DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 2 de maio de 2024 Páx. 27283

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo dos montes veciñais con denominación Monte Redondal e outros, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Angoares, no concello de Ponteareas (expediente RE22006).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais Monte Redondal e outros, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Angoares, no concello do Ponteareas (expediente RE22006).

O 1.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 1.2.2022 e con número 2022/2175832, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Angoares (Ponteareas) solicita a revisión do esbozo dos montes Monte Redondal e outros. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo dos montes Monte Redondal e outros de agosto de 2022, asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada co número 908 do COETFG e modificada o 16.5.2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Angoares do 1.12.2023 da aprobación na Asemblea Xeral do 28.4.2022.

– Cartografía en formato dixital.

– Representación a favor de AFG, S.A.

Segundo a memoria técnica, a clasificación do MVMC de Redondal e outros non conta con cartografía. Os MVMC obxecto de revisión de esbozo son 5 coutos redondos: (1) o Monte Redondal, (2) o Monte Campo de Fútbol, (3) os montes Caboucos 1 e Caboucos 2, (4) Monte Silva – Coto do Río – Cabalongo e (5) o Monte Cabo de Bouza. A CMVMC de Angoares realiza o levantamento topográfico e os lindes defínense principalmente por muros, xa que a maior parte do perímetro é con propiedades particulares. A CMVMC de Angoares, na memoria asinada polo técnico forestal competente, achega documentación suficiente que acredita a proposta da revisión do esbozo.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o MVMC de Monte Redondal e outros, clasificado o 3.11.1992 e co ID de monte 3030. A superficie inicial clasificada é de 7,00 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, non consta xestión pública nin actos de disposición no MVMC. Ademais, dispón dun documento simple de xestión inscrito no Rexistro Público de Montes Prdenados de Galicia co número 3600264.

A superficie e lindeiros totais é de 8,92 ha e un perímetro de 3.550 m. Desagregado segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica, quedaría do seguinte xeito:

Monte: Redondal.

Superficie: 0,14 ha.

Perímetro: 150 m.

Linde sur: Delio Carrera, José Costas, Alfonso Márquez.

Linde norte: camiño.

Linde leste: camiño.

Linde oeste: Ángel Fernández.

Monte: Campo de Fútbol.

Superficie: 6,03 ha.

Perímetro: 1.800 m.

Linde sur: Marcos Domínguez González, José Táboas, Domingos Otero.

Linde norte: Manuel Lago Lago, Pablo Sobral Alonso, Solita Sobral Alonso, Dolores Sobral Alonso.

Linde leste: José Fernández Márquez, Regino Giráldez Voo, Ermelinda Groba Ferreira, Carmen Bouza Amil, F. Manuel Souto.

Linde oeste: río Tea, Marcos Domínguez González.

Monte: Caboucos número 1 e número 2.

Superficie: 0,39 ha.

Perímetro: 370 m.

Linde sur: Carmen Lago Gómez e outros particulares.

Linde norte: predios particulares.

Linde leste: José Lago, Nieves Andrade e outros propietarios particulares.

Linde oeste: río Tea.

Monte: Silva, Coto do Río, Cabalongo.

Superficie: 1,92 ha.

Perímetro: 950 m.

Linde sur: Gabino González, Bienvenida Pazo, Comunal San Mateo e outros particulares.

Linde norte: Carolina Carballido, Benjamín Rodríguez, Manuel Blanco, camiño e outros particulares.

Linde leste: Manuel Lago, Emilio Montenegro, María Lago, Hipólito Graña, Argentina Rodríguez e outros particulares.

Linde oeste: camiño.

Monte: Cabo da Bouza.

Superficie: 0,44 ha.

Perímetro: 280 m.

Linde sur: propietario particular, Amancio.

Linde norte: Comunal Fontenla.

Linde leste: estrada.

Linde oeste: camiño.

Terceiro. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Angoares (Ponteareas), expediente RE22006, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común:

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitarlle á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas da Comunidade Veciñal de Montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo Xurado, porase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados e interesadas.

4. Aceptada a revisión, poderase realizar a marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, porase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade das persoas interesadas de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo de Monte Redondal e outros proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Angoares e queda definido consonte os datos reflectidos no feito segundo e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais con denominación Monte Redondal e outros, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais con denominación Monte Redondal e outros, clasificados a prol da CMVMC de Angoares (Ponteareas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 19 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra