DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 25 de abril de 2024 Páx. 26029

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 9 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de abril de 2024 polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e aproveitamentos forestais, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á LAT 132 kV DC SE Ludrio-SE San Cibrao e modificación da entrada na SE Ludrio da LAT 132 kV SC SE Ludrio-SE Meira, nos concellos de Castro de Rei, Pol e Lugo, que promove Begasa (expediente 2019/25 AT).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do acordo indicado no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

a) Contido do acordo e condicións que o acompañan:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á LAT 132 kV DC SE Ludrio-SE San Cibrao e modificación da entrada na SE Ludrio da LAT 132 kV SC SE Ludrio-SE Meira, nos concellos de Castro de Rei, Pol e Lugo (Lugo), que promove Begasa.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica titulado Modificado da LAT 132 kV DC sub. Ludrio-sub. San Cibrao e modificación da entrada na sub. Ludrio da LAT 132 kV SC sub. Ludrio-sub. Meira (revisión 1).

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, o que implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

4. Declarar a compatibilidade da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica cos seguintes dereitos mineiros: autorización de aproveitamento de augas minerais, industriais e de manancial LU/B/02005 Balneario de Lugo da sección B), do titular Balneario de Lugo; e permisos de investigación LU/C/05629 San Lucas, LU/C/05635 ampliación a San Lucas, LU/C/05649 San Javier, do titular Ingemarga, S.A.

5. Declarar a compatibilidade da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica cos aproveitamentos forestais nos seguintes montes veciñais en man común (MVMC) da provincia de Lugo: MVMC Amorín e Carqueixeiras; MVMC Arco de Santa María e Penalba; MVMC As Regas, Penas Apertadas, Astrar, Abuín, Pontigo, Cales Vellas e Sande; MVMC Balbón, Amorín e Pedralba; MVMC Granda de Orizón, Bedro do Marco e Granda de Canaval; MVMC Labio; e MVMC Rodela.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. En cumprimento do disposto na DIA da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase a contía da fianza en 44.582,04 € (1,75 % do orzamento de execución material (PEE), dos cales 19.106,59 € corresponden á fase de obras (0,75 % do PEE) e 25.475,45 € á fase de desmantelamento e abandono das instalacións (1,00 % do PEE), que deberá constituír a promotora para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración.

A promotora, con carácter previo ao inicio das obras, deberá depositar a fianza correspondente á fase de obras na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1997, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento e abandono.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Modificado da LAT 132 kV DC sub. Ludrio-sub. San Cibrao e modificación da entrada na sub. Ludrio da LAT 132 kV SC sub. Ludrio-sub. Meira (revisión 1), asinado o 19.7.2022 polo enxeñeiro industrial Jorge Sanz Varea (colexiado nº 2.803 do COEIG) e visado por este colexio, con nº 20222779 e data 16.9.2022; e no cal figura un orzamento total de 3.267.481,70 euros.

3. A promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan siempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN (Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais); non obstante, a Xefatura Territorial (Xefatura Territorial de Lugo de esta consellería) poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica (formulada o 19.12.2023 polo órgano ambiental; DOG nº 4, do 5.1.2024), así como ás establecidas no correspondente Plan de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA). A este respecto, con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a DXPERN o referido PVSA, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, con informes favorables da DX de Patrimonio Natural, DX de Patrimonio Cultural, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e DX de Saúde Pública.

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

7. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a DXPERN a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica contemplada no proxecto de execución obxecto deste acordo.

8. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

9. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

10. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

11. Como anexo a este acordo recóllese a RBDA definitiva, que se empregará no procedemento expropiatorio, presentada pola promotora en 20.9.2023.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea o acordo:

1. O 6.5.2019 Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa); (en adiante, a promotora) presentou, ante a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV DC SE Ludrio-SE San Cibrao e modificación da entrada na SE Ludrio da LAT 132 kV SC SE Ludrio-SE Meira, nos concellos de Castro de Rei, Pol e Lugo (Lugo), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2019/25 AT. Segundo consta na documentación técnica presentada, a infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto conexionar a nova subestación de Ludrio (400/132/20 kV) coa subestación de San Cibrao, cunha liña eléctrica de 132 kV en dobre circuíto simplex. Ademais, para poder executar esta liña eléctrica, cómpre modificar a entrada na subestación de Ludrio da liña existente de 132 kV en simple circuíto que conecta as subestacións de Ludrio e Meira.

2. O 11.6.2019 a Xefatura Territorial solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (actualmente, Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático; en adiante, órgano ambiental), o inicio da avaliación de impacto ambiental simplificada da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, quen pediu aclaración de discrepancias con data 17.7.2019. A este respecto, a promotora presentou escrito en que aclara que solicita a tramitación da avaliación de impacto ambiental ordinaria e, previamente, a elaboración do documento de alcance. O 25.11.2019 a Xefatura Territorial remitiulle ao órgano ambiental esta petición da promotora, coa documentación achegada; e o 21.7.2020 o órgano ambiental emitiu o documento de alcance para a elaboración pola promotora do estudo de impacto ambiental (EIA), do cal a Xefatura Territorial deu traslado á promotora.

3. O 24.3.2021 a promotora presentou, ante a Xefatura Territorial, a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, para a referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, e achegou un proxecto modificado, en substitución do presentado inicialmente. A modificación do proxecto presentado inicialmente vén motivada polo informe emitido pola Dirección Xeral (DX) de Patrimonio Cultural, dentro do trámite de consultas previas á elaboración do documento de alcance, no cal se exixe a modificación da localización de catro apoios (nº: 20, 21, 67 e 68) para non afectar as áreas de protección arqueolóxica da zona, así como proxectar en subterráneo a instalación no cruzamento co Camiño de Santiago e co ámbito do territorio histórico considerado ben de interese cultural (BIC). Segundo consta neste proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada ten as seguintes características principais:

• Liña de alta tensión (LAT) aérea de 132 kV, cunha lonxitude de 17.031 m en condutor LA-280, dobre circuíto con configuración símplex e con cable de comunicacións OPGW 48 F. A súa orixe será no pórtico da subestación de Ludrio e o seu final, no pórtico da subestación de San Cibrao. Un dos circuítos desta liña derivarase desde o seu apoio 2 ata o apoio 2 da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Ceao e con final na subestación de Ludrio, para a conexión destas dúas liñas.

• LAT subterránea con condutor RHZ1 76/132 kV 3 (1×800 mm2), cun tramo en dobre circuíto de 370 m desde o apoio P67 da LAT aérea proxectada e outro tramo en que os dous circuítos, de 55 e 25 m, irán separados ata a posición correspondente da subestación de San Cibrao.

• Modificación da entrada na subestación de Ludrio da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, con orixe no pórtico de entrada da subestación de Ludrio, unha lonxitude de 237 m en condutor LA-280, simple circuíto con configuración tríplex, e cable de comunicacións OPGW 48 F e final no apoio 4 proxectado nesta LAT.

4. O 12.11.2021 a Xefatura Territorial trasladoulles as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, AXI, Deputación Provincial de Lugo, DX de Patrimonio Cultural, DX de Planificación e Ordenación Forestal, Movistar España (Telefónica) e concellos de Castro de Rei, Pol e Lugo. Simultaneamente, e polo que respecta ao EIA (estudo de impacto ambiental), a Xefatura Territorial solicitou informe ás seguintes entidades: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, DX de Planificación e Ordenación Forestal, DX de Patrimonio Cultural, DX de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, DX de Saúde Pública, DX de Emerxencias e Interior e concellos de Castro de Rei, Pol e Lugo.

5. Polo que respecta á concorrencia de utilidades públicas, entre a referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e dereitos mineiros, o 7.12.2021 a Xefatura Territorial emitiu informe en que se ditamina que procede iniciar o trámite de audiencia previa á declaración da compatibilidade coa autorización de aproveitamento de augas minerais, industriais e de manancial LU/B/02005 Balneario de Lugo da sección B), do titular Balneario de Lugo, e cos permisos de investigación LU/C/05629 San Lucas, LU/C/05635 ampliación a San Lucas, LU/C/05649 San Javier, todos estes do titular Ingemarga, S.A. A este respecto, o 13.1.2022 a Xefatura Territorial concedeulle audiencia ao Balneario de Lugo, quen presentou escrito con data 10.2.2022 facendo constar a escasa ou nula incidencia da obra prevista sobre o afloramento de augas mineromedicinais e termais, do cal se deu traslado á promotora, quen manifestou con data do 28.3.2022 que non ten nada que alegar. O 17.1.2022 a Xefatura Territorial concedeulle audiencia a Ingemarga, S.A., quen presentou escrito con data do 18.2.2022 en que fai constar que non vai presentar ningunha alegación á realización do proxecto, do cal se lle deu traslado á promotora, que manifestou con data do 22.3.2022 que non ten nada que alegar; e o 26.4.2022 a Xefatura Territorial emitiu informe en que conclúe que non hai interferencias para declarar a compatibilidade entre os ditos dereitos mineiros e a execución da infraestrutura eléctrica proxectada.

6. Polo que respecta á concorrencia de utilidades públicas, entre a referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e montes, o 18.1.2022 a DX de Planificación e Ordenación Forestal trasladoulle á Xefatura Territorial os tres informes emitidos polo Servizo de Propiedade Forestal de Lugo, dentro do trámite de consultas de separatas e do EIA (informe de avaliación de impacto ambiental de data 15.12.2021; informe de situación de predios con respecto a monte veciñal en man común con data do 28.12.2021; e certificado de aproveitamentos forestais de data 11.1.2022). Destes informes despréndese o seguinte: as afeccións sobre os seguintes montes veciñais en man común (MVMC): MVMC Amorín e Carqueixeiras; MVMC Arco de Santa María e Penalba; MVMC As Regas, Penas Apertadas, Astrar, Abuín, Pontigo, Cales Vellas e Sande; MVMC Balbón, Amorín e Pedralba; MVMC Granda de Orizón, Bedro do Marco e Granda de Canaval; MVMC Labio; e MVMC Rodela. A afección sobre os seguintes convenios coa Administración forestal (xestión pública): Convenio 2715617 Arco de Santa Mariña e Penalba, Convenio 2715055 As Regas e outros, Convenio 2715689 Vedros, Espiñeira e Pena e Convenio 2715593 Balbón, Amorín e Pedralba; emítese informe favorable sempre que a promotora realice un acto de disposición coa comunidade propietaria do MVMC (dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de MVMC) e tramite as correspondentes afeccións en xestión pública con base no estipulado na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

En consecuencia, a Xefatura Territorial realizou os trámites previstos no artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que finalizou coa remisión pola DX de Planificación e Ordenación Forestal á Xefatura Territorial, con data 15.5.2023, do informe do Servizo de Propiedade Forestal, con data do 12.5.2023, no cal se emite infome favorable sobre a compatibilidade da infraestrutura eléctrica proxectada e os MVMC afectados.

7. O 12.11.2021 a Xefatura Territorial ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto Modificado da LAT 132 kV DC sub. Ludrio-sub. San Cibrao e modificación da entrada na sub. Ludrio da LAT 132 kV SC sub. Ludrio-sub. Meira. Este acordo publicouse no DOG (30.11.2021) e no xornal El Progreso (30.11.2021) e, así mesmo, estivo exposto, xunto coa documentación sometida a información pública, nos concellos de Castro de Rei, Pol e Lugo , así como no portal de transparencia desta consellería. Durante o período de información pública presentáronse varios escritos de alegacións, dos cales se deu traslado á promotora, quen presentou a súa contestación a eles.

8. Con datas do 23.9.2022 e 28.9.2022 a promotora presentou, ante a Xefatura Territorial, unha nova documentación técnica, como consecuencia de adaptacións derivadas dos condicionados dos informes sectoriais e das alegacións dos afectados. Segundo consta neste novo proxecto de execución (revisión 1), o apoio nº 37 desprazouse fóra da contorna de protección do xacemento arqueolóxico Monte Castelo, para dar cumprimento ao informe da DX de Patrimonio Cultural.

9. Polo que respecta á tramitación ambiental da referida modificación (revisión 1), o 17.10.2022 a Xefatura Territorial deulle traslado desta ao órgano ambiental (proxecto de execución e EIA), esolicitoulle que valorasen e indicasen se a modificación introducida supón efectos significativos distintos dos previstos orixinalmente, sen que en data de hoxe conste a súa resposta.

10. O 19.4.2023 a Xefatura Territorial trasladou as novas separatas técnicas (revisión 1), para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica: DX de Patrimonio Cultural, DX de Planificación e Ordenación Forestal e Concello de Lugo.

11. O 5.7.2023 a Xefatura Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente e en cumprimento do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deu traslado deste á DX de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou un resumo da tramitación do 5.7.2023 e os seguintes informes, relativos ao proxecto Modificado da LAT 132 kV DC sub. Ludrio-sub. San Cibrao e modificación da entrada na sub. Ludrio da LAT 132 kV SC sub. Ludrio-sub. Meira (revisión 1), emitidos polo seu Servizo de Enerxía e Minas con data 30.5.2023: informe relativo á limitación á constitución de servidumes de paso de enerxía eléctrica, en que se conclúe que non se aprecia limitación para a expropiación dos terreos e imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica nas parcelas que se describen na RBDA, conforme o disposto no artigo 58 da Lei 23/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e informe sobre o proxecto de execución, de carácter favorable, para a autorización administrativa previa e de construción.

12. O 17.7.2023 a DXPERN, en cumprimento do disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deulle traslado ao órgano ambiental do referido expediente para os efectos de formular a declaración de impacto ambiental (DIA). O órgano ambiental resolveu, con data 19.12.2023, formular a DIA do proxecto Modificado do proxecto de LAT 132 kV DC sub. Ludrio-sub. San Cibrao e modificación da entrada na sub. Ludrio da LAT 132 kV SC sub. Ludrio-sub. Meira, nos concellos de Castro de Rei, Pol e Lugo, promovido por Begasa (clave 2019/0082), que se fixo pública mediante o Anuncio do 20.12.2023 do órgano ambiental (DOG nº 4, do 5.1.2024).

13. O 20.9.2023 a promotora presentou a documentación actualizada para expropiación, reflecten os acordos acadados ata ese momento (RBDA e declaración responsable cos acordos acadados cos propietarios afectados).

14. No expediente consta o informe emitido o 19.3.2024 polos servizos técnicos da DXPERN sobre a tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción e de declaración da utilidade pública, en concreto, así como da compatibilidade con diversos dereitos mineiros e aproveitamentos forestais da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais