DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28070

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do montes veciñais denominados Santa María de Salceda e As Covas, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Salceda, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22013).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Santa María de Salceda e As Covas, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Salceda, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22013).

O 1.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 6.9.2022 e número 2022/2208329 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Santa María de Salceda solicita a revisión do esbozo dos montes Santa María de Salceda (Resolución de clasificación do 15.12.1980) e As Covas (Resolución de clasificación do 20.6.2013). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22013. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo dos montes Fonte Salgueiras e Covas de setembro de 2022. Asinada polo enxeñeiro forestal núm. 883 do COETF de Galicia e modificada o 6.7.2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Santa María de Salceda do 24.11.23 da aprobación en asemblea do 2.4.2023.

– Cartografía en formato dixital.

– Representación a favor da empresa Asociación Forestal de Galicia.

Segundo a memoria técnica levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora, durante o percorrido detectaron marcos de todo o perímetro e encravados, a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan das propiedades privadas. Xustifican a necesidade da revisión do esbozo por conter moitas deficiencias respecto á delimitación real do monte.

Estes montes estiveron na súa meirande parte catalogados como de utilidade pública no monte de UP 506, Fonte Salgueira e outros, deslindamento aprobado por Orde ministerial de decembro de 1960. A parcela As Covas no se atopa deslindada administrativamente. O monte Fonte Salgueira e outros atópase amolloado en todo o seu perímetro mentres que na parcela As Covas existen algúns marcos e muros que o delimitan dos predios particulares que o rodean.

Dentro do seu perímetro existen algúns enclavados de propiedade particular.

Nestes últimos anos solucionouse mediante un deslindamento a discrepancia coa CMVMC da Picoña, que derivou da deficiente clasificación destas dúas comunidades de montes. Tamén se chegou a un acordo informal coa CMVMC de Cristiñade (Ponteareas).

Pese estes trámites o esbozo da carpeta-ficha non foi revisado acorde a estas modificacións de lindes polo que se pretende con esta tramitación presentar ante a Administración a delimitación completa actualizada de todo o perímetro en formato dixital tanto destes tramos como do resto do perímetro do monte veciñal.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo son os montes Santa María de Salceda con Resolución de clasificación do 5.12.80 e unha superficie de 130 ha e o monte As Covas, con Resolución de clasificación do 20.6.2013 e unha superficie de 1,27 ha.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Santa María de Salceda dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 360139-01 e vixente ata 2031.

– O esbozo presentado da CMVMC de Santa María de Salceda respecta a liña de deslindamento aprobada polo Xurado de MVMC de Pontevedra coa CMVMC da Picoña. Tamén se respecta o linde co instrumento de xestión núm. 360008 da CMVMC de Cristiñade.

– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC. Autorizouse a permuta PO-08-PER-20 co solicitante Granxa Pegullal, S.A. pero non se reflexa na cartografía.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 115,16 ha e 15,50 km e segundo o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Monte: Santa María de Salceda ou Fonte Salgueira.

Superficie: 113,95 ha.

Perímetro: 14.855 m.

Linde norte: termo municipal de Ponteareas.

Linde sur: propiedades particulares da parroquia de Santa María de Salceda.

Linde leste: termos municipais de Ponteareas e de Salvaterra de Miño.

Linde oeste: MVMC da Picoña.

Monte: As Covas.

Superficie: 1,21 ha.

Perímetro: 640 m.

Linde norte: MVMC de San Xurxo.

Linde sur: propiedade particular.

Linde leste: propiedade particular e río Caselas.

Linde oeste: propiedade particular.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Santa María de Salceda (Salceda de Caselas), expediente RE22013, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade.

2. Para estes efectos, o xurado provincial de montes veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo dos montes Santa María de Salceda e As Covas proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Santa María de Salceda e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro, e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais denominados Santa María de Salceda e As Covas e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Santa María de Salceda e As Covas clasificado a prol da CMVMC de Santa María de Salceda (Salceda de Caselas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 22 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra