DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 2 de maio de 2024 Páx. 27280

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Coello, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourido, no concello de Soutomaior (expediente RE22009).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Chan do Coello, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourido, no concello de Soutomaior (expediente RE22009).

O 1.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 26.10.2022 e con número 2022/2615474 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Lourido solicita a revisión do esbozo do monte Chan do Coello. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22009. Consta no expediente:

– A memoria técnica da revisión do esbozo do Monte Chan do Coello, de agosto de 2022, asinada pola enxeñeira forestal número 908, do COETFG, e modificada en decembro de 2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Lourido do 22.11.23 da aprobación na asemblea do 21.5.2023.

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora. Durante o percorrido detectaron marcos de todo o perímetro e enclavado; a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan das propiedades privadas. Xustifican a necesidade da revisión do esbozo ao executar o deslindamento coa CMVMC de Cotobade-Castrillón. O monte Chan do Coello ten un levantamento topográfico feito no ano 1886, onde veñen descritos os seus lindes e un plano que o acompaña. Recentemente acaba de asinar un deslindamento coa CMVMC de Moreira.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o MVMC denominado Chan do Coello, co ID 3144. A superficie inicial clasificada é de 40 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, non consta superficie de xestión pública, consta unha expropiación (PO-03-EXP/04) de 0,58 ha para o ancheamento e mellora do trazado da CP Arcade-Amoedo (Pazos de Borbén) 3ª fase. Así mesmo, non dispón dun instrumento de ordenación e xestión do monte.

A superficie total da revisión do esbozo achegada é de 35,80 ha e dun perímetro revisado con propietarios particulares de 10.700 m, segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Monte: Chan do Coello.

Superficie: 35,80 ha.

Perímetro: 10.700 m.

Linde norte: monte Landeiro de Sobral e Val.

Linde sur: predios propietarios particulares e MVMC de Moreira.

Linde leste: MVMC de Cotobade-Castrillón e predios de propietarios particulares.

Linde oeste: Manuela Orentina Blanco Lorenzo, Agustín Lorenzo Cabano, José Manuel Albán Blanco, Nicanor Ocampo Fraga, María Bouzón Bugallo e outros predios de propietarios particulares.

Terceiro. O 30.11.2022 o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Lourido (Soutomaior), expediente RE22009, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitarlle á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo Xurado, porase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados e interesadas.

4. Tras ser aceptada a revisión, realizarase a marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, porase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Chan do Coello proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Lourido e queda definida consonte os datos reflectidos no feito segundo, e a cartografía que consta no expediente».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Coello, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Coello, clasificado a prol da CMVMC de Lourido (Soutomaior), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 19 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra