DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28079

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Setados, Cachadiña e Aspra da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Setados, no concello das Neves (expediente RE22011).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Setados, Cachadiña e Aspra da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Setados, no concello das Neves (expediente RE22011).

O 6.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 30.8.2022 e número 2022/2150420 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Setados solicita a revisión do esbozo dos montes de Setados (Resolución de clasificación do 5.12.1980), Cachadiña e Aspra (Resolución de clasificación do 29.11.00). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22011. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo dos montes Setados, Cachadiña e Aspra, de agosto de 2022. Asinada polo enxeñeiro forestal núm. 883 do COETF de Galicia e modificada en decembro de 2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Setados de 22.11.2023 da aprobación en asemblea do 19.11.2023.

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora, durante o percorrido detectaron marcos de todo o perímetro e encravados, a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan das propiedades privadas. Xustifican a necesidade da revisión do esbozo por conter moitas deficiencias respecto a delimitación real do monte.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo son os seguintes MVMC:

– Setados. Clasificación do 5.12.1980 e unha superficie de 30,00 ha.

– Cachadiña. Clasificación do 29.11.2000 e unha superficie de 3,50 ha.

– Aspra. Clasificación do 29.11.2000 e unha superficie de 1,80 ha.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal non consta superficie de xestión pública e dispón dun documento simple de xestión inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 360279. Así mesmo, non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo desagregada por montes:

– Cachadiña. Superficie de 2,47 ha e perímetro 944 m.

– Aspra. Superficie de 1,76 ha e perímetro de 755 m.

– Setados. Composto polos montes Medáns, Daquel Cabo e Carreiroute. A superficie de 17,76 ha e un perímetro de 4.050 m.

Coa proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

ID MONTE 2619:

Monte: Setados.

Superficie: 17,76 ha.

Linde norte: montes de Santiago de Ribarteme.

Linde sur: río Miño.

Linde leste: montes de Vide.

Linde oeste: montes das Neves.

ID MONTE 2923:

Monte: Cachadiña.

Superficie: 2,47 ha.

Linde norte: camiño que vai de Pedrouzán a Carboeira e muro de pedra granítica que pecha coas propiedades particulares.

Linde sur: camiño de Pedrouzas a Castro e antigos de pedra que están sobre o terreo que delimitan coas propiedades particulares.

Linde leste: con propiedades particulares e os lindes están ben definidos por muros de pedra.

Linde oeste: con propiedades particulares e os lindes están ben definidos por muros de pedra.

Monte: Aspra.

Superficie: 1,76 ha.

Linde norte: camiño de acceso a propiedades e muro de pedra granítica que pecha coas propiedades particulares.

Linde sur: río Termes.

Linde leste: río Termes.

Linde oeste: muro de pedra que delimita as propiedades particulares.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Setados (As Neves), expediente RE22011, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade.

2. Para estes efectos, o xurado provincial de montes veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivo parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo dos montes Setados, Cachadiña e Aspra, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Setados e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro, e a documentación achegada.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais denominados Setados, Cachadiña e Aspra e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Setados, Cachadiña e Aspra, clasificados a prol da CMVMC de Setados (As Neves), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 22 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra