DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28088

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado monte Lourido, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourido, no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente RE22030).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte Lourido, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourido, no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente RE22030).

O 7.12.2023, o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 21.9.2022 e co número 2022/2320044, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Lourido, concello de Cerdedo-Cotobade, solicitou a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Monte Lourido. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22030. Consta no expediente logo de emenda:

– Memoria valorada xustificativa de todas as accións realizadas (revisión de esbozo MVMC de Lourido, Cerdedo-Cotobade), asinada polo enxeñeiro de montes colexiado núm. 1.019 do COETFG, modificada en setembro de 2023.

– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Lourido, do 16.9.2022, da aprobación na asemblea xeral do 15.1.2022.

– Cartografía en formato dixital DATUM ETRS-89 FUSO 29.

Realízase a revisión de todo o perímetro lindeiro con propietarios particulares e axústase á base cartográfica da Dirección Xeral do Catastro. O MVMC Monte Lourido está formado por 4 cotos redondos:

– Monte de Abaixo ou O Catadoiro. Monte obtido mediante a Resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 21.9.1978.

– Coto de Outeiro, Monte de Arriba e As Bañas, Coto da Cruz e O Chope. Montes obtidos en virtude da sentenza ditada pola Sala do Civil do TSXG no recurso de casación 41/2004, interposto pola CMVMC de Cabenca e Biduído, en que é parte impugnada a CMVMC de Lourido, en que declara que non procede o recurso de casación interposto contra a sentenza ditada pola Audiencia de Pontevedra o 1.6.04.

Todos os montes lindan con propietarios particulares individuais excepto o Monte de Arriba e As Bañas, que linda polo peche dun pasteiro duns 30 metros coa CMVMC de Biduído e uns 700 metros coa CMVMC de Cabenca.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é parte do perímetro do MVMC de Monte Lourido, da CMVMC de Lourido, con Resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 21.9.1978 e unha superficie inicial de 22 ha. Asemade, inclúense os montes Coto de Outeiro, Monte de Arriba e As Bañas, Coto da Cruz e O Chope, obtidos pola sentenza ditada pola Sala do Civil do TSXG no recurso de casación 41/2004. Deuse conta ao Xurado de MVMC de Pontevedra o 26.6.2005.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non existe contrato de xestión pública coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Lourido dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia, co núm. 3600360, e vixente ata 2030.

– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.

Terceiro. O perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 7,28 km e unha superficie final de 44,18 ha. Non se modifican os límites da resolución de clasificación do MVMC de Lourido (ao seren límites tan xenéricos, seguen sendo coherentes coa inclusión dos novos montes).

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Lourido (expediente RE22030), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo Xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase realizar a marcaxe dos montes veciñais que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do MVMC Monte Lourido proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Lourido (Cerdedo-Cotobade)».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Monte Lourido, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte Lourido, clasificado a prol da CMVMC de Lourido (Cerdedo-Cotobade), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 22 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra