DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28084

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Soutelo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Soutelo, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22010).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Soutelo, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Soutelo, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22010).

O 1.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 5.9.2022 e número 2022/191093 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Soutelo (Salceda de Caselas) solicita a revisión do esbozo do monte Soutelo. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22010. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo dos montes Pedra Queimada, Borraliños, Buraca e Coto e Chamorro, de agosto de 2022. Asinada pola enxeñeira forestal núm. 908 do COETFG e modificada o 25.5.23.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Soutelo de 22.11.23 da aprobación en asemblea do 19.3.23.

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica, levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora, durante o percorrido detectaron marcos de todo o perímetro e encravados, a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan das propiedades privadas. Xustifican a necesidade da revisión do esbozo por conter moitas deficiencias respecto a delimitación real do monte.

O Monte de Soutelo ten dúas parcelas:

– Parcela núm. 1: Pedra Queimada, Borraliños, Buraca e Coto. Monte que coincide co monte de utilidade pública núm. 507 deslindado por Orde ministerial o 22 de agosto de 1960, e o amolloamento foi aprobado por Orde ministerial o 2 de outubro de 1962.

– Parcela núm. 2: Chamorro. Non existe un deslindamento previo. Ben que o uso continuado desta parcela pola CM de Soutelo permite determinar os seus límites que coinciden con pistas, camiños ou restos de muros doutras propiedades.

Consta no Servizo de Montes o expediente RE22023 de revisión de esbozo da CMVMC de Budiño, que se axusta ao límite coa CMVMC de Soutelo.

Consta no Servizo de Montes o expediente RE22036 de revisión de esbozo da CMVMC de Parderrubias, que se axusta ao límite coa CMVMC de Soutelo.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o MVMC denominado Soutelo co ID 3110. A superficie inicial clasificada segundo Resolución do 5.12.1980 é de 98 ha.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal non consta superficie de xestión pública e dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 360043-02. Así mesmo, constan os seguintes actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC:

– PO-29-PER/77. Argimiro Gándara Fernández/Mª Lidia Martínez Lameiro.

– PO-10-PER/10. Dolores Fernández Castiñeira.

– PO-08-PER/11. Manuel Estévez Muñoz.

Terceiro. A superficie total da revisión do esbozo achegada é de 82,23 ha e un perímetro revisado con propietarios particulares de 18.804 m, segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Monte: Monte Pedra Queimada, Borraliños, Buraca e Coto.

Superficie: 76,56 ha.

Perímetro: 17.434 m.

Linde norte: montes das parroquias de Budiño e Parderrubias.

Linde sur: propiedades particulares da parroquia de Soutelo.

Linde leste: montes e propiedades particulares das parroquias de Parderrubias e Entenza.

Linde oeste: propiedades particulares da parroquia de Soutelo.

Monte: monte Chamorro.

Superficie: 5,67 ha.

Perímetro: 1.370 m.

Linde norte: propiedades particulares da parroquia de Soutelo.

Linde sur: propiedades particulares da parroquia de Soutelo.

Linde leste: propiedades particulares da parroquia de Soutelo.

Linde oeste: propiedades particulares da parroquia de Soutelo.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Soutelo (Salceda de Caselas), expediente RE22010, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade.

2. Para estes efectos, o xurado provincial de montes veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Soutelo proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Soutelo e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro, e a documentación achegada.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Soutelo e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Soutelo clasificado a prol da CMVMC de Soutelo (Salceda de Caselas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 22 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra