DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 26 de abril de 2024 Páx. 26340

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sada

ANUNCIO da aprobación inicial do Plan especial de proteción, ordenación, infraestruturas e dotacións de Veigue.

Apróbase inicialmente o seguinte Plan especial polo Acordo da Xunta de Goberno Local, do 1 de febreiro de 2024, de conformidade co artigo 75.1.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 186.1.a) do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, e sométese a información pública por prazo de dous meses, contados desde a última publicación no Diario Oficial de Galicia.

O documento estará á disposición na sede electrónica deste concello https://sede.sada.gal e durante o devandito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais, para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes ou obter copias.

Así mesmo, suspéndese o outorgamento das seguintes licenzas nas áreas afectadas polo Plan especial e cuxas novas determinacións supoñan modificación do réxime urbanístico vixente, que son as seguintes:

a) Ámbitos afectados por sistemas xerais ou locais de infraestruturas de comunicacións, espazos libres e zonas verdes, equipamentos ou infraestruturas de servizos previstos polo PXOM, agás naquelas zonas habilitadas para a propia execución destes.

b) No solo urbano consolidado cando a ordenanza de aplicación en cada caso supoña unha modificación respecto da fixada polo PXOM.

c) Nos ámbitos de núcleo rural en que a ordenanza de aplicación en cada caso supoña unha modificación respecto da fixada polo PXOM.

e) No solo rústico só se suspenderán as licenzas no caso xeral da alínea a) anterior (zonas afectadas por sistemas xerais ou locais).

Os ditos ámbitos identifícanse graficamente nun plano de situación.

O alcance das licenzas que suspende delimítase da seguinte maneira:

A suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas estará referida unicamente ás licenzas de parcelación de terreos e demolición e, en calquera caso, non afectará as seguintes actividades:

a) Obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio e non xustificadas por razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.

b) Licenzas de primeira ocupación.

c) Proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento xeral en vigor e o previsto no PEPOID.

Para este efecto, entre a documentación presentada para a solicitude das ditas actuacións, será preciso xustificar o cumprimento simultáneo de ambos os instrumentos.

d) Actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo PEPOID.

Para este efecto, entre a documentación presentada para a solicitude dos ditos actos, haberán de xustificar a súa adecuación ao presente PEPOID.

Sada, 5 de abril de 2024

Óscar Benito Portela Fernández
Alcalde