DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 2 de maio de 2024 Páx. 27287

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte Gulpilleira da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María do Porriño, no concello do Porriño (expediente RE22005).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do Monte Veciñal denominado Monte Gulpilleira da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María do Porriño, no concello do Porriño (expediente RE22005).

O 15.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 1.9.2022 e número 2022/2176351 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC ) de Santa María do Porriño solicita a revisión do esbozo do monte Monte Gulpilleira. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo do monte Monte Gulpilleira de maio de 2023. Asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 908 do COETFG e modificado en decembro de 2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Santa María do Porriño do 15.12.2023 da aprobación en asemblea do 23.4.2023.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N.

Segundo a memoria técnica o Monte Gulpilleira correspóndese co monte de utilidade pública núm. 496 deslindado e amolloado. Téñense en conta as sentenzas, permutas e expropiacións que modificaron o perímetro inicial clasificado e no ano 2004 realízase o levantamento topográfico de todo o perímetro.

A CMVMC de Santa Mariña do Porriño na memoria asinada por técnico forestal competente achega documentación suficiente que acredita a proposta da revisión do esbozo.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o MVMC de Monte Gulpilleira clasificado o 13.1.1987 e co ID de monte 3198. A superficie inicial clasificada é de 45 ha que se incrementou pola existencia de sentenzas xudiciais que recoñecen a superficie da residencia sanitaria e da feira do gando como MVMC e as permutas P06/2000 e P17/2001.

A superficie e lindeiros segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica quedaría do seguinte xeito:

Monte: Monte Gulpilleira ten unha superficie: de 55,65 ha e perímetro: 8.645 m distribuído en dous cotos redondos:

– Monte Gulpilleira parcela Norte.

Superficie: 54,83 ha.

Norte: Concello de Mos.

Sur: camiño público e propiedades particulares.

Este: Antonio Boente Fernández e outras propiedades particulares.

Oeste: Josefa Álvarez Godoy e outras propiedades particulares.

– Monte Gulpilleira parcela Sur.

Superficie: 0,82 ha.

Norte: Isabel Rodríguez Loureiro, Ministerio de Transportes, Mobilidade Urbana e Axenda Urbana.

Sur: Jesús Novas Barros,Flora García Lago.

Leste: Ministerio de Transportes, Mobilidade Urbana e Axenda Urbana.

Oeste: camiño público.

Terceiro. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Santa María do Porriño (O Porriño), expediente RE22005, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade.

2. Para estes efectos, o xurado provincial de montes veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivo parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Monte Gulpilleira proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Santa María do Porriño e queda definido consonte os datos reflectidos no feito segundo, e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Monte Gulpilleira e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte Gulpilleira clasificado a prol da CMVMC de Santa María do Porriño (O Porriño), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 19 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra