DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 6 de maio de 2024 Páx. 27734

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de maio de 2024 pola que se modifica a Orde do 27 de febreiro de 2024 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

A Orde do 27 de febreiro de 2024, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 49, do 8 de marzo), establece, entre outras cuestións, o prazo para a presentación da solicitude única. En concreto, o seu artigo 16.5 prevé, con carácter xeral, que o prazo de presentación da solicitude única se iniciará o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de abril de 2024. Así mesmo, o artigo 17, parágrafo 1, desta norma regula o prazo de modificación da solicitude única e, para tal efecto, dispón que, unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, as persoas solicitantes poderán modificar a solicitude ata o 31 de maio de 2024.

A disposición derradeira primeira do Real decreto 408/2024, do 23 de abril, polo que se modifica o Real decreto 1055/2021, do 30 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa das subvencións estatais para a renovación do parque nacional de maquinaria agraria, introduce unha disposición transitoria segunda no Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro, sobre a aplicación, a partir de 2023, das intervencións en forma de pagamentos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, e a regulación da solicitude única do sistema integrado de xestión e control, que regula unha adaptación de prazos e condicións para a campaña 2024, que, en particular, afecta os prazos de presentación e modificación da solicitude única da PAC na campaña 2024.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 27 de febreiro de 2024 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Un. O número 5 do artigo 16 queda redactado como segue:

«5. O prazo de presentación da solicitude única iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de maio, ambos incluídos. Non obstante, admitiranse solicitudes ata a data de finalización do prazo de modificación da solicitude única, de acordo coas condicións establecidas no artigo 108.3 do Real decreto 1048/2022».

Dous. O número 1 do artigo 17 queda redactado como segue:

«1. Unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, as persoas solicitantes poderán modificar a solicitude ata o 15 de xuño incluído».

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para executar esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural