DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 30 de abril de 2024 Páx. 26775

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 18 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia (código de procedemento IN421L).

BDNS (Identif.): 757169.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.

Para os efectos desta resolución, consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.

Segundo. Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 18 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia (código de procedemento IN421L).

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 1.276.330,00 €.

Código de proxecto: 2024/00012.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Liña de axuda

Aplicación orzamentaria

Total (€)

RE. Proxectos de enerxías renovables eléctricas

09.A3.733A.773.0

1.000.000,00

PAE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

09.A3.733A.773.0

276.330,00

Total

1.276.330,00

Este crédito está cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (subintervención 68720_4-Renovables. Eficiencia enerxética), nun 28 % por fondos propios da Comunidade Autónoma e nun 12 % por fondos finalistas do Estado.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados nestas bases reguladoras. Non se poderá ampliar o financiamento da convocatoria unha vez que se resolva o procedemento de concesión das axudas.

Quinto. Contía da axuda

A contía da axuda será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 € por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2024.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia