DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 2 de maio de 2024 Páx. 27291

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Oia, no concello de Vigo (expediente RE22004).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Oia, no concello de Vigo (expediente RE22004).

O 1.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 30.8.2022 e número 2022/2152599 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de San Miguel de Oia (Vigo) solicita a revisión dos esbozos dos Montes Veciñais en Man Común (en diante, MVMC) Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo dos montes Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno de agosto de 2022. Asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 908 do COETFG.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de San Miguel de Oia do 22.11.2023 da aprobación en asemblea do 22.3.2023.

– Cartografía en formato dixital.

– Representación a favor de AFG, S.A.

Segundo a memoria técnica o esbozo do MVMC pola súa antigüidade non reúne as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas. O monte correspóndese parcialmente co monte de utilidade pública núm. 538 e realizouse un levantamento topográfico (precisión centimétrica) en que se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora da comunidade de montes, durante ese percorrido identificaronse os marcos de todo o perímetro e do encravado. A CMVMC de San Miguel de Oia na memoria asinada por técnico forestal competente achega documentación suficiente que acredita a proposta da revisión do esbozo.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo son os MVMC de Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno co ID 3198. A superficie inicial clasificada é de 80 ha.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal non consta superficie de xestión pública, non constan actos de disposición que modifiquen a superficie inicial clasificada. A CMVMC de San Miguel de Oia posúe instrumento de xestión inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co número 360041.

A superficie e lindeiros segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica é a seguinte:

Monte: Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno.

Superficie: 82,71 ha.

Perímetro: 7.349 m.

Linde norte: predios particulares de Pereiras, Devesa, Carballosa, Sela e Carpinteira.

Linde sur: monte veciñal en man común da parroquia de Saiáns.

Linde leste: monte veciñal en man común da parroquia de Coruxo.

Linde oeste: predios particulares deste.

Terceiro. O 30.11.2022, o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de San Miguel de Oia (Vigo), expediente RE22004, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade.

2. Para estes efectos, o xurado provincial de montes veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo dos montes Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de San Miguel de Oia (Vigo)».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais denominados Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Monte Carballosa, Armada, Rioseco, Lameiras, Chan Grande e Monte Pequeno clasificado a prol da CMVMC de San Miguel de Oia (Vigo), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 19 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra