DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 30 de abril de 2024 Páx. 26724

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia (código de procedemento IN421L).

missing image file

O Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, establece as normas que regulan os obxectivos xerais e específicos que deben perseguirse coa axuda da Unión financiada no marco da política agrícola común, os tipos de intervencións e requisitos comúns para que os Estados membros persigan os ditos obxectivos, así como os plans estratéxicos da PAC que deben elaborar os Estados membros, e que establecen as metas, as condicións das intervencións e a asignación dos recursos financeiros, de conformidade cos obxectivos específicos e as necesidades recoñecidas.

Neste contexto, e mediante a Decisión de execución da Comisión, do 31 de agosto de 2022, aprobouse o Plan estratéxico da PAC de España (Pepac), modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2023) 5746 final, do 30 de agosto de 2023, e polo que se instaura unha estratexia única que abrangue todas as intervencións da PAC, durante o período 2023-2027, para todo o territorio nacional.

No dito plan recóllese á intervención 6872, Investimentos en servizos básicos en zonas rurais (Subintervención 68720_4-Renovables. Eficiencia enerxética), que contribúe á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, e mellora a captura de carbono, así como promove a enerxía sustentable.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, e mantén a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo. Entre as súas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións. As actuacións que se desenvolverán enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e é coherente coa RIS3 Galicia e a Axenda Enerxética de Galicia 2030.

A presente convocatoria financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para a anualidade 2024 e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 1.276.330 euros.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións, co obxecto de fomentar o aforro enerxético e a implantación de enerxías renovables no sector agrícola primario.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras:

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN421L).

2. Convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións destinadas a proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria. Este procedemento axustarase ao disposto nas propias bases, sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro) e Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas obxecto destas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

Cando se trate de proxectos de enerxías renovables, esta convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41, Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables, de hidróxeno renovable e da coxeneración de alta eficiencia, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014.

Cando se trate de proxectos de aforro e eficiencia enerxética, esta convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 38, Axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co disposto no artigo 6 destas bases reguladoras non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedimento de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. Tanto a merca de terreos e os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

2. As actuacións deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, entendendo como tal o ámbito de aplicación do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

A delimitación destas zonas onde se debe realizar a actuación está definida a nivel de parroquia en función do grao de urbanización. So serán elixibles as parroquias definidas como rurais ou intermedias para os efectos da aplicación do Feader na páxina web do Inega.

3. As actuacións axustaranse ás especificacións indicadas nas presentes bases e á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia de enerxía.

4. Que o solicitante non teña sido sancionado pola Consellería de Economía e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou de tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

5. Todos os proxectos financiados ao amparo destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). O principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixa os obxectivos ambientais que hai que protexer:

a) Mitigación do cambio climático.

b) Adaptación ao cambio climático.

c) Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

d) Transición cara a unha economía circular.

e) Prevención e control da contaminación.

f) Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

6. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 1.276.330,00 €.

Código de proxecto: 2024/00012.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Liña de axuda

Aplicación orzamentaria

Total (€)

RE. Proxectos de enerxías renovables eléctricas

09.A3.733A.773.0

1.000.000,00

PAE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

09.A3.733A.773.0

276.330,00

Total

1.276.330,00

Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (subintervención 68720_4-Renovables. Eficiencia enerxética), nun 28 % por fondos propios da Comunidade Autónoma e nun 12 % por fondos finalistas do Estado.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados nestas bases reguladoras. Non se poderá ampliar o financiamento da convocatoria unha vez que se resolva o procedemento de concesión das axudas.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.

Para os efectos desta resolución consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.

Para os efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014, no cal se considera empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas no punto anterior.

Pola contra, non poden ser centros consumidores de enerxía nin as persoas particulares (comunidades de propietarios) nin as empresas recollidas no artigo 5.

Contarase, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluída a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes.

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e, con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no número 1 deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e pode dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda, segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

– As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

– As empresas do sector da pesca e acuicultura, por aplicación do artigo 1.3.a) do Regulamento (UE) nº 651/2014.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– Os sectores a que se refire o número 3 do artigo 1 do Regulamento 651/2014.

– As empresas que non cumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Os/as solicitantes da axuda encherán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non estaren en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan

Serán subvencionables todas aquelas actuacións descritas nos artigos 7 e 8 que se executen nas zonas rurais da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables (téñase en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez que se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 30.

Artigo 7. Actuacións subvencionables de enerxías renovables

1. Serán subvencionables os custos dos investimentos necesarios para o desenvolvemento de instalación que xeren electricidade a partir de fontes de enerxías renovables. En concreto, serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (para os efectos destas bases considéranse minieólica aquelas instalacións cunha potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario na modalidade de subministración con autoconsumo.

No caso de instalacións de xeración eléctrica de autoconsumo con excedentes nas cales a suma da potencia instalada (tendo en conta a instalación prevista e as preexistentes) no centro de traballo sexa superior a 100 kW, será condición imprescindible para ser subvencionable a presentación da autorización administrativa previa e de construción na fase de solicitude de axuda ou ben xustificación de non seren de aplicación as citadas autorizacións.

Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 20 % para unha irradiación de 1.000 W/m2 e a unha temperatura de 25 ºC.

O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.100 €/kW para instalacións fotovoltaicas e 2.500 €/kW para instalacións minieólicas, IVE non incluído.

Para os efectos destas bases considérase potencia nominal da instalación a potencia mínima entre a potencia nominal dos inversores e o sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados. En instalacións illadas da rede a potencia nominal coincidirá co sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 5.000 euros por solicitude (IVE non incluído).

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico que pode constar de unha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas que se valorarán de xeito conxunto. Considéranse actuacións homoxéneas aquelas que integren varios equipamentos da mesma tecnoloxía renovable/eficiente. As actuacións homoxéneas deberán ser cursadas nunha única solicitude por emprazamento, salvo no caso de instalacións de autoconsumo colectivo conforme o Real decreto 244/2019, que poderán incluír varios emprazamentos nunha única solicitude, ou varias solicitudes para as diferentes partidas do mesmo proxecto colectivo.

Considéranse actuacións non homoxéneas e que, polo tanto, deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos de distintas tecnoloxías, ou as instalacións de xeración eléctrica que vertan a distintos CUPS.

4. As actuacións deberán cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que a actuación o requira.

Artigo 8. Actuacións subvencionables de aforro e eficiencia enerxética

1. Serán proxectos subvencionables as actuacións que acaden un aforro enerxético en relación coa situación inicial igual ou superior a 0,1 kWh de enerxía final por cada euro de investimento elixible.

Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociados ás actuacións de aforro para as cales se solicita axuda e incluso a implantación de sistemas de procesamento avanzado de datos aplicados á optimización do consumo enerxético da empresa no tocante á análise dos consumos enerxéticos das actuacións subvencionadas.

2. O aforro enerxético debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 13. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

Para os cambios de equipamentos xeradores de calor en instalacións de auga quente sanitaria e climatización, os equipamentos novos que se instalen deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 4, e un coeficiente de eficiencia enerxética en modo refrixeración (EER) igual ou superior a 3,0, nas condicións establecidas na norma UNE– EN 14511, sempre que os equipamentos estean incluídos no campo de aplicación da devandita norma. Excepcionalmente, poderán subvencionarse equipamentos cuns coeficientes de rendemento menores sempre e cando se xustifique que non existe no mercado tecnoloxía dispoñible máis eficiente para esa solución particular.

No caso de mellora de instalacións de iluminación, a instalación resultante debe cumprir os requisitos que sexan de aplicación definidos na norma UNE-EN 12464 (iluminación dos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial deberá xustificarse cun estudo lumínico que o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.

3. Nos proxectos de aforro e eficiencia enerxética, conforme o recollido no artigo 38 do Regulamento 651/2014, consideranse custos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel mais elevado de eficiencia enerxética. Así, cando os custos do investimento en eficiencia enerxética consistan nun investimento claramente identificable destinado unicamente a mellorar a eficiencia enerxética e para a que non exista un investimento de contraste con menos eficiencia enerxética, entón os custos subvencionables serán o total dos custos do investimento. No resto dos casos, os costes subvencionables determinaranse comparando os custos do investimento cunha hipótese de contraste sen axuda, do seguinte xeito:

a) Cando a hipótese de contraste consista en realizar un investimento con menos eficiencia enerxética que corresponda á práctica comercial normal no sector ou a actividade de que se trate, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para ao cal se concede a axuda estatal e os custos do investimento con menos eficiencia enerxética.

b) Cando a hipótese de contraste consista en que se realice o mesmo investimento nun momento posterior, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o cal se concede a axuda estatal e o valor actual neto dos custos do investimento posterior, actualizados ao momento en que se levaría a cabo o investimento que recibe a axuda.

c) Cando a hipótese de contraste consista en manter en funcionamento as instalacións e equipamentos existentes, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o cal se concede a axuda estatal e o valor actual neto do investimento no mantemento, reparación e modernización das instalacións e equipamentos existentes, actualizados ao momento en que se levaría a cabo o investimento que recibe a axuda.

Sen prexuízo do disposto nas alíneas a), b) e c), os custos subvencionables poderanse determinar sen a identificación dunha hipótese de contraste. No devandito caso, os custos subvencionables serán o total dos custos de investimento directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética e as intensidades de axuda aplicables reduciranse nun 50 %.

4. Non se concederán axudas en virtude desta epígrafe no caso de que as melloras se realicen para que as empresas se adecúen a normas da Unión xa adoptadas, salvo que estean concluídas cunha antelación mínima de 18 meses antes da entrada en vigor.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados.

5. As axudas reguladas por esta orde atenderán ao principio de «Non causar un dano significativo» (principio DNSH) ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

Artigo 9. Custos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como o custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto e da solicitude de axuda. No caso de instalación de xeración eléctrica considéranse custo subvencionable os equipamentos de acumulación de enerxía asociados.

b) Os proxectos que cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 7 e 8 serán subvencionables.

c) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

d) Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

e) Non se admitirán no orzamento partidas globais; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

d) Os gastos anteriores á presentación da solicitude, salvo os traballos preparatorios. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

e) A obra civil non asociada directamente á instalación dos equipamentos.

f) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

g) As conducións de distribución eléctrica, salvo cando estes sexan parte do circuíto de xeración renovable ou estean asociados directa e exclusivamente á medida de aforro e eficiencia enerxética.

h) A rehabilitación da envolvente dos edificios, salvo que incorpore sistemas dinámicos.

i) As instalacións de iluminación de emerxencia, rótulos lumínicos e a iluminación de sinalización.

j) Operacións de mantemento (simple reposición...).

k) Os electrodomésticos (frigoríficos, fornos, cociñas, televisores, ordenadores…).

l) Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipamento mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.

m) A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

3. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foron obxecto de subvención anteriormente.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial.

Artigo 10. Contía da axuda

A contía da axuda será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 11. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

Artigo 12. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Para facilitar a acreditación da representación achégase un modelo no anexo II destas bases.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa e unha parte técnica.

a) Documentación administrativa:

i. Nomeamento de representante (anexo II) cando proceda.

ii. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

iii. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda.

iv. Para acreditar a titularidade admitiranse os seguintes documentos: titulo de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado de declaración responsable (asinada polo representante legal da empresa solicitante) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

v. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 euros, a persoa beneficiaria deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considerase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír como mínimo o NIF, a razón social e o enderezo da empresa oferente, o NIF, a razón social e o enderezo da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo, así como características técnicas e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

vi. Se non teñen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

vii. As empresas, cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

viii. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1. Contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. O contrato deberá recoller a súa formalización con data igual ou posterior á data de presentación da solicitude de axuda da presente convocatoria, co obxecto de respectar o seu carácter incentivador.

2. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

ix. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa ou grande empresa, deberase achegar, ademais:

1º. Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas e vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

2º. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) para a tecnoloxía para a cal se solicite axuda. As tecnoloxías clasifícanse nas seguintes tipoloxías de proxectos: fotovoltaica-minieólica, iluminación eficiente e resto de proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

ii. Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipamento, potencia nominal e rendemento enerxético. No caso de módulos fotovoltaicos deberán informar da eficiencia enerxética do módulo para unha irradiación de 1000 W/m2 e unha temperatura de 25 ºC.

iii. Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes, achegaranse tamén fotografías destes.

iv. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía da vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

c) Ademais, nos casos en que proceda tamén se debe achegar a seguinte documentación técnica:

i. Para proxectos de aforro e eficiencia enerxética, documento denominado Ficha de consumos segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2023 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Non será precisa a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación.

ii. Para proxectos de instalacións de xeración eléctrica achegarase declaración responsable do representante legal da empresa da porcentaxe que representan os custos enerxéticos da empresa en relación cos custos totais no último exercicio de que se teña información.

iii. Para proxectos de instalacións de xeración eléctrica achegarase declaración responsable do representante legal da empresa solicitante informando da existencia ou non de instalacións de autoconsumo eléctricas preexistentes da mesma tecnoloxía e da necesidade ou non de autorización administrativa previa ou de construción para a actuación prevista, utilizando o modelo dispoñible na páxina web do Inega.

iv. No caso de proxectos que requiran autorización administrativa previa ou de construción da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, deberá achegarse copia da autorización na fase de solicitude de axuda.

v. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegarase hipótese de contraste (investimento de referencia) conforme o indicado no artigo 8.

vi. Para as instalacións de mellora de iluminación, fotovoltaicas e minieólicas copia de facturas de merca de electricidade do último ano do centro de traballo en que está prevista a execución da instalación.

vii. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificar no documento o nome completo, o DNI e a cualificación do técnico asinante), na cal se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento Memoria técnica PAE_ILU), o seu uso, e se declare que tras os estudos lumínicos realizados, se constata o cumprimento da norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso. Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial deberá achegarse estudo lumínico en que se xustifique que o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.

viii. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación, xuntarase escrito xustificativo dos motivos.

ix. No caso de instalacións de autoconsumo colectivo, achegarase acordo asinado por todos os participantes, que recolla os criterios de repartición en virtude do previsto no anexo I do Real decreto 244/2019. Adicionalmente, achegarase anexo asinado deste documento en que se estableza a enerxía anual xerada prevista (en kWh/ano) repartida entre os consumidores que participan do autoconsumo colectivo.

d) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa solicitante.

2. NIF da entidade solicitante.

3. DNI/NIE da persoa representante.

4. NIF da entidade representante.

5. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

6.Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

7. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

8. Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

9. Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

10. Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Tramites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia con expresión da relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Son obrigas dos beneficiarios en materia de información e publicidade as recollidas nos anexos II e III do Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021 polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) nº 2021/2015 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC, e na Instrución ARX Pepac 01/2023 de información, publicidade e visibilidade.

Artigo 18. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 19. Organos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 20. Instrución dos procedementos de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT); á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); á consellería competente en materia de facenda e ao Rexistro Mercantil.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Articulo 21. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa que desempeña a xefatura do Departamento de Enerxía do Inega.

b) A persoa que desempeña a xefatura da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética

c) Un técnico do Inega.

2. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

3. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a listaxe de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a listaxe de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito da súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderanse asignar por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan suficientes para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 22. Criterios de valoración

1. Características técnicas (ata 50 puntos).

Para proxectos de aforro e eficiencia enerxética valorarase o cociente de aforro de enerxía por cada euro de investimento elixible (kWh de aforro/€ de investimento elixible), da seguinte forma:

Rateo aforro/investimento

Puntuación

AE< 0,1

0 puntos

0,1 ≤ AE ≤1,0

Puntuación = 50 ×(AE-0,1)/(1,0-0,1)

AE ≥ 1,0

50 puntos

Onde AE= aforro enerxético anual de enerxía final do proxecto en kWh/€ de investimento elixible.

Para proxectos de enerxías renovables valorarase:

A) Incidencia do custo enerxético na competitividade do centro de traballo: valorarase a razón de 3 puntos por cada 1 % que representen os custos enerxéticos da empresa en relación cos custos totais no último exercicio de que se teña información ata un máximo de 30 puntos.

B) Instalacións renovables preexistentes.

• Con instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 0 puntos.

• Sen instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 20 puntos.

2. Explotacións agrarias prioritarias (ata 20 puntos)

Outórganse 20 puntos ás explotacións inscritas na sección de explotacións agrarias prioritarias do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Para acceder a esta puntuación deberase indicar o código do Reaga para poder contrastar a información coa Consellería do Medio Rural.

3. Localización xeográfica do proxecto (ata 30 puntos).

Valoraranse os proxectos en función da renda dispoñible bruta por habitante do concello en que se desenvolvan priorizando os que se localicen en zonas economicamente menos favorecidas. En concreto, utilizaranse os datos de renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos correspondentes ao ano 2021 que se poden descargar da web do Instituto Galego de Estatística no enderezo www.ige.eu. Outórganse 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante de Galicia, e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente utilizando dous decimais.

No caso de empates, priorizaranse as solicitudes con maior puntuación na epígrafe Características técnicas. A puntuación máxima que pode acadar unha solicitude é de 100 puntos e a puntuación mínima requirida para que o proxecto cumpra a finalidade da convocatoria e se considere subvencionable establécese en 30 puntos.

Artigo 23. Resolución de concesión

1. Elaborada a proposta de resolución prevista no artigo 21.2 destas bases, esta será elevada á persoa titular da Dirección do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2029, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación da persoa ou persoas beneficiarias, o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de baremación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, se é o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 25. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 26. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será validada polo órgano instrutor co obxecto de verificar o cumprimento do establecido nestas bases reguladoras.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola persoa titular da Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 27. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 24.2 destas bases reguladoras.

Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

Os controis administrativos e sobre o terreo que se leven a cabo axustaranse ao disposto no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos, cando se trate de pemes e por un período mínimo de cinco anos, cando se trate de grandes empresas, contado desde o remate do proxecto.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda.

g) Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de non causar prexuízo significativo (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. Para tal efecto, a persoa beneficiaria asinará unha declaración responsable segundo o modelo dispoñible na web do Inega, https://www.inega.gal/

h) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, e conforme o disposto no Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, anexos II e III, e na Instrución ARX Pepac 01/2023 de información, publicidade e visibilidade, a persoa beneficiaria das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader. Así, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o apoio do Feader mostrando:

1º. O emblema da Unión Europea e, xunto a el, a declaración «Cofinanciado pola Unión Europea».

2º. Una referencia á axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

3º. O logotipo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

4º. O símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

Durante a realización da operación, informará o público da axuda obtida do Feader, presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión.

i) A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feader implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda co contido previsto no número 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

j) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Subcontratación

Permitirase que a persoa beneficiaria subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona, nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2024.

Artigo 31. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 24 destas bases reguladoras.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física), NIF do solicitante (persoa xurídica) e NIF do representante da persoa xurídica.

3. No suposto de que transcorra o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 32. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. O destinatario último da axuda deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación delas, asinada polo representante legal.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar en orixinal ou copia auténtica electrónica os documentos, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a cal se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.), en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, o número e a data do cheque, e o NIF e o nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, para os efectos de data de pagamento, considerarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 30 das bases reguladoras.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas alíneas a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considérase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarios para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire esta epígrafe.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existiren modificacións no proxecto, deberanse indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

d) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude).

e) Certificado asinado polo técnico instalador, no cal se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Lémbrese que a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

Naqueles proxectos de xeración eléctrica de potencia superior aos 10 kW achegarase no seu lugar o certificado de dirección de obra.

f) No caso de instalacións de xeración eléctrica, xustificante de solicitude de inscrición no Rexistro de Instalacións de Baixa Tensión, no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

Para o resto de proxectos, cando proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

g) Para instalacións de autoconsumo eléctrico, declaración do instalador e do beneficiario de que a instalación de autoconsumo obxecto da subvención se clasifica como subministración de autoconsumo con ou sen excedentes conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). No caso de instalacións sen excedentes, debe xuntarse a esta declaración documentación xustificativa do mecanismo antivertedura.

h) No caso de que sexa exixible pola normativa vixente, deberá contarse coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se obtivese a autorización, si deberá terse solicitado, o que se acreditará documentalmente.

i) No caso de que sexa exixible pola normativa vixente, presentarase a solicitude á empresa distribuidora do punto de interconexión na rede eléctrica.

j) Para instalacións de xeración eléctrica de máis de 25 kW, certificado de inspección da instalación de baixa tensión favorable emitido por organismo de control.

k) No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento Memoria técnica PAEI_ILU), o seu uso, e se declare que, tras as medicións realizadas, se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.

l) Declaración responsable de que se respectará a normativa ambiental aplicable vixente e, en particular, os procedementos de avaliación ambiental, cando sexan de aplicación, conforme a lexislación vixente.

m) Declaración responsable do cumprimento do proxecto do principio de non causar prexuízo significativo (DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852.

n) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feader, segundo o modelo dispoñible na páxina web do inega (www.inega.gal).

Artigo 33. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

3. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital con un importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 34. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. O Sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas están regulados na Lei 30/2022, do 23 de decembro, e as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común e a modificación de varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027 están recollidas no Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro.

2. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, ou cando concorra algunha das causas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

b) Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial, e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non manter a publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 28 destas bases suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

5. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre los fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feader.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 28.h) destas bases reguladoras.

6. No caso de condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada nesta epígrafe só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 35. Réxime de sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Artigo 36. Fiscalización e control

1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 37. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Inega efectúe o último pagamento ao beneficiario, de acordo co disposto no artigo 82.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

2. Para todo o non previsto no punto anterior será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 38. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE I 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohexión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013.

d) Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común, e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013.

e) Regulamento delegado (UE) nº 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.

f) Regulamento de execución (UE) nº 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.

g) Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

h) Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

i) Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

j) Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

k) Circular de coordinación 37/2023 relativa ao Plan nacional de controis das Intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023-2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.

l) Instrución ARX Pepac 01/2023 de información, publicidade e visibilidade.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file