (PO-DESC-04/14), CMVMC de San Xosé de Ribarteme (PO-DESC-04/16) e CMVMC de Santa Eulalia de Batalláns (PO-DESX-01/15).

Pese estes trámites o esbozo da carpeta-ficha non foi revisado acorde a estas modificacións de lindes polo que se pretende con esta tramitación presentar ante a Administración a delimitación completa actualizada de todo o perímetro en formato dixital tanto destes tramos como do resto do perímetro do monte veciñal.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo do monte Cerdeira con Resolución de clasificación do 26.5.1982 e unha superficie de 659 ha.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal ten asinado un convenio ou contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural o 30.1.1987 co elenco núm. 3615598. Dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360216. Ademais, constan os seguintes actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC:

PO-13-PER/08. Isabel e Constante Martínez González.

PO-18-PER/08. Isabel e Constante Martínez González.

PO-18-PER/04. Fabiola e Carmen González Martínez.

PO-09-PER/01. Salvador Martínez González e María Boullosa González.

PO-01-PER/01. Floriano Martínez Martínez.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto é de 715,92 ha e 30,8 quilómetros e segundo o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Monte: Cerdeira.

Superficie: 715,92 ha.

Linde norte: montes de Santa Eulalia de Batalláns.

Linde sur: montes de San Cibrán de Ribarteme.

Linde leste: termo municipal de Arbo.

Linde oeste: montes de San José de Ribarteme.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Cerdeira (As Neves), expediente RE22012, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Cerdeira proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Cerdeira e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Cerdeira e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Cerdeira clasificado a prol da CMVMC de Cerdeira (As Neves), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 22 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra